miércoles 29 de julio de 2009

WESTER IV: SEN PERDÓN


Schofield Kid: “¡Meu Deus! Non me parece real. Xamais volverá a respirar, xamais. Está morto e o outro tamén. E só con apertar o gatillo.”
William Munny:
“Matar a un home é algo moi duro. Quítaslle todo o que ten e todo o que podería chegar a ter.”
Quen di esto fala con coñecemento de causa. William Munny (Clint Eastwood) é un tranquilo granxeiro viúvo e con 2 fillos, pero no pasado foi un ser violento e depravado, un desapiadado asasino que mataba mulleres e nenos e que acadou a redención e volveu o rego do bo camiño grazas a súa dona.
Agora as dificultades económicas lévano a facer un último traballo polo que ofrecen unha boa recompensa: matar a dos vaqueiros que lle cortaron a cara a unha puta en Big Whiskey, Wyoming.
Acompáñano na aventura Ned Logan (o sempre magnífico Morgan Freeman) e un xoven pistoleiro Schofield Kid (Jaimz Woolvett, que xa colaborara con Eastwood en “O fora de lei”. Andan tamén por aí outros actores de peso como Gene Hackman e Richard Harris.
Si hai alguén que revitalizou o xénero do wester ese é Clint Eastwood. Primeiro as ordes de Sergio Leone e mais tarde xa como director/actor con películas como Inferno de Covardes (1972), O fora da lei (1976), O xinete pálido (1985) e Sen perdón (1992). Esta última unha auténtica obra mestra.
Sen perdón desmitifica o vello Oeste. É esta unha película de antiheroes, de falsos pistoleiros medio cegos, de ex-pistoleiros auténticos vellos e cansos, de sheriffs autoritarios e sádicos, de armas que se encasquillan, de prostitutas solidarias.
Unha reflexión sobre a violencia, quizais sobre a inutilidade da violencia.

Todo encaixa a perfección: guión axeitado e coherente; unha fotografía brillante a veces, sombría outras, sempre sublime, con planos que rozan o lirismo; implacable caracterización das personaxes que acadan mais e mais profundidade conforme avanza o film; magnífica interpretación dos actores; dirección, banda sonora. Todo encaixa.
Eastwood, que empezou sendo no espaguetti-wester o Home sen Nome (un mozo cun poncho) foi madurando cos anos e fíxose mais duro e mais sabio e, xa como William Munny, marcha de Big Whiskey na noite baixo a choiva, só, vello pero non vencido. Atrás deixa unha aura de medo pero tamén de respeto e admiración. A mellor homenaxe que o xenial Clint lle podía facer o wester, o cine.

jueves 23 de julio de 2009

PROTEXENDO O CAPITAL


O Escobar seica lle roubaron un carro,
anos mais tarde a Sabina o mes de abril.
Xa que logo, e por si acaso, poñerei a bo recado,
as folerpas de neve,
as miradas cómplices,
os albumes da morriña,
as coartadas de barro cando baixa a marea,
un dente de allo,
aquela canción dos Stones,
xoguetes rotos,
saltos mortais,
recordos esquecidos,
a forza da gravidade con vento a favor,
os conxuros contra as derrotas,
as teas de araña do faiado,
os cortes de manga ó destino,
estes delirios de pobreza,
este dribbing en fora de xogo,
esta présa por chegar a algures,
este desexo de ti.

martes 14 de julio de 2009

VIAXE DE PRACER


Para viaxar o territorio salvaxe dos teus peitos non preciso de mapas, nin maletas Roncato, nin ofertas de aeroliñas de baixo custe. Bástame co desexo, esa forza tan primaria, tan instintiva, tan visceral.

lunes 6 de julio de 2009

IMPRESOS BILINGÜES


Este que vedes aquí é un impreso que dan nos cuarteis da Garda Civil para a solicitude ou renovación de armas de fogo. Como podedes apreciar (pinchar na imaxe para ampliala) está en castelán e na zona superior di: “En la parte opuesta lengua gallega”.
Vale, impreso bilingüe. Deámoslle a volta, pois.



Contra, pero si tamén está en castelán! Cuspidiño, cuspidiño o da cara A. A única diferencia (pinchar na imaxe para ampliala) é que na zona superior pon: “En la parte opuesta lengua castellana”. Coño, e nesta tamén, digo eu!

¿Será esto ó que Feijoo lle chama bilingüismo harmónico?
¿Ou será unha falcatruada mais de actual Xunta de Galicia na súa teima de persecución e asoballamento da lingua galega?
Queren sacar ó galego do sistema educativo, dos exames das oposicións e polo que se ve tamén dos impresos, neste caso coa desinteresada colaboración da Garda Civil, sempre o servicio do pobo.