
PAPA: seica é o representante de Deus na terra. Autoritario, tradicional, retrógrado, machista. Amante da pompa e do boato, afastado da realidade social. Parece pór mais interese en viaxar e na boa saúde das contas bancarias do Vaticano que en erradicar os habituais casos de pederastia no seo da igrexa. Alguén debería comentarlle que cando Xesús dixo “deixade que os nenos se acheguen a min” non era para abusar deles.
Por suposto, tanto el como a cúpula papal gustan de papalicar nas papatorias, gozan coas paparotas, e algúns amosan unha mais que sospeitosa papada.
PAPÓNS: ovelliñas fieis que seguen (o Papa) con entusiasmo, que o escoitan con devoción, que ondean bandeirolas, que berran, que devecen; que esperan horas para velo pasar, fugaz e altivo, no seu auto blindado; que comulgan con rodas de muíño (co indixestas que deben ser).

PAPAHOSTIAS: políticos que lle bailan a auga; que malgastan o diñeiro público nestas andrómenas; que miran para outro lado cando saen a relucir os trapos sucios da igrexa, os escándalos, as contradiccións; que lle bican a man (o Papa) con moito fervor.
E despois estamos nós: que soportamos o Papa, que convivimos cos papóns, que sufrimos estoicamente ós papahostias. A verdade é que non sei como cualificarnos.