viernes, 8 de diciembre de 2006

Noite triste


Baixo o ceo matemático da NASA
cazadores furtivos engaiolaron esta noite
o derradeiro soño da lúa
e Halley foi un cometa ferido,
pendurado dos seus dedos e aparellos.

Esta noite preto dos cristais blindados
das entidades bancarias
algúns homes falecen de frío
mentres pasan indiferentes
coches-patrulla e vehículos oficiais.

E o pulmón verde da Amazonia
tamén é máis pequeno e feble.
Polos sendeiros milenarios veñen e van
taludos monstros de ferro,
asoballando escuros nativos que esmorecen
porque lles ripan a selva
e a selva é a súa patria
e ata a súa alma.

Orfas tamén de peixes e medusas
as ondas carrexan as queixas
que soben do leito do Atlántico
porque o están matando a eito,
tanto bidón radioactivo,
tanto lixo mergullado
nos latexos do corazón da auga.

Esta noite o mundo
é un pouco máis pobre
e está un pouco máis triste.

Maldita noite vendida a Míster Dólar,
maldita noite de moinantes,
maldita noite.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Moinantes somos todos na maldita noite, uns máis ca outros cando non somos quen de elixir.