lunes, 25 de diciembre de 2006

MANUAL DE INSTRUCCIÓNS PARA O SÁBADO NOITE

Asomarse á noite con anseios ocultos.
Busca-lo neon e ós colegas
polas esquinas de sempre.
Sen pausa percorre-los pubs
deixando ca bebida esvare
nas gorxas ousadas e feiticeiras.
Estreitar mans, facer amigos, sorrir
falar de cousas sen senso,
ser conquistador entre as rapazas,
ser filósofo na porta do retrete.
Cuspir contra a oficina do Banco Pastor
e sentirse satisfeito.
Berrarlle os escaparates
que venden mellor e máis barato,
e despois fuxir do acoso
das fiestras alumeadas.
Camiñar ledo e sen vergoña
e cambalear de cando en vez.
E máis tarde coa présa
do amencer sobre as costas,
cando xa toquen fondo diñeiro e tabaco,
cando o cansazo suba polas pernas
e navegue polos ollos,
cando a luz dea vertixe
e o centro de gravidade non exista,
acercarse ó derradeiro pub aberto
para seguir bebendo o necesario alcohol
que faga realidade o naufraxio
dun sábado calquera pola noite.

martes, 19 de diciembre de 2006

Heroes


Heroes con promesas de autoestradas
e de agullas hipodérmicas.

Heroes que emerxen de noxentos
sumidoiros fumando “Lucky Strike”
e din que son americanos orixinais.

Heroes bébedos de Bacardí con Coca-Cola
e cicatrices de asfalto polos beizos
e mans batuxadas de marxinación,
doutoradas na lei das navallas.

Heroes de garaxe e acelerador,
chapas dos Rolling Stones e coiro negro,
que fan o amor nos asentos traseiros
de coches que fuxen a 200 km/h.

Heroes esquecidos, fillos dun billar
e dunha estación do metro,
perdedores a miúdo no xogo da vida,
hóspedes de cuartos poeirentos
sen máis equipaxe ca derrota
e un silencio pendurado a cotío da ollada.

Heroes á beira da cidade,
á beira do olvido,
á beira da morte.

sábado, 16 de diciembre de 2006

ONDE SE ENXERGA A CHOIVA


Onde o desexo é un río a calquera parte,
onde se enxerga a choiva a cidade
era unha patria que navegabamos
descalzos, sen présas, contra o vento,
mentres absurdos sentinelas de alcatrán
espreitaban os nosos antigos soños
por riba da apoucada luz dos abrentes.

E puidemos facer maxia na súa xeometría,
tece-los bicos á beira da lei,
no bosque de antenas parabólicas,
na demora ritual diante do semáforo
mentres a radio esparexe un “country”
e Dolly Parton lévanos ás pradeiras.

Ser felices entre tanta néboa
e sen embargo ...

Algún día iraste, dixéchesme,
e souben que eramos corazóns sen rumbo
ó final dunha rúa sen nome.

Onde se enxerga a choiva que mergullou
o que un día non lonxano foi noso
só quedan agora lembranzas da treboada,
tristes pingueiras nos mármores das terrazas,
fotocopias de bicos adurmiñados,
cinxidos a teimosa soidade dos náufragos,
e molladas cabinas de teléfono
desde as que nunca chamaches.

lunes, 11 de diciembre de 2006

MALOS TEMPOS

Malos tempos
para medrar tan a modo.

Espertas a atopas este barullo
de formigón e automóbiles,
este cárcere de neón que agachou
a herba, a alquimia dun sorriso
entre tanto monóxido de carbono.
O medo alampa polas rúas,
Magnuns-45 acobíllanse ca cintura,
hai flores de plástico radioactivo
e avións supersónicos sementando
un cheirume a morte no serán
dun ceo contaminado.

Espertas e descobres
que os deuses só viven
nas tarxetas de crédito
e que as portas dun videoclube
dan sen rodeos no inferno.
Esmorece a cidade
no espello retrovisor
dun coche suicida.
Hai mans que se cinguen a fíos
de sangue, condenados que agardan
a orde derradeira, animais
en extinción, loiras cibernéticas
e só trinta mortos
na operación saída.

Espertas e preguntas
que está a pasar aquí.

Síntocho: Son malos tempos
para medrar tan a modo.

ÓS ANTIGOS DEUSES

Ós antigos deuses
non lles faledes
destas frías metrópoles
onde camiñar e utopía
e a palabra unha maquillaxe,
deste vivir sen alento
á beira dos mares contaminados,
dos mísiles apuntando
ó centro da nosa soidade,
de boy-scouts e comida requentada.

Ós antigos deuses
non lles faledes
do engano do dólar, o despacho,
o aumento de soldo,
as feridas da capa de ozono,
o desexo a prazo fixo,
a ameaza rabuñando nos cristais,
o tiro na caluga,
a cobiza negociando nos mercados
co día a día dos homes.

Ós antigos deuses
deixádeos, deixádeos no soño
de tigres e fogueiras
preto das submisas tribos
que loubas as súas fazañas;
non lles mostredes o futuro
por eles inventado,
este absurdo lugar
de loucuras e vertixes
chamado SÉCULO XXI.

viernes, 8 de diciembre de 2006

Noite triste


Baixo o ceo matemático da NASA
cazadores furtivos engaiolaron esta noite
o derradeiro soño da lúa
e Halley foi un cometa ferido,
pendurado dos seus dedos e aparellos.

Esta noite preto dos cristais blindados
das entidades bancarias
algúns homes falecen de frío
mentres pasan indiferentes
coches-patrulla e vehículos oficiais.

E o pulmón verde da Amazonia
tamén é máis pequeno e feble.
Polos sendeiros milenarios veñen e van
taludos monstros de ferro,
asoballando escuros nativos que esmorecen
porque lles ripan a selva
e a selva é a súa patria
e ata a súa alma.

Orfas tamén de peixes e medusas
as ondas carrexan as queixas
que soben do leito do Atlántico
porque o están matando a eito,
tanto bidón radioactivo,
tanto lixo mergullado
nos latexos do corazón da auga.

Esta noite o mundo
é un pouco máis pobre
e está un pouco máis triste.

Maldita noite vendida a Míster Dólar,
maldita noite de moinantes,
maldita noite.