martes, 26 de junio de 2007

O ÚLTIMO REFUXIO


Algún día xa non teremos aliados,
haberá lanternas que nos busquen a cotío
e listas negras e pisadas metálicas
e microchips que coñezan de memoria
os nosos antecedentes penais,
o grao de alcohol que levamos nas veas
e os libros non recomendables que temos lido.

Haberá un día en que non sexamos
donos das rúas: todo estará
baixo control, con números de serie
e barras de identificación,
dúas e dúas xa non poderán ser cinco
e tentarán roubarnos o futuro
programándoo nun ordenador.

Ese día teremos que buscar a palabra
no mar aberto, onde os disquetes
se enferruxen de marusía,
onde a liberdade non se venda
o mellor postor, onde se derretan
as fragatas e toleen as búsolas
ó só contacto dunha pel,
onde as cordas dunha guitarra
sigan arrincando a maxia dun rock and roll.

Nese día algún lugar quedará
onde amar e entregarse
aínda non sexa unha ciencia exacta.

17 comentarios:

Ra dijo...

Joder, joder, bravo.
Me brinda,Raposo, la mejor manera de acabar el dia.

moucho branco dijo...

Do mellor que lín últimamente. Pouco mais podo engadir.

Torreira dijo...

Elixoapuntarme a buscador con voçe Mr raposo.Apertas,gustei do texto

Laurindinha dijo...

Que precioso poema...
As cartas xeográficas sempre me resultaron moi evocadoras...

paideleo dijo...

Unha novela futurista feita poema...mui bo. Coincido en que o mar será a salvación. O mar é a representación da liberdade.

Doutora Seymour dijo...

Ese día é hoxe, e vostede foi quen de desafiar a norma. O amor só é amor se é inexacto, coido que aínda quedan recunchos onde escribir poesía. Velaquí.

O Raposo dijo...

Ra: un honor rematar o día con vostede.
Moucho branco: co que dis é suficiente. Grazas.
Torreira: apuntado queda.
Laurindinha: son evocadoras quizais porque ante elas un sinte que pode ser dono do propio destino.
Paideleo: o mar pode ser o futuro e a salvación se o respectamos o coidamos, cousa que agora a maioría dos paises non fan.
Doutora seymour: este recuncho está berto as 24 horas. Grazas polas verbas.

xurxocimadevila dijo...

E case unha predicción que comeza a cumprirse... Un moi bo poema que reclama a liberdade!
Saúdos!

torredebabel dijo...

se cadra, son máis pesimista ou máis paranóica que ti, pero eu penso que eses días nos que non sexamos donos das rúas: todo estará baixo control, con números de serie e barras de identificación" chegaron fai tempo.

nOa dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
nOa dijo...

aaaaaah! qué foi?
dicía que me temo que os antropólogos culturais destruiarán ese pequeno refuxio facendo traballos de campo... :(

O Raposo dijo...

Xurxocimadevila e Torredebabel: si, como dicen na Biblia: "os tempos son chegados".
Noa: unha posibilidade que non hai que desbotar. Eses antropólogos sempre tan atareados.

Ricardo Arias dijo...

Como sempre, cando as cordas apreten, a poesía será a espada que rompa o nó gordiano.
Sempre foi así. Sempre será así. A contracorrente.

sarampelo dijo...

Especial, súmome ao que dixo "moucho branco", nembargantes quero suliñar algo máis, se todo isto está acontecendo e acontecerá moito máis agudizado, ¿onde estará "o último refuxio". Coido que neste planeta non haberá ningún lugar onde non estemos controlados polos actuais e vindeiros Hitlers que seguiran falando de democracia e seguridade.
O gran problema acontecerá cando eses mandamáis do mundo nos controlen cando e como teremos que facer o amor. Desta xa estamos perdidos. Pobre mundo e humanidade.

lourixe dijo...

Poden controlar os libros que mercamos, non os que lemos. Poden espiar as nosas accións, non os nosos pensamentos e emocións. E no fondo son estes os fan de nós o que somos. ASí que conservoa ilusión e esperanza de liberdade.

O Raposo dijo...

Ricardo arias: que asi sexa.
Lourixe: poida que teñas razón e nas tuas verbas esté a resposta a pregunta de Sarampelo.
Quizais o último refuxio estea en nos mesmos. Quizais.

Ex Traño dijo...

Xenial, visionario...
o mar enferruxa todo aquel inxenio electrónico que nos trata controlar y aparte é a parte mais extensa do planeta y non ten dono de momento, así que tomemos posesión do noso destierro, antes de que o parcelen y subasten ao peor postor.
eu o contrario que Ra, topei a mellor maneira de escomzar o Luns, gracias