martes, 29 de mayo de 2007

Paixóns privadas


Pintura de Susana Soto Poblete.


Aínda un sorriso pode ser o tsunami
que venza a lei da gravidade
o longo das rúas molladas
e o prêt à porter dos escaparates.

Aínda os beizos regalan verbas ás que agarrarse
no remuíño deste martes noite
cando a cidade quebra de cansazo
e, sen caderno de bitácora,
eu navego polos arrabaldes
do territorio salvaxe dos teus peitos.

Aínda quedan promesas no amencer que virá
para poñer código de barras os soños
e metáforas de cor sepia
as fotos de perfil que xamais me sacaches.

Aínda os corazóns en xeonllos,
á beira do abatemento e o colapso,
recuperan sístole e diástole
para apostar dobre ou nada contra a tristura.

Aínda queda un berro que rachará as gaiolas,
un lóstrego espertando paixóns privadas,
e un recanto sen controis aduaneiros
onde atoparse dúos corpos espidos
e mirarse nas distancias curtas e recoñecerse.

miércoles, 23 de mayo de 2007

OUTRA DE AZNAR


Estou moi preocupado.
Aznar nun dos seus arrebatos mesiánicos dixo: “Cada voto que no vaya al PP será un voto para que ETA esté en las instituciones”.
Daquela, segundo o ex-presidente co meu voto vou apoiar os terroristas. Pero non só eu: os que voten por Coalición Canaria, os que en Vigo elixan a opción do Partido Galeguista de Manuel Soto, os que en Valencia apoien a Esquerda Unida, ou os meus paisanos de Sober que lle dean o voto o BNG , todas estas persoas desde o punto de vista de Aznar están axudando a ETA.
Pero como se pode ser tan hipócrita, tan miserable, tan senvergonza político! E esto o dí ademais quen sendo presidente cualificou a ETA de Movimiento de Liberación Vasco e comentou que o Estado sería xeneroso cos terroristas.
Ou a única estratexia que ten o PP para estas eleccións baséase na mentira, na manipulación e na crispación da sociedade, o que lles leva a dicir tantas barbaridades, ou este señor necesita urxentemente unha revisión psiquiátrica.
Porque, claro, empezas por falar catalán na intimidade e mira onde acabas.

jueves, 17 de mayo de 2007

¿A QUE ESPERAN?


En Vigo traballadores do naval, en folga dende fai 10 días, entraron a saco no edificio da Delegación da Xunta. Resultado: plantas e máquinas do café desfeitas; paredes, armarios e cristaleiras pintadas; e miles de expedientes e documentos oficiais guindados polas ventás.
Colocan un artefacto explosivo no polígono industrial de O Ceao en Lugo. A bomba, desactivada polo TEDAX, parece ser que foi posta por un grupo independentista galego que se agocha en Portugal.
No gran premio de Fórmula 1 en Montmeló, Fernando Alonso só puido ser terceiro despois de que se saíra da pista na primeira curva por un incidente co brasileiro Massa.
O sábado no Festival Folclórico de Eurovisión España quedou relegada a posto 20 de 24, o que en termos futbolísticos significa estar á beira do descenso

Sorprendentemente, os dirixentes do PP aínda non lle votaron a culpa destes feitos a Zapatero.

sábado, 12 de mayo de 2007

UN DIA MELANCÓLICO O TEN CALQUERA

Hoxe en día os raposos solitarios xa non podemos contemplar a lúa chea: as nubes de contaminación, o fume das fábricas, o mal humor dos políticos, o desaforado urbanismo vertical impídenos vela. Así que contentámonos con mirar a luz dos farois que paga o Concello,ou sexa nós, e que iluminan a tristura da noite. Así que contentámonos con esperar na barra dun pub, aberto ata o amencer, onde mesturamos ron e tabaco e falamos de cousas intranscendentes. Así que conténtome con mirar a túa xanela, sete pisos mais arriba e imaxinarte espida, impúdica, sola; e saberte deusa, posuidora de feitizos antigos, inmortal entre as sabas; e soñar que me podo perder no labirinto dos teus brazos e mergullarme no territorio indómito das túas cadeiras. Un día melancólico o ten calquera.

domingo, 6 de mayo de 2007

Punto final

Levamos moito tempo
con laios nos beizos
pisando alcatrán húmido;
moito tempo suando sangue
nas beirarrúas frías
baixo a alargada sombra
dos arrañaceos e temos
unha dor que fica estancada,
como unha tatuaxe no peito.
Somos, certamente, rebeldes
con causa erguendo bandeiras
no medio de inhóspitas cidades.
Por eso, ás veces, hai demasiado ferro
no cerne das nosas verbas.
Por eso, ás veces, rúbricas ardentes
poñen o punto final os nosos nomes.

martes, 1 de mayo de 2007

CUESTIONARIO PROUST

Por prescrición da miña doutora preferida paso a responder o cuestionario Proust. Por suposto, todo o que aquí diga (mellor dito, escriba) negareino perante dun tribunal. Quedades avisados.

O principal rasgo do meu carácter? Moitos opinan que estou tolo e a min fáltanme argumentos para contradicilos.

A calidade que prefiro nun home? A sinceridade.

A calidade que desexo nunha muller? Igual ca no home.

O que máis aprecio nos meus amigos? Que nunca piden nada e sempre dan (a frase é de Víctor Manuel), e que me inviten as cañas de cervexa. Como vedes todo ten relación.

O meu principal defecto? Que teño demasiados.

A miña ocupación preferida? Sendeirismo, fútbol, cine, poesía, escribir e curiosear polos blogs.

O meu soño de dicha? A xubilación anticipada.

Cal sería a miña maior desgracia? Perder os catro ou cinco amigos que aínda me quedan. ¿Quen me ía invitar despois as cañas de cervexa?

Que quixera ser? Un raposo correndo polas terras de Sober con moreas de galiñas ceibes polas devesas

Onde desexaría vivir? Na ladeira dun monte no canón do Sil.

A cor que prefiro? Vermella

A flor que prefiro? A flor do toxo.

O paxaro que prefiro? O carrizo: fai uns niños moi apañados.

Os meus autores preferidos en prosa? Borges, Cortazar, Bioy Casares, Manuel Rivas, Suso de Toro, etc..

Os meus poetas preferidos? Celso E.Ferreiro, Méndez Ferrín, Borges, Manuel Rivas, Alberti, Celaya etc..

Os meus heroes de ficción? Capitán Trueno, Mortadelo, Pepe Gotera e Otilio.

As miñas heroínas de ficción? Non teño.

Os meus compositores preferidos? Sabina e Rosendo Mercado.

Os meus pintores predilectos? El Bosco, Dali, e os pintores anónimos da cova de Altamira.

Os meus heroes da vida real? Che Guevara, Salvador Allende, Crístobal Colon.

As miñas heroínas históricas? Victoria Kent, por exemplo.

Os meus nomes favoritos? Lucía, Antía, Xavier.

Que detesto máis que nada? A inxustiza e a falta de liberdade.

Que caracteres históricos desprezo máis? O fascismo, as actitudes dictatoriais.

Que feito militar admiro máis? A loita de Fidel en Sierra Maestra.

Que reforma admiro máis? As desamortizacións de Mendízabal e de Pascual Madoz (a pesares dos seus erros) e as reformas que se iniciaron na II República é que algúns cabróns non deixaron rematar.

Que dons naturais quixera ter? Poder prever o futuro (dígoo polo da lotería primitiva)

Como me gustaría morrer? Sen sufrir e sen molestar.

Estado presente do meu espírito? Desasosegado.

Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os posibles fallos que se cometan loitando pola liberdade.

O meu lema? Estar en paz comigo mesmo (esto creo que o dixo Voltaire) e sempre en loita cos nostálxicos do antigo réxime.


Se alguén lee esto e quere seguir co cuestionario a min paréceme ben e a Proust non creo que lle moleste.
Persoalmente convido a que o fagan Moralla, Ra , Xurxocimadevila e Mouchobranco.