martes, 5 de octubre de 2010

O DERRADEIRO SOBREVIVENTE


Da luz gris dun ceo brutalmente ferido;
dun silencio enxordecedor que escorre polas fendas do asfalto;
dun tobo calquera agochado entre outras cavidades;
da tristura dun epílogo que non respecta o azul, a compaña, as ilusións, a maxia das ventás iluminadas ou a conversa nas esquinas;
dunha atmosfera empezoñada que gravita sobre un caos esvaradío e fai mais éstrana a realidade, emerxeu o Derradeiro Sobrevivente.
Como quen sae do baleiro ó baleiro.
Nun desorde de recordos e maldicións na cidade xa sen nome respirou un ar fedorento, receou da súa propia présa, contemplou a silueta do inferno.
Deixouse perder por escuros labirintos sentenciados o esquecemento.
Quixera sentir outras voces, outras mans, un teléfono soando na distancia, ver que a lúa e as estrelas seguían alá enriba.
Pero xa nada deso queda. Cada paso é como unha trampa, detrás de cada porta un estremecemento. Camiñar e esperar son sinónimos de algo que xa non ten sentido.
Quixo berrar e as verbas non brotaron.
Ferido, desorientado, subiu escaleiras a ningures, percorreu travesías sen saída, atopou limiares lindando co abismo e soubo que agora empezaba a outra conta atrás, a verdadeira, a mais difícil, a irremediable.
Na desolada mañá, na cidade xa sen nome, polo que antes fora unha rúa camiñou sen rumbo o Derradeiro Sobrevivente.

11 comentarios:

Alís dijo...

¿Vale a pena ser sobrevivente si es o derradeiro, si non hai con quen compartir a ledicia de seguir vivo? A min non me gustaría.

Bicos

Concha L. F. dijo...

Nunca se é o único ou única sobrevivinte. E creo que merece a pena sobrevivir. Supoño. Todas e todos o somos un pouco cada día.

Un fermoso texto.

Saúdos.

Maribel-bel dijo...

Gústame, escoitarte, cando falas co corazón por enriba do peito, facéndo-nos protagonistas das historias con nome. Unha aperta

Bolboreteira dijo...

Moi bo relato! Rollo apocaliptico, que trae imaxes a mente de desoalción. Estou con Alis...non sei se mereceria a pena sobrevivir se non tes compaña para compartir os intres da vida.
Bicos!

fonsilleda dijo...

Y, digo eu ¿pagará a pena ser o derradeiro?
Abraiada. Moi bo relato.

Anónimo dijo...

O malo de ser o derradeiro sobrevivente é non ter a quen contarllo.
Que c...! Eu non envexo a ninguén que me sobreviva.

Paz Zeltia dijo...

un texto desasosegante, raposo. se é o que querías, lográchelo!

Certas frases son aplicables a moitos sobrevivintes, verdade?
moitos, cada día ao noso lado pasan, sentindo que camiñar e esperar son sinónimos de algo que xa non ten sentido.

Chousa da Alcandra dijo...

Estou seguro de que cando remataches de escribir o post tiñas debuxado no semblante un rictus de sorriso.
Eu tampouco quero ser o derradeiro. Nin morto nin sobrevivinte.
Apertas vitais e vitalistas, señor Raposo!

fgul dijo...

Vaites! Tremendo texto! Sempre foi unha cousa que me chamou moito a atención (o da destrucción e sobrevivencia), mais; dentro desta modalidade, non gosto do "último sobrevivinte", prefiro os "últimos sobrevivintes" (En plural). A reorganización étnica, a cultura... (A máquina do tempo de Wells).

Enróllome porque precisamente ISTO foi algo que tiven moi en conta para o "Antítese nativa" (ouh yeah! Raposo: agora podes pasarme a factura publicitaria)... Mais é verdade.

Unha forte aperta!!

BRABIDO dijo...

O derradeiro si,pero cunha perola de cocido e unha caixa de barrantes.

Raposo dijo...

Brabido: oes, supoño que cambiar o Barrantes por un Amandi!!

Grazas por pasar por aquí, donas e cabaleiros.