jueves, 24 de mayo de 2012

Os nomes das cousas

chamemos as cousas polo seu nome:
nordés, mastro, randeeira,
caldo, seitura, xoaniña.
chamemos cabrón ó presente,
absurdo ó futuro,
insoportábel á espera.
digamos que hoxe é maio e xoves,
que a noite, lenta e gastada,
esvara sobre os fanais e os gatos,
que nalgún lugar alguén maldice este insomnio.

chamemos as cousas polo seu nome:
xergón, améndoa, laverca,
lousa, funil, caderno, esternocleidomastoidedos.
busquemos na tenrura das sombras
o roce silandeiro das verbas
e digamos en voz alta as palabras máxicas
que non se atopan nos dicionarios,
as palabras agochadas no tempo,
prohibidas, necesarias, vitais.

chamemos as cousas polo seu nome: X.

8 comentarios:

Dilaida dijo...

Non hai como chamar as cousas polo seu nome para que todos podamos entendernos.
Bicos

Chousa da Alcandra dijo...

Ao pan...pan e ao viño...marabilla!
(E se os xuntamos: sopas de mulo canso!!!)

Apertas

Paz Zeltia dijo...

as palabras agochadas no tempo,
prohibidas, necesarias, vitais.


gústame ese estilo teu de dicir as cousas encapsuladas en poemas directos que sempre terminan rematando, e perdoa o xogo de palabras.

mariola dijo...

Si, chamar as cousas polo seu nome, coas palabras necesarias e vitais, con palabras vermellas, azuis, verdes, cun amplo abanico de cores, e non este gris que causa tristura.
un bico.

Mar e Lúa dijo...

Encantoume, Raposo! Do mellor que lin en moito tempo! Non só lle chamas ás cousas polo seu nome, senón que dis tanto en tan poucos versos...
Unha aperta!

xenevra dijo...

Chamemos ás cousas polo seu nome, imperdoábel... este tempo que deixo transcorrer ata volver caer nas túas exactas palabras.
marabillosa e rotunda forma de chamar ás cousas polo seu nome!!
un saúdo afectuoso... xa o di o seu nome.

Noa dijo...

Canto tempo sen navegar na blogosfera. E canto me gustou. Chamar ó presente cabrón é do máis sensato que leo.

Acabo de acordarme de cántas noites nos teremos cruzado por Monforte... Hahaha.

Saúde.
(teño que recuperar o costume do blog)

fonsilleda dijo...

Qué fermoso, Raposo (nin caso a rima)Hai dous versos: "busquemos na tenrura das sombras o roce silandeiro das verbas", que son perfectos na fermosura das verbas e da sonoridade.
Bucis