jueves, 20 de febrero de 2014

CUESTIÓN DE ESTRATEXIA

Aproveitar as horas,
mudar de cidade
e esquecer o pasado,
escribir un epitafio
para cando espertemos,
barallar as cartas
coa habilidade dun croupier
neste tempo de fábricas pechadas,
borrar o rastro
coa perseveranza dun ourive,
camuflarse entre a brétema,
facer autostop cando os taxis
están fóra de servizo,
afastarse da primeira liña de fogo
e abandonar a escena do crime
coas mans nos petos da cazadora vaqueira.

viernes, 14 de febrero de 2014

CREBACABEZAS

Anxos brincando polas rodeiras do tempo
á procura de vagalumes.
Un poeta desterrado está a piques
de descifrar no peitoril da xanela
a ecuación do porvir.
Na alfándega segue retido
un vello gramófono, sospeitoso
de facer soar as folerpas de neve.
O medo é unha píntega
camuflada no luscofusco.
Nun cambio de rasante
da vía rápida do Morrazo
chocan un fóra borda do narcotráfico
e unha limusina.
A colisión é brutal:
restos de carmín e estalactitas na calzada.
O doutor Gil Grissom * olla a escena,
perplexo e desconfiado.
As pezas non encaixan.

Do libro "Territorios estraños", VI Premio de Poesía Victoriano Taibo




* Supervisor na serie CSI Las Vegas

miércoles, 5 de febrero de 2014

A MEMORIA DA TERRA

Os carreiros recordan as pisadas que recibiron; os montes lémbranse de cada aturulo que escoitaron; os carballos conservan no disco duro dos aneis cada calistro, cada invernía que padeceron; as ribeiras acórdanse das voces, dos risos e das pingas de suor dos homes; a terra garda a memoria de tódolos marcos.
Nada de isto se tivo en conta no decreto de aprobación de concentración parcelaria.