lunes, 31 de marzo de 2014

ENTRE PARÉNTESES

Agora trátase de subir escaleiras,
soltar amarras e enfrontarse as tebras
co furtivismo propio dos estranxeiros,
as batallas perdidas deixan
un nó na boca do estómago
e cada café ten a súa histeria.
Escribo coa tinta do orballo,
contamínome de inquietude,
tamén os cervos desconfían
dos sendeiros que saen a campo aberto.
A vida pasa a 24 fotogramas por segundo,
os tempos mortos son coma parénteses
nos que acouga o temporal e a poeira
vaise asentando no camiño do porvir.

viernes, 21 de marzo de 2014

PRESENTACIÓN DE "TERRITORIOS ESTRAÑOS"


O mércores que vén, 26 de marzo, as 19:00 h estarei pola Biblioteca Pública de Sober (xa sen goteiras) co “Club de Lectura Pintor de Castinande” nunha presentación/coloquio do libro “Territorios estraños”.
Conto coa colaboración de Paula Verao e, como a poesía fai boa maridaxe coa música, ó remate teremos a actuación dos Parentes, ese famoso grupo musical de Sober, que nos cativarán coas súas cantigas.

jueves, 13 de marzo de 2014

A PEITO DESCUBERTO


O día non presaxiaba nada bo.
O ceo desfacíase diante dos ollos
e os zapatos non podían resistir tanto tremor.
A dor era una froita madura
nun niño de formigas,
un accidente abrazado ó cadaleito.
Daquela soubo que tiña
que pór a ferida antes cá venda
e saír á rúa
ofrecendo o peito
ós disparos do francotirador.
Iso ou afundirse a contracorrente.


Do libro "Territorios estraños"

lunes, 3 de marzo de 2014

UNHA COPLA PARA O ALCALDE DE SOBER


O sábado entrei na biblioteca de Sober  e atopeime con isto: un cubo para recoller as  goteiras, papeis para que non se molle o chan, plásticos para protexer os libros da auga e Julia, a bibliotecaria, facendo apaños para arranxar as filtracións. A imaxe é tercermundista. Así que, aproveitando que estamos en Carnaval, fixen esta copliña para o alcalde.  A ver se toma nota.

Señor alcalde, por favor
mande amañar as goteiras
que ten a Casa da Cultura,
que chove na biblioteca.

E seica chove nos libros,
nas mesas e nas cadeiras
e chove por Manuel Rivas,
por Ferrín e Novoneyra,
e a Julia non dá abasto
tapando tantas pingueiras.
Non creo que custe moito
poñer unhas cantas tellas.
Sober ten bos operarios,
contráteos sen máis espera
que os que gustamos dos libros
tememos unha desfeita.
Rosalía está amolada,
a Pardo Bazán  patexa
e Celso Emilio Ferreiro
botou as mans a cabeza
pensando que xa volvía
unha noite de auga e pedra.
Carallo, seica me mollo,
díxolle Clarín á Regenta
e ata xura en arameo
Don Camilo José Cela.
Unanumo anda rosmando,
Manuel María protesta,
tamén Borges e Cortázar
e os piratas de Espronceda,
Miguel Delibes, Neruda,
Arthur Miller, Gil de Biedma,
Federico García Lorca,
Bolaño, Lope de Vega,
todos temen enchouparse
dende os pés ata as orellas,
e nin pode saír da casa
a Carapuchiña Vermella,
con tanta auga que cae
ata o Quixote se queixa.

Por favor, señor alcalde,
mande amañar as goteiras
que non merecen os libros
que chova na biblioteca.