miércoles, 4 de agosto de 2010

A TODA VELA


Soñas co mar
como cunha profecía de antigos tempos.
Sóñalo mentres imaxinas
que viaxas a países máxicos
e a praias de fina area.
Tamén a ti, navegante,
te espera Ítaca;
tamén ti desexas unha Penélope
pensativa, fermosa,
envolta no seu mundo
de agullas e manteis.
Todos queremos chegar
a Illa do Tesouro
e ser Jim Hawkins,
neno entre piratas rudos,
heroe de barco e da tenrura.
Buscamos a liberdade en alta mar
e o vento salgado na cara,
ser temoneiro do destino,
o horizonte enchendo os ollos
e navegar e navegar.
E que o mar bravo non fenda
o cristal dos barómetros,
que o proa enfile sempre
a rota escrita nas estrelas,
a bandeira ondeando no mastro,
ron para a viaxe
e as noites ateigadas de lúa.
E chegar así
e espertar así
un amencer calquera
en Ítaca, na praia soñada,
á beira do tesouro,
e esquecer por uns intres
que fóra está o fume, o desacougo, a resaca,
os atascos, as alertas vermellas,
o ruído insoportable, o asfalto
e quilómetros e quilómetros de autoestrada
.