jueves, 26 de abril de 2007

¡ESTES POLÍTICOS!


Pode que algúns desexen que os dirixentes políticos sexan perfectos, xustos, traballadores, intachables, sen un anaco de torpeza ou mediocridade, con unha especie de microprocesador no cerebro que lles libre de todo pecado, de todo erro, de todo mal. Eu non.
Eu quero que os políticos sigan tendo unha faceta íntima, escura e profunda, e pillalos de cando en vez facendo trasnadas:
A Clinton tocando o saxofón o en libidinosas actitudes de sexo oral no despacho oval da Casa Branca.
A Yeltsin agarrado a unha botella de vodka dando traspés.
A Aznar en pixama recortándose o bigote ou falando das armas de destrucción masiva de Iraq en catalán e na intimidade.
A Esperanza Aguirre ensaiando espida na soidade do seu cuarto mentres reduce a lista da compra para poder chegar a fin de mes.
A Paul Wolfowitz, presidente do fondo monetario internacional, zurcindo calcetíns sen parar.
A Zapatero entrando camuflado nos chigres e cantinas para informarse do prezo do café.
A Zaplana na sala de raios UVA recoñecendo publicamente unha vez mais que se meteu en política para forrarse.
A Rajoy soñando con hilillos de plastilina.
A Acebes contratando moreas de electricistas para empalmar algún tipo de conexión entre Eta e o atentado do 11-M.
Eu quero que os políticos sexan torpes, vaidosos, presumidos, tercos, subornables, suxeitos a dúbida ou vacilación, que choren, que mintan, que se engurren, que cheiren a coño e a tabaco, que se dobren polo peso do instinto, dos días e da verdade. Que sexan en definitiva humanos. Como ti, amig@ lector-a. Como eu. Como tod@s.

viernes, 20 de abril de 2007

E Ó FINAL O DESENCANTO

Buscar liberdade no asfalto é precipitarse a un pesadelo sen paracaídas, esnafrarse de impotencia, e coas mans, se aínda quedan, desfacer laxes, guindastres e moreas de tixolos. Nos ollos enchoupados de preguntas derrétense as conexións. Agardamos un movemento, un saúdo visceral, unha atracción; pero as verbas esvaran lamacentas, foxen a cegas, e os pasos resoan cada vez mais lonxe. Confiamos que o día traerá a claridade, dará sangue novo os vestidos e as campás, decisión nas encrucilladas e outra vez as rúas serán manancial e os muros un mar verde onde agromen camelias e mapoulas. Ata que algo fai tremer o pulso, un calafrío percorre os ombreiros, axítanos, patexa, fálanos a orella, rípanos do soño feliz que argallamos por uns intres e os ollos ábrense mais e mais e comprendemos. Daquela só esperamos ir caendo mais a modo, o sorriso que agacha a indiferencia, un desexo propio, un corpo espido, o baúl dos recordos, unha sombra, un empurrón, un solpor morno, silencio, outro empurrón, unha tumba.

sábado, 14 de abril de 2007

Pouco nas alforxas

Ás veces cando tento erguerme
sobre a miña canseira
premo na area roxa do deserto
e presinto e sinto e sei
que estou en terra de ningures
onde nin sequera ser estranxeiro ten sentido.
E busco bares anónimos
como quen busca unha froita prohibida,
rescato do bolso outro cigarro
que fumo xa sen ganas
e mentres o mesturo con alcohol
pregúntome porqué é aquí,
e non a marxe do Danubio
ou nunha terraza de Valparaíso,
onde sigo murchando as miñas horas.
Algún día ireime coma todos,
buscando outros corpos, outros ceos.
Esta cidade será só un nome no recordo.
Lembrarei tamén o sorriso
de aquela loura de pantalóns axustados,
un bico ardendo no cerne da noite,
o sabor amargo do Bitter Kas con xenebra,
e música de fondo de Joaquín Sabina
e unha curva tomada a cento dez
e a catro ou cinco amigos.

domingo, 8 de abril de 2007

PALESTINA


No medio do desorde centos de mulleres e homes corren aterrecidos por rúas que levan a ningunha parte.
O seu pasado é un mundo de rancor, un mundo de familiares asasinados e casas desfeitas.
O presente un dolor lacerante no peito, un vagar nómada con bágoas nos ollos e as mans baleiras.
O futuro unha incerta fronteira de altos muros, arames e miseria.
Pedras contra tanques, rapaces con coios contra experimentados soldados con armas superautomáticas, homes enfrontándose a avións equipados con tecnoloxía USA. David contra Goliath. Territorio de suicidas porque é doado ser valente cando non hai nada que perder e moito polo que loitar.
¿Cántos palestinos teñen que morrer para que ese territorio teña dereito a figurar nos grosos volumes oficiais da historia dos países libres?
¿Con canto sangue é preciso regar una terra para que esta poida pertencer o seu pobo?
Mentres os mísiles estalan convertendo en pesadelo o sono infindo de Oriente Próximo os nenos choran desconsolados entre os cascotes do que antes foi un fogar e onde agora só agroman os refugallos do odio e da desolación.