miércoles, 29 de diciembre de 2021

cartafol de reclamacións

 

reclamo as débedas da vida

o dereito a cobrar (xuros incluídos)

por cada cita anulada

por cada sábado lamacento e encorado

que se consumiu nun tedio de pretérito imperfecto

 

esixo que se me remunere

(tendo en conta atrasos e trienios)

polos invernos que non xeou

polos aniversarios esquecidos

polos espertadores que non soaron

ou soaron tarde e mal

ou fuxiron co seu enigma ó lombo

ó outro lado do almanaque

 

preciso eses cartos

para sacar o billete

que me leve fóra do labirinto

desta vida agromada a contra pé


                                   Do libro "Nas esquinas do frío"

domingo, 26 de diciembre de 2021

traxedias mediterráneas

   

viñan de lonxe

coa inseguridade propia

dos que se senten desprazados

traían na mirada un paxaro de medo

esa molesta sensación de febre e desorde

 

fuxían dos anzois que pexan o futuro

dos vértices da gaiola dese deserto infindo

áspero coma a monotonía dos días

onde se enterraron tantas bágoas

sen que nunca florecera un bo desexo

amoreados na fráxil barcaza

compartían esperanza e sede

 

non sabían    non podían saber

que as augas do Mediterráneo eran tan escuras


                               Do libro "Nas esquinas do frío"

viernes, 17 de diciembre de 2021

cartografía da soidade


 


 

devecía polos solpores e algunhas noites

sentábase a contar estrelas

errático   fugaz   incomprendido

espantaba as sombras

que o querían afogar nun vaso de auga

 

gustaba dos espellos

os reloxos de area

os labirintos

as mitoloxías nórdicas

bebía para non esquecer

berraba para non sentirse tan illado

 

experimentou o sabor do desterro e o fracaso

experto na arte da negociación

nunca conseguiu chegar a un acordo

 

bo coñecedor dos camiños

desconfiaba dos atallos

era inofensivamente perigoso

 

escribiron sobre el e nunca o soubo

un día antes quedárase sen coartadas para malvivir


                                                  Do libro "Nas esquinas do frío"

domingo, 12 de diciembre de 2021

DESBALDIR, MALGASTAR

 


Desbaldir: gastar millóns  e millóns de euros na busca vida intelixente noutros planetas cando aínda non estamos seguros se existe neste.

miércoles, 8 de diciembre de 2021

pista de baile

 


pasou xunto a el

como unha brisa fresca

con reflexos de luceiros

o ritmo dos seus tacóns

desorientou ó disc-jokey

 

quixo  chamala

pero xa se perdera

no tobogán da pista de baile

 

outra noite perdida

agora nin o alcohol

serve de coartada

                             Do libro "Nas esquinas do frío"

jueves, 18 de noviembre de 2021

sen pegada

 

 

porque son un animal de paso

furando polas regañas do calendario

non esperes choros nin despedidas

nin sequera un húmido bico

que lle dea sentido a este escuro

e ardente desexo

 

porque son silandeiro

esvaradío e furtivo

faite á idea

de que cruzarei pola túa vida

sen demasiada pegada

                          Do libro "Nas esquinas do frío"

jueves, 28 de octubre de 2021

tipos duros

 


poida que ti sexas un tipo duro

aínda que nunca pisases Tombstone ou Dogde City

nin defendeses dilixencias Winchester en man

nin chegases a cabalo á última fronteira

alí onde os apaches entoan cantos de guerra

e bailan con furor arredor do lume

 

sabes sobrepoñerte ás crises e ós estremecementos

baixo a pel curtida de fracasos e agravios

un inverno en paro en Vigo pode ser tan frío

como nas Rocky Mountains

e as hipotecas tamén traen un medo afiado entre os dentes

 

nesta cidade fundida os días van caendo

como fichas de dominó

as facturas e os vexames son coma unha tormenta

que axota ás árbores da avenida

 e fai poñer cara de póker nas fotografías

de carné que amarelan nos bolsos

 

si

ti tamén podes ser un tipo duro

aínda que nunca disparases sobre Liberty Balance

 

                                                     Do libro "Nas esquinas do frío"

 

 

domingo, 3 de octubre de 2021

tempos escuros

 


son tempos escuros

ouvean os lobos

á sombra dos portais

o desleixo é máis ca unha palabra

pesa como podía pesar un aeroplano

 

aquí están os edificios

nos que malvivimos

chantados sobre areas movedizas

baixo un ceo intruso

soportando fogo inimigo

e o aire que podrece nos pulmóns

 

as apertas non curan a soidade

e apoiando a orella no peito

só escoitamos

o brutal silencio da desfeita

 

Saturno segue devorando ós seus fillos


                                    Do libro "Nas esquinas do frío"

sábado, 11 de septiembre de 2021

sen palabras

 

 

miráronse de fronte

sen palabras

nada tiñan que dicir

 

fóra o mundo desfacíase

como un castelo de area

ía frío e nos camiños

borrábanse as pisadas

 

os que teñen barro nos ollos

un día pestanexarán

e dominarán ás estrelas


                                 Do libro "Nas esquinas do frío"

domingo, 5 de septiembre de 2021

caos

 


camiñar sobre o gume das nubes

bonecas nos corredores

promesas esquecidas

o queixume  do serán

un feitizo en 3D

un libro

un estouro

ningunha randeeira

retorno á infancia coas ás do desexo

outra vez mans de terra

portas que renxen

derradeira orde

beizos a piques de dicir algo

miradas que non están de rebaixas

enxoval da memoria nos soutos do alén

vento mareiro

deuses en fóra de xogo

reviravoltas na busca da claridade

overbooking nas encrucilladas

 

caos

na pálida xeografía do presente

 

caos

pequenas coartadas da vida

para quen non ten máis recursos

que estes días grises

e sobre a corda frouxa dos propios erros

soamente é dono dos seus silencios


                                          Do libro "Nas esquinas do frío"

sábado, 14 de agosto de 2021

no precipicio

 

correr en zigzag non esquiva as frechas

a nostalxia non debe facernos perder

de vista a diana

 

nas dársenas das cidades

os mariñeiros aprenden a ser corsarios

mentres a area opresiva medra

nas fendeduras do abandono

 

volve o home ser forasteiro

cun cartafol de morriña baixo o brazo

 

escribir é como camiñar

á beira dun precipicio


                             Do libro "Nas esquinas do frío"

sábado, 10 de julio de 2021

camiño de volta

 


cada noite ten o seu pasadizo secreto

no que se escoita un saxofón doente

 

un cabalo desbocado cara á multitude

unha pistola disparando contra a eternidade

unha ferida subterránea

iso é o frío mentres o silencio

queima na gorxa a media voz

 

na angustia desta chousa desolada

as manchas fan incertas as estremas

 

preto da alba

antes de emprender o camiño de volta

ensaio un último berro

con premeditación e aleivosía


                                   Do libro "Nas esquinas do frío"

miércoles, 16 de junio de 2021

proposicións serias

 

ti les un manual de supervivencia

para os cazadores de recompensas

mentres eu pregunto onde

enterramos os nosos xoguetes

agora que case non recoñezo

as miñas lembranzas

 

esta tarde tan só se admiten

proposicións serias

a querela dun suicida

que trae o sámago

entre os dentes

desconxelar versos do frigorífico

ou saltar pola xanela

á procura do pasado

agora que están parados

tódolos reloxos


                    Do libro "Nas esquinas do frío"

jueves, 20 de mayo de 2021

labores cotiáns

                   

 

descalzarse ó pé da letra

desconfiar dos cabos soltos

medir o peso da neve

respirar coa man no lume

esquivar as portas de emerxencia

escoitar facendo oídos xordos

esperar coma se os días tivesen présa

descifrar unha páxina en branco

calcular o sufrimento dun asteroide

rescatar un boca a boca

escribir discursos

para non quedarse nos ósos

pescudar nos efectos secundarios

exiliarse

pagar en efectivo


                        Do libro "Nas esquinas do frío"

domingo, 16 de mayo de 2021

Día das Letras Galegas: Xela Arias

 


“Só é poesía aquela que non busca victorias, só será poesía aquela que non afogue nas derrotas. Só é poeta o que busca liberarse de si mesmo. Só será poeta quen o conquira.”

Xela Arias

sábado, 17 de abril de 2021

soltar amarras

 


agora trátase de subir escaleiras

soltar amarras e enfrontarse

ás tebras co furtivismo

propio dos estranxeiros

 

as batallas perdidas deixan

un nó na boca do estómago

e cada café ten a súa historia

 

escribo coa tinta do orballo

contamínome de inquietude

tamén os cervos desconfían

dos sendeiros que saen

a campo aberto

 

a vida pasa a 24 fotogramas

por segundo

os tempos mortos

son coma unha paréntese

nos que acouga o temporal

e a poeira vaise asentando

no camiño do porvir


                      Do libro "Nas esquinas do frío"

martes, 30 de marzo de 2021

blade runner without memory

 


nin mercenarios asediando as torres

nin abelorios no pescozo

esvarando a unha órbita circular

onde as sombras se fan líquidas

 

os trasgos mudan de cor nos túneles

e o óxido deixa a súa pegada

 

un arreguizo de metal espantou ós Raios-C

e as portas de Tannhäuser

fecháronse para sempre

abandonando á súa sorte ós replicantes

 

todos os  recordos  de Roy Batty

perdéronse entre o ballón

 


é hora de calar

como artellar un poema entre tanta desmemoria?


Do libro "Nas esquinas do frío", premio Avelina Valladares, 2019.

 

sábado, 20 de febrero de 2021

Acróstico, de Lois Pereiro

 


Somentes

intentaba conseguir

deixar na terra

algo de min que me sobrevivise

 

sabendo que debería ter sabido

impedirme a min mesmo

descubrir que só fun un interludio

atroz entre dous muros de silencio

 

só puiden evitar vivindo á sombra

inocularlle para sempre a quen amaba

doses letais de amor que envelenaba

a súa alma cunha dor eterna

 

substituíndo o desexo polo exilio

iniciei a viaxe sen retorno

deixándome levar sen resistencia

ó fondo dunha interna

aniquilación chea de nostalxia.

 

Lois Pereiro: “Poesía última da amor e enfermidade”

jueves, 11 de febrero de 2021

Non darnos por vencidos

 


este ceo ten a mirada triste

coma un peregrino

que vén de moi lonxe

 

o horizonte busca unha saída

detrás do ronsel

que deixan as nubes

 

polos tellados liscan

os que non queren morrer

como heroes

alí as distancias son máis curtas

ninguén pregunta polos anxos caídos

e as feridas cicatrizan antes

 

sinto a choiva

a través das pingueiras podo ver

ó neno que fun hai moito tempo

no outro lado do mundo

                                               "Do meu libro "Nas esquinas do frío",