jueves, 29 de agosto de 2019

Weekend: sábado noite



Deixar ca bebida esvare
na gorxa ousada e sedenta
saudar, facer amigos, sorrir
falar de cousas sen senso
ser conquistador entre as rapazas
ser filósofo na porta dos WC.

Berrarlle os escaparates
que venden mellor e máis barato
e despois fuxir do acoso
das fiestras alumeadas
camiñar ledo e sen vergoña
e cambalear de cando en vez.

E máis tarde co apuro
do albor sobre as costas
cando xa toquen fondo diñeiro e tabaco
cando o cansazo suba polas pernas
e navegue polos ollos
cando a luz dea medo
e o centro de gravidade non exista
acercarse ó derradeiro garito aberto
para seguir bebendo o necesario alcol
que faga realidade o naufraxio
dun sábado calquera pola noite.

                             Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

domingo, 25 de agosto de 2019

Weekend: febre do venres




O venres ten a pel húmida
de choiva e despedidas.

O venres ten un certo sabor
a raia medianeira
a fotografías mergulladas no pasado
a palabras aboiando
entre  D’js, bafo e poliéster.

O venres ten
bicos gastados e horas lentas
como se esperara
o retorno dos anxos
para poder dicir amigo, cubata
alento, orgullo, sexo, suor
antes de que estoupe o amencer.

                                     Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

jueves, 8 de agosto de 2019

Heroes dos suburbios


               

Heroes con promesas de autoestradas
e de agullas hipodérmicas.

Heroes que emerxen de noxentos
sumidoiros fumando Lucky Strike
e din que son americanos orixinais.

Heroes bébedos de Bacardí con Coca-Cola
e cicatrices de asfalto polos brazos
batuxados de marxinación
e doutorados na lei dos coitelos.

Heroes de garaxe e acelerador
música  dos Stones e coiro negro
que fan o amor nos asentos traseiros
de coches que liscan a 180 km/h.

Heroes esquecidos, fillos dun billar
e dunha estación do metro
perdedores a miúdo no xogo da vida
hóspedes de cuartos poeirentos
sen máis equipaxe cá derrota
e un silencio pendurado decote da mirada.

Heroes no berce dos suburbios
na orela do esquecemento
ó pé  da morte.

              Do poemario "A pel no asfalto,incluido no libro "Zocas e decibelios"