jueves, 21 de marzo de 2019

Urxencia por medrar


Había unha urxencia por medrar
por ser árbore, escada
raio de luz dende a fondura avesa
por saír da cova a enfrontarse
cos días azuis e o vento do norte.

Tiñamos tanto polo que gabear
dende a poderosa voz das raiceiras
na terra estrelecida
dende as xeracións de suor e sangue
que nos precederon polos séculos escuros.

E apuramos o paso
botando sobre os ombreiros
todo o peso da vida
que nos quedaba por diante.

                         Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

sábado, 9 de marzo de 2019

Á beira da tarde


Estaba sentado á beira da tarde
unha  tarde calquera nunha aldea pequena.

Xa aprendera a quedarme a soas
sabía que a fraga remataba nalgunha nube
que na sobreira alguén gravara unhas iniciais
que as escaleiras non entendían de calendarios
que os faios gardaban misterios
que os paraugas predicían  a choiva
que a terra semellaba redonda
que as cartas sempre chegaban con retraso
e  que o mar era unha postal engurrada
que tardaría moitos veráns aínda en coñecer.

                             Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

domingo, 3 de marzo de 2019

Xornadas do estío


De risas e xarope
eran as xornadas do verán
medas de palla en máxicos equilibrios
o rebumbio da aira o día da malla
e mulleres debruzadas
entre os sucos do millo.

Nun desafío á intemperie
explorabamos as devesas
gabeando ó máis alto dos carballos
agochabamos segredos
nas caracochas dos castiñeiros
e perseguiamos ós pardais a cantazos
con moi pouca puntería.

Non tiñamos presa nin horarios
nin un móbil de melodía estridente
nin axendas de peto
nas que marcar as citas.

Levantabámonos co sol
vibrando cun latir secreto
e volviamos á casa
cando xa escurecía
cos brazos cheos de rabuñaduras.
    
               Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios".

viernes, 1 de marzo de 2019

En festas


Un estrondo de foguetes
linguas de vagalumes
subindo ó ceo.

O folión
esa estraña mestura
de maxia e violencia
 era o sinal avisando á contorna
do inicio das festas de San Xoán.

E había que limpar os cuartos
coa calma da decencia
matar o año
facer  o roscón
ter o mellor viño para os invitados.

E presumir estreando roupa
encherse de doces e lambonadas
explotar bombas contra as pedras
compartir xogos e Mirindas
e quedarse na verbena
todo fachendoso  no tiro de pichón.

                Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"