lunes, 10 de septiembre de 2018

Medo escolar




             “Aínda quedaban crucifixos naquela escola
             un cristo raquítico brillaba ás nove da mañá sobre a parede”.
             Olga Novo

A mañá era un incendio
de paixóns encontradas
un medo na epiderme
un temor sen nome
furando cara dentro.

Eu sentíame só sentado no pupitre
vixiado por un crucifixo
que non me quitaba ollo
rodeados doutros pequechos
ós que non coñecía
e quería estar no Lobio
xogando no meu patio
libre de todo perigo
sabendo cerca a nai.

Da parede colgaban mapas de colores
no encerado había letras que non entendía
unha nena sorríame dende a fila do lado
a mestra aloumiñábame con palabras xeitosas.

Halo pasar ben,  díxome.


Máis que todo iso
no primeiro día de escola
pesou a ausencia materna
e boteime a chorar.

                          Do libro "Cartografía da infancia"

                                                                                *A foto é do blog "Cavilaciones de lagartija".

jueves, 9 de agosto de 2018

Eramos tan novos


Eramos tan novos
tan loucos quizais.

O mundo parecíanos pequeno
desafiabamos as leis da física
e os nosos pés
corrían máis cas estradas.

Moitos medos
xa quedaran atrás
a auga non nos mollaba
e polas claras noites de verán
xogabamos a apañar
estrelas fugaces
e pregabamos desexos
difíciles de cumprir.

                  Do libro "Cartografía da infancia"

lunes, 9 de julio de 2018

Desencanto


Houbo algún Nadal
en que os Reis Magos non viñeron
desorientados quizais pola escuridade
duns camiños sen asfaltar
e sen alumeado público.

Como localizar A Riba sen Tom Tom
unha aldea perdida
a desmán de calquera lado.

E así
xa daquela aprendín a desconfiar
dos finais felices
dos contos de fadas.

                                Do libro "Cartografía da infancia"

jueves, 21 de junio de 2018

O home do saco




De cando en vez
os vellos
falaban  do home do saco
un ser escuro
silente e fuxidío
que habitaba nas sombras
e raptaba os nenos
túzaros e desobedientes.

Eu non o era
abofé que non o era
aínda así esa noite
agochábame inquedo entre as sabas
tremía cos ruídos do faiado
e imaxinaba que tiña na man
a pistola de John Wayne
coa que defenderme
dese home escuro e malencarado
que habitaba nas sombras
e raptaba os nenos
túzaros e desobedientes.

                                 Do libro "Cartografía da infancia"

martes, 12 de junio de 2018

Uxío Novoneyra: A agonía do mundo rural




"A agonía do mundo rural aínda segue sendo a ferida máis quente de Galicia. A ferida máis grande. E ninguén fala diso. É o silencio máis doroso. Estamos deixando perder unha memoria".

"A xente aceptou a agonía do rural. E o goberno aceptou a agonía do rural dicindo que é irreversible. Acéptana cunha tranquilidade pavorosa, sen saber que se vai o sentido fundamental do noso pobo. Eí estaba a reserva última da nosa lingua".

Uxío Novoneyra, 1998

martes, 5 de junio de 2018

Fazañas bélicas



                        “Compañeiros de xogos e trasnadas,
                        irmáns nas molladuras”.
                        Xosé Neira Vilas

Un exército de afouta rapazada
alanca  entre os resíos das casas
e invade  corgas e  lameiros.

Os merlos estremécense
nas pólas da figueira
os cristais
pechan as contras asustados
medorentos os gatos miañan
agochados baixo os carros
e os cans liscan espavorecidos
co rabo entre as pernas.

Nin rastro do escaravello da pataca.

Fentos e silvas réndense
ó paso triunfal das zocas militares.

Ninguén está a salvo
tendo en conta
que compartimos unha amizade
de pedra e campo aberto
e portamos temibles armas
de destrución masiva
frechas e tiracoios.

             Do libro "Cartografía da infancia"

sábado, 5 de mayo de 2018

Inutilidade poética



desaparecen as civilizacións, as especies, as culturas,os impe-
rios; pero, contra toda lóxica, a poesía sobrevive a súa propia 
                                   "inutilidade"

 Do libro "Poesía en ruta" de  Xerardo Quintiá

jueves, 3 de mayo de 2018

Herdanza da memoria


Do avó aprendín refráns
e o pouso da historia
a lembranza dos familiares
emigrados escapando da fame
buscando alén do mar
a liberdade e a fortuna
que nesta ourela tanto escaseaban
os relatos dos fuxidos da guerra
o cheiro das cunetas ó medo e á morte
cando ser de esquerdas era delito
e a vida valía ben pouco
neses anos de odio e loucura.

O pai coñecía a forza primitiva
das trabes de castiñeiro
a maña para domear a madeira
a suor da seitura en Castela
en días longos e chairas sen fin
e a alquimia dos augardenteiros
en terras pontevedresas.

Miña nai sabía multiplicar o pan
os peixes e o cariño
e aprendín a ser feliz
no agarimo do seu colo
protexido das tormentas
e da febre dos catarros
mentres me peiteaba os soños
cos seus dedos de costureira.

Todo isto aconteceu nun tempo
que gardo con orgullo na memoria.

                                         Do libro "Cartografía da infancia"

jueves, 19 de abril de 2018

Soños


Os  soños eran limpos
e sen fronteiras.

Nada que temer do futuro
nin nubeiros no horizonte.

Soñaba cun mundo
de cabaleiros valentes
de princesas fermosísimas
de castelos encantados
onde o dragón de ollos de lume
mordía o po ferido de morte
pola miña espada de madeira.

                    Do libro "Cartografía da infancia"

lunes, 2 de abril de 2018

A chamada da terra


               
“Un volta sempre as súas orixes,
ós lugares nos que está enraizado”.
Manuel María

Daquela a terra chamaba por min                    
con palabras antigas.

Era un berro fondo
subindo entre os terróns
cara á pel dos homes
a riqueza e a fartura
medíanse por ferrados
sabía o nome
das vacas e das leiras
e os reloxos non marcaban as horas.

Corría polos socalcos
perseguindo lagartos
entre as cepas das viñas
pero sabía tamén
da cava e da renda
e as doses da suor
que ten un vaso de viño
madurado con lentura
na xeografía máis escarpada da ribeira.

Apañaba saltóns nos lameiros
brincando entre as embelgas de herba
e aínda hoxe vexo a meu pai
cravuñando a gadaña
baixo a parra do patio
na hora calmosa da sesta
ata conseguir un afiado cirurxián
que cortara como unha navalla barbeira
despois era o olor a herba segada
as présas se ameazaba choiva
e os carros entrando na palleira.

E na horta as mulleres
cultivando os froitos
e espantando as pragas
con remedios ecolóxicos
hoxe xa esquecidos
e regando coa pa no verán
ás horas sinaladas
na quenda das augas.

Eu xogaba a esconderme
entre as coias e os chichos
mollaba os pés nos regos
e a nai rifábame seria
coa complicidade dun sorriso.

Daquela que lonxe quedaba
a postura forzada dos selfies
o recurso do paracetamol
os taxis nos aeroportos
as autoestradas a ningures
o conflito de Palestina
e a guerra do Balcáns
o desxeo dos polos
unha marea negra esvarando costa abaixo
estas madrugadas do insomnio
museos de cera
fábricas en bancarrota
liquidacións e traspasos
marías dolores de cospedales
pagos en diferido
cando aínda
o implacable peso dos anos
non caera sobre min.

                              Do libro "Cartografía da infancia"

lunes, 19 de marzo de 2018

Tempo pasado


Miro cara unha época
que xa non existe
rostros calcificados
que noutrora foron risas
lembranzas acubilladas
polo estupor da distancia
días que arderon ceibes
cando un era dono
da rosa dos ventos.

Esa sede de verán
o peito  aberto á fío
ese alento quente
dos xogos prohibidos
e do son dos axóuxeres
un deixarse ir
como améndoas de auga
como espigas na brisa
un gozar da raxeira
e das sonecas de media tarde.

Fito una vella fotografía
raíz e cinza
de antes do naufraxio
de tódalas palabras
e lembro canto me gustaba entón
choutar no bulleiro.

                                     Do libro "Cartografía da infancia"

domingo, 4 de marzo de 2018

Como contar agora


Como contar agora


“É o peso da memoria nas costas
o que levanta o po e fai tremer a terra”.
Mario Regueira


Como contar agora
todo o que quedou atrás
ese manancial que baixa
polos anos da nenez
a respiración xirando sobre si mesma
un sabor doce no padal
imaxes conxeladas na raia do acordo
cando un era tan cativo e tan inxenuo
a televisión en branco e negro
 e as primeiras películas de vaqueiros
ese misterioso anticiclón de Mariano Medina
sempre por riba das Azores
e o alborozo do “Un, dos, tres”
as partidas de futbolín
os mareos no coche de liña a Monforte
a pescuda do unicornio
as trenzas das compañeiras da clase
a carteira chea de cadernos
con faltas de ortografía.

Do libro "Cartografía da infancia"


martes, 20 de febrero de 2018

Portugalicidades





PORTUGALICIDADES é un libro colectivo de poetas galegos e portugueses. Todo empezou cun concurso de poesía que José Estévez promoveu a través do facebook, arredor da cal se xuntaron  33  poetas.
E nun momento dado un dos participantes, Moncho Bouzas, tivo a feliz idea de: “é porque non xuntamos todo este material nun libro dixital”. E case todos secundaron a idea.
Así xurdiu Portugalicidades: 27 poetas de Galicia e Portugal unidos pola poesía. A portada é de Luísa Varela Mato e o título foi proposto por Pedro Andreu Simôes.
Por suposto, pódese descargar gratis. Velaquí o enlace:


miércoles, 10 de enero de 2018

Entre "Zocas e decibelios", recensión de Xosé Lois García

Entre 'Zocas e decibelios', poemas de Ramón Sandoval


Esta é a recensión que o eximio escritor Xosé Lois García fixo de "Zocas e decibelios" en GaliciaHoxe.com.

XOSÉ LOIS GARCÍA  | 28.12.2017 


Zocas e Decibelios é un singular poemario de Ramón Sandoval (natural da parroquia de Barantes, Concello de Sober, Lugo, onde naceu en 1961). Un poeta de longos percorridos pola nosa poesía. No sinalado título, concorren dous libros que corresponden a dúas individualidades ben marcadas reflexivamente e que están dentro do título xenérico. Estes son: “Cartografía da infancia” e “A pel no asfalto”. Dous traxectos, dous proxectos diversos normativizando as zocas do rural e os decibelios que se consumen nas aglomeracións urbanas. Así é, lector, estades ante dous libros de poesía que contextualizan dous universos distintos polos que Ramón Sandoval proxectou. En “Cartografía da infancia”, proclamase ese microcosmos de Barantes, con teimosía e desbotando todo aquelo que tende a encubrir a verdade e o recoñecemento que nos identifica con ese amplo mapa cartográfico dos sentimentos que temos os fillos do rural, o poeta sabe deletrear polo miúdo, o que respecta á xeografía e á toponímica e de aquí abunda a identificacións dos espazos que non murcharon esperanzas de lexitimarnos e pertencer a ese espazo rural con precoz lealdade. Digo rural e non labrego, por entender que son dous conceptos desiguais. Un pode ser do rural e non por iso ten que ser labrego. Mais Sandoval pola súa condición ruralista e ademais labrego, concerta un legado unificador e entrañábel que só a nenez e a infancia reclámanlle eses arroutos de volver ao período infantil e ao espazo de nacencia e contarnos a crónica vivencial dos súpetos biográficos nun medio tan relevante como é o de Sober.
Miro cara unha época
que xa non existe
rostros calcificados
que noutrora foron risas
lembranzas acubilladas
polo estupor da distancia
días que arderon ceibes
cando un era dono
da rosa dos ventos”.
Estes versos introdúcennos na metamorfose das cousas e de seus trocos e, mesmo, no apelo das mudanzas por veces incomprendidas, mesmo por min, neno de rural labregancia. Mais se busco recursos dialécticos sobre a desconfiguración das cousas, reclúome nestes versos do épico portugués, Luís de Camões:
Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades
Muda-se o ser, muda-se a confianza;
Todo o mundo é composto de mudança,
Tomando sempre novas qualidades.

Continuamente vemos novidades,
Diferentes en tudo da esperança;
Do mal ficam as mágoas na lembrança,
E do bem, se algum houve, as saudades”.
O peso da saudade en Camões e en Sandoval persiste en conformar ese memorando, o poeta galego desde o rescate da memoria infantil, canonizando aqueles días luminosos que a infancia garda e mesmo nela nos retrae, para que a conciencia do poeta adulto volva ás orixes do que a memoria reciclou en varias tensións de recompor matices e frecuencias das súas relacións con o seu modus vivendi. A saudade en Camões é metafísica e gradúa o énfase da memoria e en calquera lugar a encontramos sen obstáculos e advertíndonos do poder que emana e ten:
Saudades me atormentam cruamente,
Saudades do meu bem já passado;
Não sou a tantos males condenado
Sem rezão, pois que posso ser ausente”.
Dúas magnitudes poéticas, ausentes dunha pose de graduar os tempos idos (saudosos) dunha maneira interesada. Un clásico (Camões) e un contemporáneo de actualidade (Sandoval) con perfiles diferentes veñen a coincidir que a memoria ten seu refuxio no saudosismo, ese don identitario que ten seus respiros en galegos e portugueses. Non en tanto, debemos considerar que a poesía de Ramón Sandoval, no poema: “A chamada da terra”, hai unha reconstrución que normaliza ese espazo rural, sobre todo vivencial, no que concorren grandes recursos narrativo-poéticos que só un autor como Sandoval pode manifestar e atraernos a todos nós, do rural mais profundo e labregos, para recoñecernos na certeza da Terra -en maiúscula, naturalmente-. A crónica mais perfecta de canto admiramos nas nosos primeiros diálogos coa terra e coa dimensión da súa oferta. Unha crónica breve que non desmerece comparala con certas pasaxes das “Memorias dun neno labrego”, de Pepe Neira Vilas. Velaquí unha exposición da memoria saudosa, nestes versos:
Corría polos socalcos
perseguindo lagartos
entre as cepas das viñas
pero sabía tamén
da cava e da renda
e as doses da suor
que ten un vaso de viño
madurado con lentura
na xeografía máis escarpada da ribeira”.
Estamos ante un poeta do herdo e de todas as complementariedades que xorden e aluden á cultura e antropoloxía rural. O poema: “Herdanza da memoria”, é unha especial testemuña para facer unha mostra do que di nos primeiros tres versos das tres estrofas deste poema:
Do avó aprendín refráns
e o pouso da historia
a lembranza dos familiares”.
(...)
O pai coñecía a forza primitiva
das trabes de castiñeiro
a maña para domear a madeira”.
(...)
Miña mai sabía multiplicar o pan
os peixes e o cariño
e aprendín a ser feliz”.
Unha maxistral retrospectiva represéntase neste poema onde se configuran tódalas maxias e tódolos portentos da vida labrega; nada, e para nada reducionista. Velaí o poeta como chega a conquistar un dos mais excelsos poemas do ruralismo vital que nunca se vai desvencellar da memoria do noso poeta.
A memoria continúa devolvéndolle a Sandoval o que gardou da súa nenez:
Ese olor a mazá
demorado nos cuartos
eses días curtos
engulidos polas sombras
na lentitude transparente
dun campo sen follaxe”.
Todas estas descricións perfilan unha crónica poética moi suxestiva que a todos os que somos do rural labrego confórtanos dunha maneira extrema. Fannos renacer no que vivimos neses talantes misteriosos que se perderon, mais que Ramón Sandoval salienta dunha maneira precoz. No poema: “Tradición oral”, vólvenos a ese impacto que o patrucio da casa producía, por el ser o gardador de historias, honras e estabilidades do que manaba sabedoría como auga pura dun regueiro xerminal.
Era polas noites
noites escuras coma boca de lobo
noites de inverno
co vento zoando entre as tellas
con sinistra ameaza
cando o avó
enfiaba o libro dos recordos”.
Con todas estas consideracións sobre as achegas que a “Cartografía da infancia” resólvenos dunha maneira puntual sobre as diversas incursións que Ramón Sandoval vai escudriñando sobre a ruralismo como indicativo e portador e cultura que el foi un gardador, portador e dador deses valores.
No poemario: “A pel no asfalto” é a antítese de “Cartografía da infancia”, os dous con perfecta soberanía, mais este libro marca a transición da naturalidade e naturalismo rural que formou ao poeta. Entre un libro e outro hai un tránsito en que o poeta pasa do universo rural ao espazo urbano. Incluso podemos detectar ese dualismo para verificar o ben do lado ruralista e o mal do lado urbanista. Indícanos o poeta o seguinte, que nos aforra moitas palabras para descifrar, algo que el subliña: “Herdanza do meu paso por Villaviciosa, A Rúa e Vigo son estes versos. Unha mirada tristeira, pesimista, sobre a vida nas / das cidades. Non hai finais felices, aquí están os perdedores, os desencantados, os que fan da agonía un modo de resistir, os que malviven nas orelas, no lado escuro”. En fin, a traxedia do asfalto comeza nestes poemas coa encomenda:
Ós antigos deuses
non lles faledes
destas frías metrópoles”.
No seguinte, ou segundo poema, hai unha fonda consideración e, tamén, conspiración contra as cidades como espazos insensíbeis e monótonos, con barrios marxinais e onde aquel universo rural non florece nin perfuma esa inmensidade de bosques de cemento. Considerando:
Espertas e atopas este barullo
de formigón e automóbiles
este cárcere de neon que agachou
a herba, a alquimia dun sorriso
entre tanto monóxido de carbono”.
Unha ilustración que constata esta crítica, quizais albiscando a cidade de Vigo, como prototipo doutras cidades pregadas en si mesmas. Desbotar os centros urbanos non é mais que un talante de recuperar A Riba, o seu lugar de nacencia e crianza, o espazo que deu fulgor a seus sentimentos, e no seu imaxinario reconstrúese o seu microcosmos que o naturalizou. Por tanto, estamos ante unha poesía, ética e estética, con valores e raíces puras do rural galego, que desbota os arrebatos e as desmedidas da urbanización, naturalmente. Estes poemas son a antítese daqueles monumentos poéticos que confirman o urbanismo habitábel como portador de cultura e de arte. A magnificación de dous grandes poetas do urbanismo, Jaime Gil de Biedma e o arquitecto catalán, Joan Margarit, que se nutriron de varios elementos espaciais da cidade de Barcelona nas súas poéticas para glorificar eses enormes espazos urbanos en desorde.
Zocas e decibelios” -dous libros nun- ofrécenos a plenitude dun poeta que consigue regresar con seus lectores a calquera medio rural e manter un diálogo fondo con esas pedras esborralladas e cheas de silveiras das nosas aldeas sen xente, cos finados e emigrados desas casas que mantiveron o fogar perfecto doutros tempos e endexamais imaxinado; resucitar as voces que aínda bulen e inzan esperanza. Un excelente libro de poemas como o que nos ofrenda Ramón Sandoval abre unha tendencia suculenta para recuperar, a historia, a fala e a cultura dese cume rural e apousentarnos nas raigañas da terra e forzala a que ela continúe falando por todos. Neste libro a Terra fala e ordena concentración en si mesma.