viernes, 26 de octubre de 2018

Os días que se foron


Un lampo na memoria
un relustro na acordanza
e lembro plantar unha acacia
desoíndo  consellos paternos
levantarme moi cedo unha mañá
para ver os campos cubertos de neve
o rito do pan amasado na vella artesa
o latexo hipnótico das brasas
e o olor a empanada saíndo do forno
mentres París o can que xogaba comigo
apañaba faragullas no aire.

A ousadía de ler a Dostoievski
con 10 anos no escano da cociña
ou escribir en quintillas
a historia de España
en folios soltos
que despois lle recitaba á nai
correr entre os penedos do Reboredo
buscando covas e tesouros
a brétema da tarde coma un mundo
de pantasmas desafiando aos outeiros
o bico das fadas
unha eiruga de luz nas ruínas escuras.

Símbolos dos días que se foron
na retina dun neno
que corre ás alancadas cara ó porvir.

     Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

domingo, 14 de octubre de 2018

Na tarde borrallenta


                 


                 Na tarde borrallenta
esta sede
de aprender o nome das cousas.

O pai
mentres traballaba a madeira
con mans habelenciosas
e infinita paciencia
íamas dicindo e repetindo
coma unha ladaíña
formón
trade
escoupro
gubia
aixola
rebocador
garlopa
trencha.


     Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"
      A foto é de Ermess