domingo, 29 de diciembre de 2013

PREMIO "LEIRAS PULPEIRO": CICATRICES DO INSOMNIO, IV

Cuarto poema

QUEBRACABEZAS

Tento recompoñer os anacos
deste quebracabezas inacabado
de présas, horarios, artigos de oferta,
a sede, o asombro cotián,
semáforos de conciencia,
cortes de manga diante do espello,
expedientes, nostalxias, luces de posición,
sabas como bandeiras, mar e escuma,
e a fuxida os venres pola A-52.
Nada cambia,
unha cidade sen datas misteriosas,
unha longa viaxe cara ó inverno
mentres debaixo do silencio
quebran os desertores.
Nunca segundas soidades foron boas,
unha tempestade para facer medrar
o medo de séculos futuros,
e o amor que segue a afogarse
entre coxas de cobre
para librarse da friaxe dos álbums
e dos heroes de plastilina.
Onde atopar abrigo neste bosque en chamas?
Onde buscar saliva neste deserto?
Como un minotauro desenganado
no dédalo desta noite sen sono
busco o verbo que me defina,
o pasadizo que me salve desta derrota na gorxa,
e paro na primeira gasolineira
a repoñer o combustible necesario
para dar chegado a Ítaca,
o derradeiro refuxio para os homes
que queren (e non poden)
seguir sendo nenos.

lunes, 23 de diciembre de 2013

INDIVIDUO SOSPEITOSO EN DOADE

Nun carreiro dos arrabaldes de Doade, non moi lonxe dos socalcos que producen o saboroso viño mencía, foi atopado onte á maña cedo, desorientado e cheo de rabuñaduras, un individuo gordo vestido con ridículo traxe de cor vermella.
Non fala galego, máis si castelán e inglés, e dixo chamarse Papá Noel, aínda que non aportou ningún tipo de documentación.
A súa historia é confusa: dixo que viña de moi lonxe, que traía unha morea de agasallos (así pola cara) e que se perdeu preto da Abeleda. Dixo que viaxaba nun carro tirado por renos e que, por mor da mala sinalización, o exceso de velocidade e o luscofusco, non deu collido unha curva preto da ponte e alá foron, o fondo do Sil, o carro e os cérvidos mentres el saíu despedido contra unha matogueira de toxos. Dixo que, ferido e confuso, botou a andar sen saber cara onde e que se perdeu na aba do monte.
A policía non dá creto a súa versión e máis ben pensa que, dada a súa pinta de borrachín, andaba á procura da adega Regina Viarum coa idea de meterse nela pola noite e trasfegar uns cuartillos de tinto ó bandullo.
Estase á espera de que cheguen uns mergulladores profesionais desde Cangas do Morrazo para ver se atopan algún resto do accidente/naufraxio. Entrementres, o individuo permanece detido nas dependencias da comisaría de Monforte sen ningunha consideración.



sábado, 21 de diciembre de 2013

PREMIOS EN PARADELA

O xoves 19 estiven en Paradela co gallo da entrega de premios do XVIII Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López. Ó abeiro de Xulio Xiz e José Manuel Mato compartín un entrañable acto con familiares de Manuel-Oreste e Celso Emilio Ferreiro, e outros premiados como Manrique Fernández, Xosé Farruco Graña e Xosé Otero Canto.
A foto é do libro colectivo que se editou cos traballos premiados neste certame.

domingo, 8 de diciembre de 2013

TERRITORIOS ESTRAÑOS

O vindeiro 23 de novembro tiven a honra de recibir na escola de Guillufe (Gondomar) o VI Premio de Poesía Victoriano Taibo, organizado pola Entidade Local de Morgadáns e o Instituto de Estudos Miñoranos. Aparte da dotación en metálico e unha escultura de Fino Lorenzo, o premio tamén incluía a publicación do libro (este que vedes na foto).
Un acto entrañable no que participaron a banda de gaitas “Balcón do Miñor”,  Elvira Riveiro cunha disertación sobre Taibo e Rosalía de Castro, un recital de Dania D’Alfonso, e o grupo de teatro Bertorella representando  o conto de Taibo “O can de San Roque”.
Máis información aquí.