cando
esta violencia que nos agrilloa
teña
catorce nós que poñan freo ó recordo
a ese
recordo que tangue as palabras
coma
un motor de combustión interna
coma
un estoxo onde encaixar as pezas para saír a flote
actualizar
o software e o teorema dos temporais incertos
cando
ó chegar á encrucillada non se poida apagar un berro
e os
noctámbulos anden á toa porque perderon
o
derradeiro autobús a terra firme
cando
un tiro a queimarroupa estrague a conversa
en
calquera esquina para máis tarde
na
soidade do teléfono
atopar
tremores agachados á beira das pestanas
razóns
para vestirse de negro
e saber que os raposos e as gaivotas
tamén
teñen tristura na ollada
cando
a longa barra dun bar nos amose
que un
borracho pode abafar nun pedestal
mentres
unha rúa sen fin o leva ata a súa infancia
a
súa infancia que ten algo de fronteira
e algo
de paraíso perdido e algo máis
cando
fiquen caladas tódalas radios
cando
se rebelen os reloxos
cando
os puntos cardinais desaparezan
non
terá sentido seguir escribindo
e
racharei en mil anacos estes poemas
Do libro "Nas esquinas do frío"