sábado, 6 de abril de 2019

Cando eramos máis novos


Un día atopas  os bolsos
orfos de cromos e de pesetas
de tigretóns e phoskitos
botas en falta o balón dos recreos
o xogo das bolas
e as novelas
de Marcial Lafuente Estefanía.

Nada queda das tardes de aventura
da busca de niñadas e zarrotes
o ditado,  a táboa de multiplicar estrelas
e os afluentes do Duero
que recitabas de memoria
diante do estrito encerado 
da primeira escola.

O río Sil alá abaixo
perdeu esa aura  de misterio
e a bicicleta BH para pedalear ós días
está arrombada e oxidada
no fondo da palleira.

Tamén se foron os monecos de neve
os heroes dos cómics
derrotando ós malvados
e as bolboretas  cravadas
nos alfinetes da inocencia.


Achas  en troques
máis engurras na faciana
alarmas brancas  entre o pelo
e os xestos coma cansados
á beira dun abismo.

Amólante  as tarxetas bancarias case sen fondos
a caixa do correo ateigada de publicidade
a cita co oftalmólogo
a comunidade de veciños,  os atascos
tantas revolucións perdidas
e o espertar desganado da túa compañeira.

Daquela  decátaste 
de que a  infancia quedou xa atrás
que o barco pirata naufragou hai  moito tempo
e que o  Capitán Trueno
xamais acudirá
a rescatar á princesa.

                             Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"