martes, 25 de enero de 2011

DE CINE

Como non todo vai ser wester, hoxe vou escribir sobre o cine español. Estas son as dúas últimas películas que vin.


BALADA TRISTE DE TROMPETA:
Para algúns será unha peli redonda para outros un experimento fallido. Gustará e desgustará a partes iguais e directamente proporcionais porque Alex de la Iglesia é así: un director persoal e controvertido que non deixa indiferente.
A pesares de ter os seus altibaixos, de secuencias que non veñen a conto (o motorista voador por exemplo), de Carolina Bang (bastante limitada como actriz), pasei un rato do mais entretido na butaca.
Delirante, colorista, graciosa, alegórica, macabra, violenta, a risa que se transforma en espanto, personaxes deliberadamente esaxerados ata o absurdo e o grotesco, irreverente, inclasificable e polo tanto indefinible. Alex de la Iglesia en estado puro.



TAMBIEN LA LLUVIA:
Esperaba máis de Iciar Bollaín por ser a directora das estupendas “Flores de otro mundo” e “Te doy mis ojos”; e esperaba máis de Luís Tosar, que está ben pero lonxe das grandes interpretacións as que nos ten acostumados.
Un equipo de cine chega a Cochabamba (Bolivia) para rodar un filme sobre a figura de Cristóbal Colón e a represión dos indíxenas. O pouco estalla un conflicto pola privatización da auga que pon en perigo a finalización da rodaxe.
Cine social, de denuncia, non en van o guionista é Paúl Laverty, asiduo colaborador de Ken Loach. Dúas crónicas con 500 anos de diferencia. Antes o ouro, agora a auga. Os indíxenas loitando por sobrevivir co pouco que teñen. Enfronte a mesma brutalidade, a mesma inxustiza, sempre os mesmos no poder.
Pero a emoción non logra traspasar a pantalla, unha frialdade parece enchoupar os fotogramas, un non se acaba de crer de todo a historia que semella plana, lineal; quizais a peregrinaxe polas distintas épocas (unha película dentro doutra, cine dentro do cine) non axuda. Hai diálogos algo forzados, personaxes pouco debuxados que rematan por ser superficiais, e un final politicamente acertado pero claramente mellorable.
A película é correcta, entretén, pero saín do cine coa sensación de que se lle podía haber sacado mais partido.

jueves, 20 de enero de 2011

WESTER IX: WYATT EARP

“Canto máis unida estea a familia, mellor. Só podes confiar nela, quero que o recordedes. Nada conta tanto como o sangue. Os demais son estraños.”
Estas palabras que o rapaz Wyatt lle escoita a seu pai marcárono para sempre e foron unha constante na súa vida.
Máis alá do sonado enfrontamento en O. K. Corral contra os Clanton e os McLaurys, esta é a historia da vida de Wyatt Earp pero tamén é a historia da relevancia que teñen os vínculos familiares e como estes son fundamentais para sobrevivir nunha terra dura, salvaxe e violenta.
O cine achegouse en moitas ocasións a este persoeiro (un dos máis famosos do oeste americano) e directores como John Ford, John Sturges, Frank Perry ou George P. Comatos tamén mostraron a súa visión.
Co permiso de Eastwood, Lawrence Kasdan e Kevin Costner foron os que revitalizaron o wester nos 80 e 90. Kasdan dirixira Silverado no 85, unha boa película na que Costner fixo unha interpretación un tanto infantil e aloucada. A madurez viríalle despois, aparte deste filme, coa oscarizada Bailando con lobos e en Open Range (nas dúas como actor/director).
A pesares de que non funcionou ben na súa estrea Wyatt Earp é un wester máis que digno. A cinta mostra a un Wyatt desmitificado (incluíndo o seu descenso os infernos ata converterse en ladrón de cabalos), vingativo, déspota as veces, pero coa importancia e o valor da familia sempre presente.
Kasdan soubo rodearse dun bo elenco de actores, ademais de Costner estaban Dennis Quaid, Isabelle Rosellini, Gene Hackman, Michael Madsen... A destacar tamén a fotografía, a música e unha ambientación da época mais que notable,
Acusárona de duración excesiva. É certo, os 183 minutos poida que se fagan longos e hai partes que si se eliminan non prexudican a historia. Outros recrimináronlle ó director que non desenrolara máis o personaxe de Doc Holiday (excelente Dennis Quaid que adelgazou 20 quilos para interpretar o xogador tuberculoso, amigo dos Earp). Con todo, a min paréceme un bo filme e onte volvín a velo.