martes, 19 de febrero de 2019

Tradición oral


“O avó tizaba o lume cos recordos”.

Xabier Xil Xardón

 

Era polas noites
noites escuras coma boca de lobo
noites de inverno
co vento zoando entre as tellas
con sinistra ameaza
cando o avó
enfiaba  o  libro dos  recordos.
 
Rematada a cea sacaba
o tabaco de picadura e o librillo
e leaba un cigarro coa habilidade
de mans calosas  pero  expertas.
 
Despois con voz pausada
agraria e mineral
deixábase perder polos labirintos
do tempo e as palabras resoaban
fondas na cociña mentres no neno
gurgullaba a imaxinación
coma un foguete a piques de estourar.
 
Así foi como coñecín
as historias do Taboada
home chistoso e retranqueiro
que disimulaba a pobreza
con altas doses de argucia
do Luciano ó que na guerra incivil
perseguiron con saña pola ribeira
dos afogados do río
do suicidio do Meiladas
que apareceu colgado na palleira
da súa casa de Barreiros
das falcatruadas do ferreiro de Veliños
das pelexas  entre parroquias
cando os mozos eran bravos
e levaban escopetas ás festas.
 
O que daría  
por volver escoitar agora
avó
na túa voz pausada
agraria e mineral
todas esas historias
que co paso do anos
fun esquecendo.

                                                    Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

viernes, 1 de febrero de 2019

Primeiro amor


                     “Ela ten os ollos da cor da infancia”.
                         Pedro Rielo

Empezoume a gustar
e non lembro cando.

Foi quizais un lóstrego
un asombro de quentura
subindo ata o peito
un indicio de cóxegas
un instinto básico levedando na arxila.

Ela era unha nena de cara redonda
de ollos limpos e risa sincera
unha noite soñei que bicaba
os seus cabelos
sabían a azucre
nun campo de flores.

Mirábaa ás agachadas
escribía o seu nome en  follas secretas
e fun feliz cando a mestra
nos puxo no mesmo  banco.

Quíxena como só saben querer os nenos.

Non lembro cando me deixou de gustar
nunca nada lle dixen
o primeiro amor foi tamén
o primeiro segredo.

                   Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"