jueves, 31 de diciembre de 2015

Feliz 2016





Aínda que se lle facemos caso a El Roto, que é un tipo ben informado…


sábado, 26 de diciembre de 2015

Seguimos tocando fondo

Estas sombras como refuxio
para os que xa non temos
nada que agochar.
Esta primavera  con prognósticos
de catarreira e hipertensión.
Esta partida de póker 
cun proxecto fracasado de escaleira.
Este xoves que se arrastra  
co degusto amargo dos luns.
Esta manía de nadar a contracorrente,
ser carne de canón, ter ganas de  nada,
pórlle portas ó campo,  codificar os soños.
Esta mitoloxía de rancores,
esta intoxicación de morriña,
estas armas de dobre fío,
este teléfono mudo,
este xamais,
este por fin.
                                             Do libro "Territorios estraños"

domingo, 13 de diciembre de 2015

12-12-2012


Pratos sucios no fregadeiro,
nos mobles unha capa antiga
de po e melancolía,
manchas de nostalxia
polas paredes,
as lembranzas esvarando
cara ós recantos,
e hai como un mutismo líquido
pendurado do teito.
No medio do salón, o  alugueiro
cruzou os dedos e tocou madeira
agardando que o 13
fose, por fin, 
o seu número da sorte.
                   Do libro "Territorios estraños"

sábado, 5 de diciembre de 2015

Rajoy en estado puro



Os descifradores de códigos secretos agradecen calquera axuda que se lles poida prestar para tratar de descubrir que carallo quixo dicir Rajoy con esta frase: “Es el vecino el que elige al alcalde y es el alcalde el que quiere que sean los vecinos el alcalde.”
O tema corre présa porque este individuo seica se presenta a presidente de España. Cousa cando menos preocupante.

martes, 1 de diciembre de 2015

Estraños son os camiños do señor

Tentaba o cura colgar
un crucifixo na parede.
O martelo, violento por natureza,
mallaba con forza no cravo
ata que por causas descoñecidas
desviou a traxectoria e foi machucar
o dedo polgar da man esquerda
que suxeitaba a punta.
Hostia en Deus!!!
berrou o crego, adoecido.

                            Do libro "Territorios estraños"