sábado, 7 de febrero de 2015

Satisfaccións

Espertar co sol xa ben alto
e non ter présa en levantarse.
Recoller do chan o periódico
e un libro  de Bertol Brecht.
Subir ata o Castro,
mirar á ría e despeitearme.
O póster do Che,
os berros do veciño, 
a calor dun bar.
Esquecer a crise refuxiándome
nas cores do arco da vella.
Os recordos que rescato
dun antigo cartafol, as palabras
que forman liñas que aspiran
inutilmente a seren poema.
Botarlle un pulso á  tristura.
Practicar sendeirismo pola miña propia alma.
E á tardiña dun día calquera
cruzar o Miño en dirección a  Portugal,
só polo pracer de ganarlle unha hora ó tempo
mentres tento resolver unha ecuación
de puntos suspensivos que se empeña
en derivar cara a estratosfera.
                         Do libro "Territorios estraños"