miércoles, 29 de diciembre de 2021

cartafol de reclamacións

 

reclamo as débedas da vida

o dereito a cobrar (xuros incluídos)

por cada cita anulada

por cada sábado lamacento e encorado

que se consumiu nun tedio de pretérito imperfecto

 

esixo que se me remunere

(tendo en conta atrasos e trienios)

polos invernos que non xeou

polos aniversarios esquecidos

polos espertadores que non soaron

ou soaron tarde e mal

ou fuxiron co seu enigma ó lombo

ó outro lado do almanaque

 

preciso eses cartos

para sacar o billete

que me leve fóra do labirinto

desta vida agromada a contra pé


                                   Do libro "Nas esquinas do frío"

domingo, 26 de diciembre de 2021

traxedias mediterráneas

   

viñan de lonxe

coa inseguridade propia

dos que se senten desprazados

traían na mirada un paxaro de medo

esa molesta sensación de febre e desorde

 

fuxían dos anzois que pexan o futuro

dos vértices da gaiola dese deserto infindo

áspero coma a monotonía dos días

onde se enterraron tantas bágoas

sen que nunca florecera un bo desexo

amoreados na fráxil barcaza

compartían esperanza e sede

 

non sabían    non podían saber

que as augas do Mediterráneo eran tan escuras


                               Do libro "Nas esquinas do frío"

viernes, 17 de diciembre de 2021

cartografía da soidade


 


 

devecía polos solpores e algunhas noites

sentábase a contar estrelas

errático   fugaz   incomprendido

espantaba as sombras

que o querían afogar nun vaso de auga

 

gustaba dos espellos

os reloxos de area

os labirintos

as mitoloxías nórdicas

bebía para non esquecer

berraba para non sentirse tan illado

 

experimentou o sabor do desterro e o fracaso

experto na arte da negociación

nunca conseguiu chegar a un acordo

 

bo coñecedor dos camiños

desconfiaba dos atallos

era inofensivamente perigoso

 

escribiron sobre el e nunca o soubo

un día antes quedárase sen coartadas para malvivir


                                                  Do libro "Nas esquinas do frío"

domingo, 12 de diciembre de 2021

DESBALDIR, MALGASTAR

 


Desbaldir: gastar millóns  e millóns de euros na busca vida intelixente noutros planetas cando aínda non estamos seguros se existe neste.

miércoles, 8 de diciembre de 2021

pista de baile

 


pasou xunto a el

como unha brisa fresca

con reflexos de luceiros

o ritmo dos seus tacóns

desorientou ó disc-jokey

 

quixo  chamala

pero xa se perdera

no tobogán da pista de baile

 

outra noite perdida

agora nin o alcohol

serve de coartada

                             Do libro "Nas esquinas do frío"