Mostrando entradas con la etiqueta Idioma. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Idioma. Mostrar todas las entradas

domingo, 16 de mayo de 2021

Día das Letras Galegas: Xela Arias

 


“Só é poesía aquela que non busca victorias, só será poesía aquela que non afogue nas derrotas. Só é poeta o que busca liberarse de si mesmo. Só será poeta quen o conquira.”

Xela Arias

sábado, 25 de julio de 2020

martes, 12 de junio de 2018

Uxío Novoneyra: A agonía do mundo rural




"A agonía do mundo rural aínda segue sendo a ferida máis quente de Galicia. A ferida máis grande. E ninguén fala diso. É o silencio máis doroso. Estamos deixando perder unha memoria".

"A xente aceptou a agonía do rural. E o goberno aceptou a agonía do rural dicindo que é irreversible. Acéptana cunha tranquilidade pavorosa, sen saber que se vai o sentido fundamental do noso pobo. Eí estaba a reserva última da nosa lingua".

Uxío Novoneyra, 1998

martes, 19 de diciembre de 2017

Galego e punto



Cada vez  me gusta máis Luís Davila, o humorista gráfico que tódolos días publica as súas viñetas no Faro de Vigo. Onte como presidente da comunidade de veciños fun falar coa administradora para preparar a convocatoria dunha asemblea extraordinaria. Ela xa a tiña escrita, así que imprimiuna, corriximos algunha cousa e como estaba en castelán díxenlle que ma mandara por email porque a ía por en galego. Miroume estrañada e preguntoume: “Tu eres del Bloque?”.  Eu sorrín e non lle dixen porqué cada día me gustan máis as viñetas de Luís Davila.

domingo, 21 de mayo de 2017

Exposición na Casa da Cultura de Monforte

A Casa da Cultura  do Concello de Monforte de Lemos acolle unha exposición dedicada a 26 escritores da comarca de Lemos

Un pracer e un orgullo compartir exposición e cartel con persoas da talla literaria de Olga Novo, Xabier Quiroga, Manuel María, Lois Pereiro, Xosé Lois García......

martes, 16 de mayo de 2017

lunes, 2 de enero de 2017

Un desexo para o 2017



A idea é boa e a imaxe atopeina fuchicando polo feisbu na páxina de Isabelle Kerdudo.

martes, 17 de mayo de 2016

Lembrando a Manuel María


Neste Día das Letras Galegas adicado a Manuel María eu tamén quero contribuír cun humilde sonetíño. Os mais coñecedores da súa obra decataranse de que usei algún título dos seus libros para encher os versos. Tamén iso forma parte da homenaxe.

LEMBRANDO A MANUEL MARIA
Se digo Manuel, digo liberdade,
home da Terra Chá, bandeira e norte,
Saleta, mestre, Xistral en Monforte
coa man tendida sempre a irmandade.

Se digo María, lembro ao poeta,
muiñeiro de brétemas, mes de advento,
cancións do lusco ao fusco co alento
de quen foi para nós camiño e meta.

Cecais hai unha luz na noite escura,
luz que nos leva na túa procura
pois a loita segue, Manuel María.

Dános a forza, líbranos do pranto,
nesta Galicia que quixeches tanto
dános o poema teu de cada día.

miércoles, 6 de enero de 2016

A fala. Manuel María


Xa que o Día das Letras Galegas  2016 estará dedicado a Manuel María, inicio o ano cun poema deste poeta chairego no que fai unha defensa acendida da nosa lingua, esa que el tanto amou.


      A fala

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
                  Manuel María

viernes, 17 de mayo de 2013

FALEMOS GALEGO


Tal día como hoxe ben está lembrar esta canción de A RODA.

miércoles, 10 de marzo de 2010

E O VENRES EN BOLMENTE



Pois si, este venres vaise facer a presentación do libro en Sober, no local social de Bolmente. Si andades preto podedes achegarvos (tamén haberá actuación musical, e poida que ata pinchos).
Estades avisados.

sábado, 6 de marzo de 2010

55 MENTIRAS SOBRE A LINGUA GALEGA






“Como vou esquecer a miña lingua se esa foi a herdanza de meu pai e mais miña nai!”
Un emigrante de Vimianzo en Montevideo.







Estes días ando a ler o libro “55 mentiras sobre a lingua galega”(supoño que a maioría de vos xa o coñecedes).
Dunha forma clara e sinxela, non por eso menos rigorosa, desmonta e bota polo chan as mentiras que algún partido político (léase PP) e algúns colectivos ( Galicia bilingüe, por exemplo) argallaron sobre a nosa lingua. Esas mentiras son “un conxunto de falacias co único fin de destruír a parte do universo que o noso idioma representa. Naceron movidas polo desprezo e por ideoloxías que xogan a proclamar todo aquilo que non son. Mesmo están as que posúen o cheiro inconfundible do odio.”
Si aínda non o lestes recoméndovolo porque “contribúe a desenmascarar a quen só coñece palabras de exclusión, de segregación e de negación” con respecto o galego.
Por suposto, tamén lle recomendo a súa lectura a Núñez Feijoo, Jesús Vázquez, Roberto Varela, Agustín Hernández,... por citar só algúns dos politiquillos que pretenden o esmorecemento e mesmo a desaparición do noso idioma. De Gloria Lago nin falo porque esa é tan impresentable que xa non ten remedio.

* O entrecomiñado pertence o libro e a viñeta de abaixo é de Xosé Lois, que supoño que non lle molestará que a reproduza nesta cova.

lunes, 6 de julio de 2009

IMPRESOS BILINGÜES


Este que vedes aquí é un impreso que dan nos cuarteis da Garda Civil para a solicitude ou renovación de armas de fogo. Como podedes apreciar (pinchar na imaxe para ampliala) está en castelán e na zona superior di: “En la parte opuesta lengua gallega”.
Vale, impreso bilingüe. Deámoslle a volta, pois.



Contra, pero si tamén está en castelán! Cuspidiño, cuspidiño o da cara A. A única diferencia (pinchar na imaxe para ampliala) é que na zona superior pon: “En la parte opuesta lengua castellana”. Coño, e nesta tamén, digo eu!

¿Será esto ó que Feijoo lle chama bilingüismo harmónico?
¿Ou será unha falcatruada mais de actual Xunta de Galicia na súa teima de persecución e asoballamento da lingua galega?
Queren sacar ó galego do sistema educativo, dos exames das oposicións e polo que se ve tamén dos impresos, neste caso coa desinteresada colaboración da Garda Civil, sempre o servicio do pobo.

domingo, 17 de mayo de 2009

EN GALEGO, SEMPRE


A pesares do que digan Gloria Lago e os seus acólitos, eses infames manipuladores de Galicia Bilingüe, corren malos tempos para a galego. Xa que logo, mais que nunca hai que falalo, escribilo e defendelo: non só hoxe senón os 365 días de ano.


CANCION PARA CANTAR TODOS OS DÍAS
Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.
Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.
Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.
Seríamos, sen fala, uns ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen as espadas.
O idioma somos nós, pobo común,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.

Cancións de lusco ó fusco (Manuel María)

sábado, 17 de mayo de 2008

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

DEITADO FRENTE Ó MAR
Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta,
porque me peta e quero e dáme a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
o ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que o pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser,co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe.
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estúpidos,
non falo prós baleiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas a cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos nus.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ese camiño...
Celso Emilio Ferreiro
Longa noite de pedra (1962)

viernes, 16 de mayo de 2008

NA DEFENSA DO NOSO IDIOMA


Manifesto “Na defensa do noso idioma”


As persoas asinantes da presente declaración, somos autoras e autores de blogues galegos, que suscribimos voluntaria e libremente esta iniciativa e que publicamente MANIFESTAMOS:
O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade.
Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos porque o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e particularmente no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüísmo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio.
Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
Adherímonos colectivamente ao manifesto “
Polo dereito a vivirmos en galego” d’A Mesa pola Normalización Lingüística.
Chamamos á cidadanía galega, especialmente á mocidade, a participar na manifestación nacional en defensa do noso idioma, que baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego” convoca A Mesa pola Normalización Lingüística, e que terá lugar o vindeiro domingo 18 de maio, na cidade de Compostela, e que partirá ás 12h da Alameda.