Nomeo, pois, algúns dos solistas e grupos que me gustan desa época relacionándoos con un disco deles. Por suposto que hai ausencias destacadas pero 10 é un número finito e os que están si que son.
JOAQUÍN SABINA: Malas compañías, 1980.
Cantautor urbano por excelencia compuxo algunhas das mellores letras das tres últimas décadas. Cantante, letrista, poeta, crápula, animal nocturno de verbo fácil, caveira, transgresor, republicano, amigo do toreo, da nicotina e das noites nas que lle levanta as faldras á lúa. Dende logo que non é o seu mellor disco pero nel están dúas cancións imprescindibles: “Pongamos que hablo de Madrid” e a impresionante e opresiva “Calle melancolía”.
LEÑO: Corre, corre, 1982.
Foi no ano 77 cando Rosendo, cansado das excentricidades de José Carlos Molina, deixou Ñú e con Ramiro Penas e Chiqui Mariscal (que pronto abandonaría entrando no seu posto Toni Urbano) forma Leño. Uns anos despois eran o grupo de rock con mais carisma do territorio nacional.
No 83 despois do final da xira “El rock de una noche de verano” de Miguel Rios (na que participou xunto cunha rockera que empezaba, Luz Casal) Leño desfíxose cando estaban no mellor momento da súa carreira. Atrás quedaban 3 discos, 1 directo, e 7 ou 8 singles. E empezou a lenda.
MIGUEL RIOS: Rock and Rios, 1982.
Situou o rockero de Granada no cumio da súa carreira. O rock en España non se podería entender sen a aportación deste andaluz universal.
Un máxico e electrizante inicio con “Bienvenidos”, cancións míticas como “Himno a la alegría” ou “El río”, baladas como “El blues del autobús”, bon acompañamento con un fenomenal Sergio Castillo a batería, ou as guitarras de García de Diego, Jhon Parsons e Salvador Domínguez, fan deste doble Lp posiblemente o directo mais importante da historia do rock español.
ILEGALES: Ilegales, 1982.
O rock asturiano irrompeu con forza no territorio nacional con esta banda liderada por Jorge Martínez e que amosa o seu mellor esplendor nos directos, letras ácidas, guitarras potentes e cun Jorge en plan gurú irreverente criticando entre canción e canción todo o que se move.
Tanto neste álbum como no seguinte “Agotados de esperar el fin” atópanse as cancións mais emblemáticas da banda.
SINIESTRO TOTAL: Menos mal que nos queda Portugal, 1984.
Como non lembrarse deste grupo vigués de punk-rock que liderado por Xulián Hernández e Coppini, con letras divertidas, cachondas e ata surrealistas agromou como un sopro de aire fresco no panorama musical galego.
Este é o seu terceiro disco, atrás quedaba un xenial "¿Cuando se come aquí?" do 82, e "Siniestro Total II: El regreso" do 83, que me parece algo inferior os outros.
BARÓN ROJO: Barón al rojo vivo, 1984.
Liderado polos irmáns De Castro o mellor grupo de heavy metal hispano publica esta dobre LP en directo (como colofón os tres exitosos discos anteriores). Cancións como “Campo de concentración”, “Tierra de vándalos”, “Los rockeros van al infierno”, “Con botas sucias”, son himnos para as hordas heavys.
Son os máximos exponentes do rock latino, un grupo que explorou novos horizontes e novos sons que despois outros copiarían. Para min este é posiblemente o seu mellor traballo cunha presada de moi boas cancións entre as que destacan “Escuela de calor” e “Semilla negra”.
LA POLLA RECORDS: Revolución, 1985.
Dentro do chamado rock radical vasco La Polla Records é un dos grupos mais representativos, xunto con Hertzainak, Kortatu, Cicatriz e Eskorbuto.
Alimentándose sobre todo do punk (grupos como Sex Pistols ou The Clash) as súas letras (tanto as deste disco como as do anterior, Salve) son auténticos puñetazos nos fociños, e amosan o desencanto dunha xuventude vasca inmersa no paro, na marxinalidade e na droga. Crítica directa o estado, a igrexa, a policía, en definitiva o sistema. Todo eso con altas doses de ironía e sentido común.
ROSENDO: Loco por incordiar, 1985.
Rematada a historia de Leño, Rosendo inicia no 85 a súa carreira en solitario con este LP que contén pezas tan memorables como “Agradecido”, “Loco por incordiar”, “ Pan de higo”. Rock guitarreiro e contundente, voz rota e augardentosa, a sinxeleza por bandeira, carisma e honestidade enriba dun escenario.
Pasou o tempo e Rosendo segue a ser un referente indiscutible do rock urbano, fiel os seus principios. “Nunca he seguido las modas, el rock and roll no las necesita”, dixo nunha ocasión.
EL ÚLTIMO DE LA FILA: Enemigos de lo ajeno, 1986.
Co seu pop-rock con toques sureños e flamencos, e unhas letras cheas de lirismo e poesía onde non falta a carga e a denuncia social, este dúo (Manolo Garcia e Quimi Portet) convértese nun dos fenómenos musicais mais importantes da década.
O éxito que xa tiveran con primeiro LP “Cuando la pobreza entra por la puerta, el amor salta por la véntana”, confírmase neste e continuou imparable nos seguintes traballos.
Ben W. Sobchak, traballo cumprido, con bastante atraso todo hai que dicilo.
Non lle vou pasar o encargo a ninguén pero si queredes podedes elixir un disco, grupo ou solista nacional desa época que sexa o voso favorito.
Será interesante ver por onde van os tiros.
*Unha hora mais tarde: Cambiei de opinión, vou convidar a Silvana. Que se fastidie.