En 1969 dirixiu Grupo Salvaxe (The Wild Bunch), un dos mellores westers da historia. Algúns acusárono de violencia excesiva e gratuíta. Non tal: a peli e violenta porque reflexa unha época violenta; nun mundo de homes rudos e fortes, nun territorio aínda sen estructura de país a supervivencia só se impoñía pistola en man. Nese mundo impreciso da fronteira que Peckimpah soubo reflectir tan ben a morte e a brutalidade era algo demasiado cotián.
Grupo Salvaxe é a historia duns homes que viven a marxe da lei (porque xamais souberon vivir doutra forma) e a duns cazadores de recompensas (non mellores ca eles) que os perseguen implacablemente. O mundo cambia a pasos axigantados, o vello oeste está a piques de desaparecer e eles saben que non teñen futuro nese novo orde que se lles ven enriba.
O espectador remata por ter mais simpatía pola banda liderada por Pike Bishop (un espléndido William Holden) porque entre eles hai un código de honor, un respecto mutuo. Quizais non sexan amigos, pero son compañeiros e eso levarano ata as derradeiras consecuencias. “Seguiremos todos xuntos, como sempre fixemos. Si estás con alguén estalo ata o final. Senón es un animal, e estás acabado”, dille Pike Bishop a Téctor (Ben Jhonson).
Pola contra os perseguidores, excepción feita de Deke Thornton (Robert Ryan), son individuos sen escrúpulos, sen ningún tipo de lealdade, porcalleiros só movidos pola ambición.
Estamos arredor de 1913 co contexto de revolución mexicana de fondo. México é un fervedoiro de loitas intestinas. E aí está o xeneral Mapache, un cacique noxento, un infame individuo disposto tamén a sacar tallada do sangue do pobo.
E para ese tirano farán un último traballo, o roubo dun cargamento de armas, que lles permita retirarse cun bo botín. O golpe sae ben aínda que a cousa se complica cando Mapache fai prisioneiro primeiro e tortura despois a Angel, o membro mexicano da banda.
Bos actores, asiduos do wester: William Holden, Ernest Borgnine, Robert Ryan, Edmond O’Brien, Warren Oates, Ben Jhonson. A esto hai que engadirlle un guión axeitado, os diálogos, a mestría do director coa cámara lenta, a fotografía de Lucien Ballard, a música de Jerrry Fielding....
“ Todos soñamos con volver a ser nenos. Ata o peor de nós. Poida que o peor de nós o desexe mais ca ninguén”, dille un vello mexicano a Bishop. Eles sábeno pero saben tamén que non é doado conseguilo despois dunha vida delitiva e violenta, ateigada de excesos, balazos, whisky, putas e sangue.
Por eso ó final deciden rescatar o seu amigo das gadoupas do xeneral Mapache, como a única forma de recuperar a inocencia, e recorren firmes o treito que os pode levar a morte pero que tamén é un camiño de redención en nome de honor e sobre todo de amizade.