jueves, 29 de noviembre de 2018

Mestres da vida


O Serafín do Pita aprendéndome
a  xogar á brisca e ó tute
mentres o gando
pacía ceibe e calmoso
na lameira da Riba
e a Sara de Cacedo
que unha tardiña de xullo
a sombra da palleira
 explicoume  o tres en raia
deixándome gañar algunhas veces.

Dona Gloria e a súa teima
pola pronunciación do francés
“Monique est partie à l'école”
e o Peteira en sétimo de EXB
dando clases de educación sexual
para abraio e sorpresa nosa
abrindo as fiestras a un mundo
excitante e descoñecido.

       Do poemario "Cartografía da infancia", incluido no libro "Zocas e decibelios"

martes, 20 de noviembre de 2018

Obxectos máxicos


 Obxectos máxicos


A bicicleta
un animal mitolóxico
ó que había que domar
buscándolle as cóxegas ó vento
desafiando o perigo das baixadas
á velocidade límite
arriscando nas curvas
e mostrando as mancadelas
dos xeonllos coma un trofeo
de valor e  ousadía.

E o balón de coiro
co que gañar os partidos
de fútbol do domingo
imaxinando que levaba ás costas
o número 9
coma un tal Santillana.

           Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

lunes, 12 de noviembre de 2018

Erosións

"hai veces
en que o único territorio
que coñezo
é o desterro"

                 Do libro Erosións, de Rafa Vilar.

sábado, 10 de noviembre de 2018

Nin Google nin Whatshapp




Na enciclopedia Álvarez
cabía todo o Google
e toda a diversión
nos xogos reunidos Geiper.

E para que mandar un whatshapp
se os meus berros e asubíos
cruzaban o lameiro da Costa
saltaban por riba do  regueiro
e chegaban á Somoza
e ós Hortos sen esforzo.

     Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"