martes, 22 de diciembre de 2020

escribir sobre o frío

 


 
 

hoxe debería escribir sobre o frío

atopar o ángulo exacto onde morren

por conxelación as libélulas                       

despexar a fórmula pola que a xeada

queima os gromos dos recordos

e pon unha pista de patinaxe

nas lagas onde se lavaba a roupa

antes da aparición das lavadoras

cos seus programas de aclarado   centrifugado

antimanchas   prancha fácil   delay timer

 

debería escribir sobre o frío

ese que se nota nas salas mortuorias dos tanatorios

na mirada estrañada dos ciclopes

nos espantallos entre o millo

nos que piden ás portas dos supermercados

e que xa hai tempo que se deron por vencidos

nos traxes que se murchan nas maletas

dos emigrantes retornados

cheas de preguntas e de invernos

 

escribir sobre o frío

para espantar as bufandas a cadros

e os calcetíns de la que zurcen as nais

escribir coma un exorcismo

para derreter a arquitectura do carambelo

que non deixa alzar a voz

nos días que pasan lentos e boca abaixo

 

o frío

o espasmo das engurras

as barcas que podrecen no fondo dos encoros

o veleno da Torre de Babel

Clark Kent agardando nun quirófano

o graínzo sobre as almofadas

a memoria de perfil

desangrándose gota a gota polos costados


o frío

un meteorito estrelándose contra o corazón da terra prometida


                                             Do libro "Nas esquinas do frío", premio Avelina Valladares 2019


jueves, 15 de octubre de 2020

Presentación cancelada


 Debido ó covid 19, os organizadores cancelaron o evento. Xa virán tempos mellores.

martes, 13 de octubre de 2020

Presentación libro


 Este sábado, 17 de outubro, presento no Casino Ateneo de Monforte de Lemos o meu último libro "Nas esquinas do frío".  Por se vos apetece pasar.

viernes, 21 de agosto de 2020

O POETA E A VIOLENCIA

Se me vas zoscar zóscame, pero que sexa unha hostia en verso.

martes, 28 de julio de 2020

Conta atrás







10:
Cando o mar  nos deixe en testamento
unha manchea de homes sen raíces
entregados ós ventos furtivos
que ispen a pel das meigas
cando xa non queden peixes nin corais
cando a súa triste inmensidade
non garde os tesouros dos vellos piratas
senón bidóns radioactivos
naufragando co abalo dos ondas
na area, xa contaminada, de calquera praia.

9:
Cando o aire torne irrespirable
de tanto acariñar a cinsa
o lume alampando polos montes
o bafo tóxico das chemineas
borrando o azul do ceo
cando poña un nó de crepúsculos
na mirada das aguias
que descolgan as ás impotentes
ante tanta loucura desatada na chaira.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

8:
Cando as cidades sintan vertixe
ó mirarse nos charcos
e  se abracen unhas as outras
para manter en pé as ruínas
dos desaforados rañaceos
cando entre gretas e entullos
non quede solo para que medren
as flores dunha nova primavera.

7:
Cando os humanos  se comporten como robots
encadeados a unha forza superior
que  se lles escapa das mans
falen unha linguaxe incomprensible
e xa non se atopen heroes
que defendan os refuxios
fronte a turbas sen destino.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

6:
Cando a natureza agonice
atrapada polas redes do diñeiro
os soños se escagallen coma pedras
na fronteira do desterro
e os cans fuxan desorientados
por carreiros que levan a ningures.

5:
Cando a lembranza sexa pavor
a soidade non teña apelidos
as promesas se afoguen en desertos
un amencer poida ser o derradeiro amencer
sen máis testemuñas que un sol bañado en sangue.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

4:
Cando a morte veña fachendosa
a encher os espazos baleiros
e unha paisaxe de sepulturas
faga palidecer á lúa chea.

3:
Cando o ruído do silencio non se ature
cando os ollos se pechen para sempre
orfos e asolagados de bágoas.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

2:
Cando o futuro semelle un manto negro
envolto nunha conta atrás sen epílogo.

1:
Cando ti, eu, todos, non sexamos máis que espectros.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

Berrará con voz de cántaro.

                      Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios".

sábado, 25 de julio de 2020

sábado, 20 de junio de 2020

Dereito ó silencio




Non teño máis palabras que ofrecer
non vos  estrañe, pois
que non mida os pasos
nin ensine o que agocho nos bolsos.

Tampouco vos sorprendades
se baixo a vista
se arelo as sombras
se disimulo as mancaduras
se me esquezo de cousas que nunca coñecín
se busco o teléfono dos perdedores
nas páxinas marelas  do purgatorio
e se me refuxio acotío no meu tobo unipersoal.

Simplemente é que camiño
deste modo pola vida
e ante as portas que se pechan
e as gallas que me estorban
non esperedes berros nin reproches.

Desde o berce do solitario
reclamo o meu dereito ó silencio.

                                    Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

jueves, 14 de mayo de 2020

Outra vez a ausencia



Quizais sexa este vento quen me arrastra
ó fondo  dun absurdo precipicio
e non saber que fago aquí
porqué sigo pisando sen rumbo
que memoria me mantén suxeito
a esta raiola, esta batalla
este labirinto de beirarrúas.

Pouco importa co desexo
teña nomes e apelidos
que berre e contesten ó lonxe
que esta loita atafegada de incerteza
vaia máis alá do tráfico
e dos decibelios deste caótico Vigo
da deprimente oficina
ou das tardes inútiles.

Ó final todo o que queda
son imaxes atrapadas
no flash da derrota
rostros que nada saben da tenrura
un pasado do que volto
coas alforxas baleiras
e un sabor de pirámide que fuxe
para sempre dos meus beizos.

                           Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"
                                                                    * A foto saqueina do blog "Godivaciones".

domingo, 19 de abril de 2020

Plan de evasión



Agora
cando xa non quedan cómplices na barricada
nin un ás na manga agochado
cando os paraísos están extinguíndose
nesta terra  dominada pola avaricia
neste caos de máscaras e sumidoiros
de chemineas, velenos
buguinas entolecidas
cordilleiras de cemento
ascensores da frustración
agora, digo
vestireime de escuro
e sen billete de volta
sairei a esgazar o solsticio de inverno
buscarei devagar
as estradas máis estreitas
as aldeas máis illadas
e nalgún lugar arredado
onde ninguén me coñeza
onde para todos sexa un estraño
unha sombra, apenas iso
un murmurio, apenas nada
quizais poda atopar un recanto
no que por un intre
sexa  un pouco feliz.
                               Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios"

domingo, 12 de abril de 2020

Izan o da saca



Recomendación literaria de hoxe: “Izan o da saca”, de Xavier Quiroga. Se ledes o título ó revés é “A casa do nazi”, o que xa nos indica por onde van os tiros.
Xavier Quiroga, nado en Escairón, é o meu modo de ver unha das plumas máis importantes e representativas da narrativa galega actual.
Neste libro, no que se mestura realidade e ficción, o autor achégase ó noso pasado recente, á época da guerra civil e os anos posteriores, e a un feito histórico pouco coñecido como é a presenza dos nazis en Galicia.
Pasado e presente danse a man cun ritmo trepidante, un bo pulso narrativo e unha trama na que pouco a pouco van encaixando tódalas pezas.
Outras obras súas son: “Atuado na braña”, “O cabo do mundo”, “Zapatillas rotas”, “Se buscabas un deus”.

sábado, 4 de abril de 2020

Luis Eduardo Aute


Foise Luis Eduardo Aute: un dos mellores cantautores do país; unha persoa que nunca cambiou de chaqueta; un referente ético e moral.

"Que terriblemente absurdo
es estar vivo
sin el alma de tu cuerpo,
sin tu latido".

https://www.youtube.com/watch?v=btoYpsohJR0

miércoles, 1 de abril de 2020

Ausencia




Demasiado tempo na corda frouxa
facendo equilibrios entre a  escuridade.

Sarabia con forza e as bombas
estalan sempre máis cerca
coitelos afiados no medio das ruínas
o xabre esmagando as flores
que con agarimo vimos medrar.

A esperanza é un curto
intervalo de tempo.

O xardín, a cama compartida
aquela luz
están nese lugar
onde xa nada ten sentido
e que por iso descoñecemos.

Non direi en voz alta o teu nome
nin o que sinto agora
ficarei só e calado
asomado á bufarda da tristura
á beira destes días de estrañeza
á beira dun leito baleiro e insomne
e un faiado onde se agochan medos antigos
peneirando un curso de amor a distancia
que nunca fun quen de superar.

                            Do poemario "A pell no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios"

lunes, 16 de marzo de 2020

Terra de ningures



Ás veces cando tento erguerme
sobre a propia canseira
premo na area roxa do deserto
e presinto e sinto e sei
que estou en terra de ningures
onde nin sequera ser estranxeiro ten sentido.

E busco bares anónimos
coma quen busca unha froita prohibida
rescato do bolso unha foto
e mentres a miro de esguello
cavilo porque é aquí
e non na praia de Copacabana
ou nun tranvía de Lisboa
onde sigo murchando as miñas horas.

Algún día ireime coma todos
buscando outros corpos, outros ceos.
Villaviciosa será só un nome no recordo.

Lembrarei tamén o sorriso
de aquela moza de vaqueiros  axustados
un bico ardendo na escuridade
o sabor amargo do Bitter Kas con Larios
e música de fondo de Joaquín Sabina
e unha curva tomada a cento dez
e a catro ou cinco amigos.
                          Do poemario "A pel no asfalto, incluído no libro "Zocas e decibelios"

domingo, 1 de marzo de 2020

Tempo de loita


Roubáronnos o abrente
non lles bastaba
co naufraxio dunhas veas
os berros que estalan
baixo os uniformes
as sebes de arames
onde nos arrecantaron
descalzos, case espidos
trémolos entre xestos acusadores
e sen máis reino
que os propios nomes
e a nosa pel aterecida
non, non lles bastaba.

Tiveron que quitarnos a suor
as vereas, os pés do chan
o trío de ases, a dozura
as ilusións inxenuas dos  poucos anos
cando todo era tan lúdico
e tan honesto
tanta esperanza escabezada.

Tiveron que negarnos
o lume, o pan e o sal
tiveron que borrar a historia
onde aprendemos a resistir.

Agora só nos queda o recordo
a rabia, a sede de orgullo
para renacer outra vez do po
atopar as nosas pegadas
e outra vez loitar
contra o vento xélido
das mesmas ameazas.

Xuntos teremos que  levantarnos de novo
xuntos teremos que seguir na loita.

                 Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

viernes, 14 de febrero de 2020

Presentación de "Nas esquinas do frío""


O 21 de febreiro, ás 20 horas, presento no Salón de Actos da Casa de Cultura de Sober o poemario "Nas esquinas do frío". Se vos apetece vémonos aí. Estades tod@s convidad@s.

domingo, 9 de febrero de 2020

Libros de poesía



Velaquí os 4 libros de poesía que máis me gustaron dos que lin nos últimos anos: "Cultivos transxénicos", de Carlos Negro; "MazinGZ", de Calros Solla; "Cráter", de Olga Novo; "Prender os fachos, compoñer os ósos", de Carlos da Aira.
E a ti, que libro de poesía che gustou máis??



lunes, 3 de febrero de 2020

Recensión de "Nas esquinas do frío"

Comparto a recensión que Xosé Lois García fixo sobre o meu poemario "Nas esquinas do frío", e que podedes ler no periódico EnComún, nº 321, 2ª quincena de xaneiro 2020. Por suposto moi agradecido, Xosé Lois.

lunes, 20 de enero de 2020

Caderno de bitácora



Soñas co mar
como cunha profecía de antigos tempos
sóñalo mentres imaxinas
que viaxas a terras lendarias
e  praias de miúda area.

Tamén ti navegante
deixas atrás Ítaca.

Todos queremos chegar
á Illa do Tesouro
e ser Jim Hawkins
neno entre piratas rudos
heroe de barco e  aventura.

Buscamos a liberdade en alta mar
e o vento salgado na cara
ser temoneiro do destino
todo o horizonte por diante
e navegar e navegar.

E que o mar bravo non fenda
o cristal dos barómetros
que a proa enfile sempre
a rota escrita nas estrelas
a bandeira ondeando no mastro
ron para a viaxe
e as noites ateigadas de luar.

E chegar así
e espertar así
un amencer calquera
na praia soñada
á carón do tesouro
nunha Arcadia feliz
no medio do océano
ó abeiro das tempestades
e o vento frío do norte
e esquecer por uns intres
que fóra está o perigo 
a resaca, os atascos
as alertas vermellas
moteis, adrenalina,  desacougo
e quilómetros e quilómetros de autoestrada.

                                  Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"