sábado, 20 de junio de 2020

Dereito ó silencio




Non teño máis palabras que ofrecer
non vos  estrañe, pois
que non mida os pasos
nin ensine o que agocho nos bolsos.

Tampouco vos sorprendades
se baixo a vista
se arelo as sombras
se disimulo as mancaduras
se me esquezo de cousas que nunca coñecín
se busco o teléfono dos perdedores
nas páxinas marelas  do purgatorio
e se me refuxio acotío no meu tobo unipersoal.

Simplemente é que camiño
deste modo pola vida
e ante as portas que se pechan
e as gallas que me estorban
non esperedes berros nin reproches.

Desde o berce do solitario
reclamo o meu dereito ó silencio.

                                    Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

1 comentario:

Alís dijo...


Os dereitos non deberían ter que ser reclamados. Son, e como tal xa teñen valor. En todo caso, poderíamos esixir que sexan respetados.

Dito isto, se cadra o solitario non sabe que tamén ten dereito a deixarse acompañar. As veces non esiximos dereitos que temos, só porque non os coñecemos, e non porque non os precisemos.

O poema, melancólico, incluso doente, diría, e á vez moi fermoso

Bicos