Este domingo pasado estiven por Becerreá
na entrega de premios do XXIII Certame Literario A Pipa 2014 da Alta Montaña
Luguesa, que convoca o colectivo becerrense “A Pipa”. Entregáronse premios (o
feito de que coincidise co día dos inocentes é unha mera casualidade) na
modalidade de prosa, poesía e dramaturxia breve.
Eu tiven a sorte de acadar o primeiro
premio de poesía co texto “Corazón de lóstrego” e compartín xuntanza, lecer e
desfrute co resto dos premiados: César No Cortiñas, José Ramón Sánchez Varela,
Jesús Alfonso Parada Jato, Avelina Pérez, Santiago Cortegoso Calvar, Ernesto Suárez e
Julio Fernández Peláez.
Unha boa forma de ir rematando o ano.
Corazón de lóstrego
Alguén viaxou no tempo
buscando unha espada.
Alguén soubo poñerlle voz
á dor e ás pedras,
á penumbra e ás máscaras.
Alguén vindo de moi lonxe
inventou a caligrafía torpe dos nenos,
as carambolas a catro bandas,
as apertas que non se esquecen.
Descubriu a cara oculta da lúa,
o mapa para chegar a Shambala
e rescatou unha tarde de decembro,
unha bala sen xustificación,
e unha fotografía de John Lennon.
Alguén vindo de moi dentro
fíxose corazón de lóstrego
neses días calmos
nos que o vento eternízase
e convértese en pomba
e en caricia sincera.
Nas súas mans de choiva
estaban os refuxios, a dignidade,
as maletas do futuro,
os ronseis das gamelas
coma un vendaval de urxencias
sobre as augas.
A súa palabra tróuxonos
alboradas máis limpas,
a mirada como escuma,
o sangue gabeando cara os dedos,
os dedos abrindo xanelas
no colo da paisaxe,
abrindo fronteiras
e dándonos a posibilidade
de ser nós mesmos.
Alguén vindo de moi dentro
díxonos o seu nome
e non soubemos conservalo.
E na dor e nas pedras
e na penumbra e nas máscaras
apagáronse os ecos
e todo quedou en silencio.
Agora a luz do cristal
borrouse.
Agora todo parece tan
só un soño.