jueves, 31 de octubre de 2019

Escribir para a cinsa



Hai días en que custa abrir as pálpebras
para camiñar de novo
sei que teño que loitar
pero fico deitado na alfombra
escoitando ó vello Dylan
e mascando chicle
mentres  alguén chora ou morre
e a desidia escorrega
polo regato da indiferenza.

Porque hai días
que esconden tesoiras entre o orballo
caixeiros fóra de servizo
corazóns fechados como petos
cavorcos que non teñen saída
latexos ou imaxes que son como ameazas
porque hai días
perigosamente cargados de fastío
porque hai un tempo
no que agroma pesaroso o desánimo
hoxe esta presada de terra feita home
escribirá para a cinsa, esa cinsa
na que medrarán novos folgos
na brincadeira luz doutras mañás.

                   Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios"


miércoles, 23 de octubre de 2019

Pesadelo asfáltico



Non berredes máis, irmáns, non berredes
que o asfalto zugaravos ata os miolos
a cada golpe seredes máis pequenos.

Monicreques dun castelo de naipes
autómatas en cidades sen alma
deixaredes anacos de  vida
en cada recuncho
da pel das baldosas
beberedes fume e po
para cuspilo despois
trousando tristura  pola boca.

As eirugas de metal esmagarán os corpos
coas poutas enchidas de veleno
as lesmas de metal chucharanvos
ata a derradeira gota de vida.

Non busquedes aliados, non os hai
non, non hai piedade
entre o cemento e o bruído
non hai lugar para a súplica e a esperanza.

Os brazos ensanguentados emerxerán
enarborando bandeiras rotas
entre treboadas de morte e destrución
manarán os ollos regueiros de bágoas
que xa nada valen
buscando entre saloucos a luz infinda.

Xa non haberá tempo
non haberá tempo para esconderse
non haberá tempo para fuxir
non haberá tempo para volver atrás.

O último paso xa foi dado
e con el a caída inevitable
e non berredes, irmáns, non berredes
que non hai piedade entre o asfalto.

                                         Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

martes, 15 de octubre de 2019

Caer amodo


Buscar a liberdade no asfalto
é precipitarse a un abismo sen paracaídas
esnafrarse de impotencia e coas mans
se aínda quedan desfacer  laxes
guindastres e moreas de tixolos.

Nos ollos enchoupados de preguntas
derrétense as  conexións.

Agardamos un movemento
un saúdo visceral
unha atracción
pero as verbas esvaran lamacentas
foxen a cegas
e os pasos
resoan cada vez máis lonxe.

Confiamos que o día traerá a claridade
dará forza nova ós vestidos e ás campás
decisión nas encrucilladas
e outra vez as rúas serán manancial
e os muros un mar verde.

Ata que algo fai tremer o pulso
un calafrío percorre os ombreiros
axítanos, patexa, fálanos á orella
rípanos da utopía feliz
que argallamos por uns intres
e os ollos ábrense máis e máis
e comprendemos.

Daquela só esperamos
ir caendo máis amodo
o sorriso que disfraza a desgana
unha áncora, un corpo espido
o baúl dos recordos
unha sombra, un empurrón
un solpor morno
silencio
esquecemento
unha tumba.

                             Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"