Hai días en que custa abrir as pálpebras
para camiñar de novo
sei que teño que loitar
pero fico deitado na alfombra
escoitando ó vello Dylan
e mascando chicle
mentres
alguén chora ou morre
e a desidia escorrega
polo regato da indiferenza.
Porque hai días
que esconden tesoiras entre o orballo
caixeiros fóra de servizo
corazóns fechados como petos
cavorcos que non teñen saída
latexos ou imaxes que son como ameazas
porque hai días
perigosamente cargados de fastío
porque hai un tempo
no que agroma pesaroso o desánimo
hoxe esta presada de terra feita home
escribirá para a cinsa, esa cinsa
na que medrarán novos folgos
na brincadeira luz doutras mañás.
Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios"
1 comentario:
Algunha brasa haberá entre a cinsa para que prendan eses folgos.
Non sabería describir mellor eses días. E sinto que levo varios así. Cómo me gustou o poema!
Menos mal que tamén hai días dos outros...
Bicos
Publicar un comentario