miércoles, 6 de noviembre de 2019

Equipaxe final





Recuperar 
as palabras gastadas
deste alfabeto 
de incerteza
as feridas 
abertas polas ondas
dun chapapote  sen compaixón
os xestos vagos e torpes
de tantos encontros perdidos
o tremor de dúas pupilas
mirando dende a fondura
dun cristal emocionado
a nudez dunhas caricias
o milagre dunha canción
abrazando os farois
unha bágoa alimentada de estigmas
de bicos e de lúas
uns peitos  abríndose á luz
unha pel
tantas lembranzas.

Xemer un instante na arxila
que modela os nosos rostros
sentir a marea dun cabalo salvaxe
galopando os máis íntimos recordos
romper o vello sortilexio
do que nunca fun e ser agora
gota, lume, crepúsculo
folla, ponte, latexo
e durmirme paseniño
como intentando esperar.

3 comentarios:

mariola dijo...

Un xa é "gota, lume, crepúsculo, folla, ponte, latexo"
e ás veces non nos damos conta...tantas.

Quédome con "

Recuperar
as palabras gastadas

deste alfabeto
de incerteza"


Precioso todo o poema, pola emoción contida nel, polo ben fiado que vai .
Un saúdo.

Alís dijo...


Fun armando a miña equipaxe cos teus versos, facéndolle sitio tamén ás emocións que ías despertando, ata sentirme lista para a viaxe final (pero sin presa).

Qué bo sería que poidéramos emprende-la viaxe coa maleta lista, recollendo iso que queremos levar con nos e deixando atrás o que non precisamos.

O poema ten tanta fermosura que suaviza ese dramatismo da palabra "final".

Bicos

Raposo dijo...

Mariola, Alis: grazas polas verbas, sempre tan agarimosas.