miércoles, 31 de diciembre de 2014

CERTAME LITERARIO "A PIPA 2014"


Este domingo pasado estiven por Becerreá na entrega de premios do XXIII Certame Literario A Pipa 2014 da Alta Montaña Luguesa, que convoca o colectivo becerrense “A Pipa”. Entregáronse premios (o feito de que coincidise co día dos inocentes é unha mera casualidade) na modalidade de prosa, poesía e dramaturxia breve.
Eu tiven a sorte de acadar o primeiro premio de poesía co texto “Corazón de lóstrego” e compartín xuntanza, lecer e desfrute co resto dos premiados: César No Cortiñas, José Ramón Sánchez Varela, Jesús Alfonso Parada Jato, Avelina Pérez,  Santiago Cortegoso Calvar, Ernesto Suárez e Julio Fernández Peláez.

Unha boa forma de ir rematando o ano.

Corazón de lóstrego

Alguén viaxou no tempo
buscando unha espada.
Alguén soubo poñerlle voz
á dor e ás pedras,
á penumbra e ás máscaras.
Alguén vindo de moi lonxe
inventou a caligrafía torpe dos nenos,
as carambolas a catro bandas,
as apertas que non se esquecen.
Descubriu a cara oculta da lúa,
o mapa para chegar a Shambala
e rescatou unha tarde de decembro,
unha bala sen xustificación,
e unha fotografía de John Lennon.
Alguén vindo de moi dentro
fíxose corazón de lóstrego
neses días calmos
nos que o vento eternízase
e convértese en pomba
e en caricia sincera.
        Nas súas mans de choiva
estaban os refuxios, a dignidade,
as maletas do futuro,
os ronseis das gamelas
coma un vendaval de urxencias
sobre as augas.
A súa palabra tróuxonos
alboradas máis limpas,
a mirada como escuma,
o sangue gabeando cara os dedos,
os dedos abrindo xanelas
no colo da paisaxe,
abrindo fronteiras
e dándonos a posibilidade
de ser nós mesmos. 
Alguén vindo de moi dentro
díxonos o seu nome
e non soubemos conservalo.
E na dor e nas pedras
e na penumbra e nas máscaras
apagáronse os ecos
e todo quedou en silencio.
Agora a luz do cristal  borrouse.
Agora todo parece tan só un soño.

viernes, 26 de diciembre de 2014

CRUCE DE CAMIÑOS


Este encontro na taberna das almas perdidas.
Esta cidade con vistas ó teu escote.
Estes murmurios que derrotan a brétema.
Este temporal de baixas paixóns que fai subir os termómetros.
Esta sede de folgar no niño agarimoso das túas pernas.
Este alustro fendendo as tebras cotiás.
Esta amizade con dereito a prórroga.
Esta aperta que non se vende nos mercados.
Este tórax espido, este sorriso, este despois.
                                                                     Do libro "Territorios estraños"

miércoles, 17 de diciembre de 2014

EDU VOLVE CHAMAR

O pai cavila na hipoteca,
na paga extra do Nadal 
e no partido de fútbol do domingo.
A nai devece por un vestido
que viu no Corte Inglés e rosma
que habería que mercar unha lavadora nova
e darlle outra man de pintura ó salón.
O fillo, Edu, esqueceu facer os deberes
que lle puxeron os mestres
e segue coa súa teima
de chamar a todo quisqui
para desexarlles “Feliz Nadal”.
Prevendo  a desmesurada conta do teléfono móbil
o reloxo de cuco da parede
está a piques de esnaquizarse  en mil anacos
contra a soleira da porta indiferente da  eternidade.

                                              Do libro "Territorios estraños"

miércoles, 10 de diciembre de 2014

OS QUE ESTAMOS MALDITOS

Este é o poema que foi premiado no VII Certame Literario "Rosa de Cen Follas"


os que estamos malditos

os que estamos malditos
percorremos as rúas
coas roupas dun mércores calquera,
unha canción de bruce springsteen nos beizos
e un desexo de esnaquizar escaparates
porque a liberdade verdadeira
foise esgotando ó longo dos séculos
e o amor é unha páxina en branco
esquecida nos diarios.

os que estamos malditos
camiñamos polo gume da navalla
levando nos pés as úlceras
doentes dos marxinados,
embebidos de música e de luz,
asoballados por pantasmas de fría morte
que nos arredan de nós mesmos
cando a única voz que nos chega
é a dun contestador automático.

os que estamos malditos
loitamos contra a soidade, o afogo
e a tensión dunha sociedade
que nos puxo ás costas
unha inquedanza de horóscopos,
unha orde de busca e captura
por ter sido tan sinceros
e tan rebeldes e rexeitar
as trécolas que nos impoñen cada día.

os que estamos malditos
sentimos a anguria do futuro
baixo a ameaza dun nó corredizo
e ninguén preguntará pola xiringa
que pon lume na veas,
o tanque que esmaga as vísceras,
eses silencios longos
ou a desesperanza que abeira
como un xinete máis do apocalipses.

os que estamos malditos
buscamos o alcohol que nos tatúe a fronte,
as palabras que vencen ós uniformes,
a noite e as princesas urbanas
e sen embargo seguimos mordendo o po
como cans de palleiro, vexados
e consumidos, e cunha equipaxe
de estragadas nostalxias nos bolsos
sen fondo da nosa alma.

os que estamos malditos
percorremos as rúas
e sempre atoparemos un último refuxio
para as nosas pisadas,
unha última lenda que nos dea pasaporte,
un último golpe de loucura
que nos leve máis alá,
e saber que seguimos vivos
e saber que aínda non morremos de todo.

jueves, 4 de diciembre de 2014

VII Certame Literario "Rosa de Cen Follas"


Antonte estiven no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en Santiago, recollendo, xunto con Raquel Couto, Jonatan Da Silva e Tito Pérez, o VII Premio Literario (narrativa e poesía) "Rosa de Cen Follas". Todo un pracer,  unha xuntanza moi amena e entretida. E ademais despois houbo pinchos, que conste.
Máis datos e fotos no enlace.