Mostrando entradas con la etiqueta Memes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Memes. Mostrar todas las entradas

miércoles, 21 de septiembre de 2011

SUNSHINE AWARD

Despois de pensalo uns días, consultalo coa almofada e ser asesorado polos meus avogados, decido (por fin) aceptar o reto do premio/meme que me manda Zeltia (grazas por lembrarte de min), que tampouco é cuestión de facerlle un feo a unha boa amiga blogueira.
Así pois que siga rulando o Sunshine award (¿quen inventará estas cousas?) e para eso as normas din que teño que encasquetarllo a outros 12 blogs.
¿E a cales? Pois nada, por rigoroso orde alfabético dos nomes dos blogs que teño enlazados empezando, eso si, pola Z. Porque de cando en vez os últimos tamén teñen dereito a ser os primeiros.
E os galardoados son, tachín, tachán:

Xeografía con esquinas
Xenebra
Valdeorosa
Vakastolas
Un lugar llamado Veleigaz
Trasalba ,
Tarde, siempre tarde ,
Suso Lista, percebeiro do Roncudo ,
Si, home si
Selva de Esmelle ,
Reveladora ,
Reincidente.

lunes, 13 de septiembre de 2010

UNHA DE MEMES

Por xentileza de Xenevra véxome involucrado unha vez mais nesta trasnada dos memes. Non gusto moito deles pero, como ben di ela, non leva moito tempo facelo e tampouco é cuestión de rexeitarlle o convite. Así que...
Canto tempo levas como blogueiro?
Creo lembrar que desde novembro do 2006, xa choveu, aínda que non son moi prolífico e tomo o meu tempo entre post e post.
Como coñeciches a existencia dos blogues?
Exactamente non o sei, supoño que cando un está de baixa e ten todo o día libre acaba descubrindo que hai xente para todo, mesmo para estas caralladas.
Cinco blogues que sigas diariamente ou con moita frecuencia?
Diariamente non, pero todos os que teño enlazados como “cómplices habituais” sígoos habitualmente.
Es lector anónimo dalgún blogue?
Aínda que moitas veces non comento, si entro habitualmente nalgún blogue sempre remato por presentarme.
Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Hai moitos, pero vou citar 3 que están moi preguiceiros ultimamente (a ver si se animan): Suso Lista, Doutora Seymour e Vermella.
Con que cinco blogueiros irías de esmorga?
Seguramente coa maioría deles, pero para tomar uns cantos cubatas penso que Chousa, Carlos Sousa e Brabido son uns bos pés.
Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Esta pregunta non é pertinente, despois lee esto a Raposiña e qué.

Namorácheste algunha vez dalgún bloguer?
Non, pero fixestes ben preguntar porque podía habelo feito.
Estás satisfeito co teu blogue?
O día que non o estea bótolle o pecho a cova.
Espallar este meme entre 3 e 5 blogues.
E agora a quen meto eu nestas lerias??!! Serán 3 para molestar o menos posible e espero que non estean xa nomeados. A ver, a ver, pito, pito, gorgorito: Bolboreteira, Maribel-bel e Manuel L. Rodrigues. Noraboa a tódolos premiados, he, he!!! Pois eso, si ledes esto e vos apetece seguir o meme vale, e si non tamén.

miércoles, 4 de marzo de 2009

SORTEO DO MEME LARPEIRO




20:35 H.
Teño que pedirvos desculpas polo atraso, pero estes días o raposo estivo bastante atarefado, perseguindo galiñas, esquivando cazadores e remoendo os resultados electorais.
Estes que seguen son os participantes no sorteo con cadanseu número:







1= LM
2= CHOUSA
3= BARREIRA
4= CARLOS SOUSA
5= ARTABRIA
6= SARAMPELO
7= PACO PENAS
8= VERMELLA
9= FRAVERNERO
10= MANUEL L. RODRIGUES
11= ZELTIA
12= VINTXUCA
13= PAIDELEO
14= MER
15= VAKASTOLAS
16= SENDA
17= MONCHO PAIS
18= RUI
19= ROXIÑA
20=ALEXANDRA
21=VANESSA DE SANTISO
22= NINSESABE
23= SEMPRE EN GALICIA-RADIO CORNELLÁ.



Tiña pensado facer o sorteo perante notario pero, amiguiños, a crises chega para todos; tiña pensado traer como testemuña o Rajoy (por aquelo de “viva el vino”, xa sabedes) pero o home anda moi ocupado celebrando o éxito nas eleccións galegas e nas eleccións vascas (nestas o PP perdeu 70.000 votos, non sei que carallo celebra). Así que vouno facer en plan mais humilde, coa colaboración da Bonoloto.
O ganador será o primeiro número que saia no sorteo da Bonoloto de hoxe 4 de marzo de 2009, sempre e cando ese número non sexa superior a 23, que é o número de participantes. Caso de ser superior non sería válido e pasaríase o número seguinte e así sucesivamente ata que se cumpra esa premisa.
¿Queda claro, non?
O sorteo como sabedes é augardente de herbas e viño de Amandi: augardente artesanal, da casa (meu pai foi augardenteiro) e viño Priscillus da Adega Lobeiras (pulsa na foto para velo mellor, si queres).
Lobeiras é unha zona da ribeira de Barantes (no cerne mesmo do canón do Sil) pola que eu teño unha especial querencia por razóns que non veñen o caso agora relatar aquí. Baste dicir que nos seus socalcos o sol, a terra e as cepas confabúlanse para ofrecernos un viño saboroso que ten moito de traballo e de arte. Un viño que hai que regalar porque o máxico non ten prezo.
Ben, pois a ver que nos depara o sorteo.
..
22:05 H.
Veño de ver o sorteo pola TV2. O primeiro número que saíu foi o 8, número válido por tanto.
¿E a quen lle corresponde? Pois a VERMELLA.
Vaia, vaia, noraboa! Xa me poñerei en contacto contigo para concretar o tema do envío.
E a tódolos demais participantes/comentaristas agradecervos a vosa colaboración neste trasteo que empezou LM como quen non quere a cousa e acabou dando moito xogo e traspasando fronteiras.
Grazas a todos-as.

viernes, 13 de febrero de 2009

MEME DAS LAMBETADAS GALEGAS


¿Quen carallo inventará os memes?
A idea deste (ó que lle chaman meme-traste) parece que saíu de LM (aí podedes atopar as bases completas) e espallouse rapidamente como si un vento nordés o empuxara. Trátase, mais ou menos, de escoller un producto típico da zona de cada un e sortealo entre todos os que deixen un comentario na entrada. A fecha tope é, sen que saiba porqué, o vinteoito de febreiro.


Primeiro foi o amigo Barreira o que me convidou a facelo: eu non o tiña nada claro. Chousa, que é un armadanzas de moito coidado, lembroumo un par de veces, LM tamén: eu seguía resistíndome. Pero apareceu Zeltia e ante o encanto coruñés as miñas defensas empezaron a fraquear.
Así que aquí me tedes cumprindo coas miñas obrigas.


Por si sentides curiosidade e lles queredes botar unha ollada esta é unha lista dos blogs que xa fixeron o meme: Chousa, que nos ofrece pan de Antas e queixo de Ulloa; Mencía, botelo e ucheira de roxóns e noces; LM, queique de Ordes; Zeltia, viño de Ulla; Leo, viño de Arbo; Cuspedepita, butelo e doce de leite; Carlos Sousa, rosquillas e licor café; Vermella e Suso Lista, percebes do Roncudo; Senda, lote de volandeiras; Artabria, tortilla de Betanzos; Barreira, carne o caldeiro; Ao pé do farelo, queixo de naviza; Morrocantando, albariño e mexillóns, Trasalba, orellas da Serra de Outes, Dorvisou, degustación de productos galegos e albariño, Manuel L. Rodrigues, empanada de berberechos da Ría de Noia, Santo 2000, filloas da avoa.
Seguramente hai mais, irei actualizándoa conforme me entere. Porque si fora para traballar na horta non se apuntaba ninguén pero para estas cousas andades finos de carallo.


Ben, ¿e que vou sortear eu? Pois como son de Sober, VIÑO DE AMANDI. Dúas botellas de mencía e, para completar o estoxo de tres botellas, unha de augardente de herbas porque despois da comida presta tomar un chupito.
Así que xa sabedes, sortearei este agasallo entre tódolos comentarios que me deixedes nesta entrada ata o 28 de febreiro. A cada comentario ireille dando un número por rigoroso orde da aparición. Por suposto, non admito comentarios anónimos nin de membros do Opus Dei.
O sorteo fareino perante dun notario e con testemuñas de distinguida reputación alcohólica.
Ó ganador ou ganadora mandareille as botellas o seu domicilio por unha entidade de recoñecido prestixio internacional: Correos. Ou aparezo eu persoalmente con elas mais ou menos a hora de xantar, xa veremos.


Outras das bases deste meme é que hai pasarlle o encargo a 3 blogs amigos para que sigan coa historia esta. Cousa díficil porque case todos están xa nominados. Creo que estes tres aínda non: Dorvisou, Isto non é un cabaré e Trasalba. Así que aí lles vai e a ver que lles parece.

jueves, 16 de octubre de 2008

SI EU FOSE RICO, MOI RICO


O amigo Carlos Sousa convídame a facer o meme do millonario excéntrico. Trátase de sinalar que cinco excentricidades (¿so cinco?) faría si tivese moreas e moreas de millóns de euros. Ben, alá vamos.
1- Construiría un globo aerostático para viaxar. Esta teima téñoa dende que lía os tebeos do Capitán Trueno. Este con axuda dun vello sabio fixo un e viaxou nel por todo o mundo na compaña de Goliath e Crispín. Case sempre tiñan problemas coa aterraxe pero eles ían tirando.
2- Recorrería de punta a punta a Gran Muralla China, e xa que teño o globo faríao dende o aire que é mais doado que recorrela a pé e un ten unha mellor perspectiva.
3- Na década dos 90 axudei a fundar un equipo de fútbol afeccionado, o
Deportivo Río Sil, que mal que ben aí segue na rexional lucense. Non o mercaría porque o equipo é de todos os que traballaron e traballan arreo para sacalo adiante, pero investiría nel os suficientes millóns para que tivese unhas instalacións caralludas e a plantilla deportiva suficiente para ir ascendendo de categoría ano tras ano ata xogar a liga de campións (os finolis chámanlle champions league, ou algo así).
4- Faría unha viaxe o espacio. Sei que me ía marear pero ten que ser a hostia ver a terra dende alá arriba.
5- Antes de que deixe de ser o inquilino de Casa Branca invitaría a Bush a unha festa para pegarlle unha patada (ou varias) nos collóns. Serían dadas cunha bota campeira con reforzo de aceiro na punta.
Sen dúbida esta última excentricidade sería coa que mais me divertiría. E como a ninguén lle amarga ser rico pásolle o encargo de seguir co xogo, por si lles presta, a
Busto.Agolada, Ekis 1331, Ninsesabe e Rifo. E a calquera outro que se sinta aludido. Total, hai cartos para todos.

viernes, 26 de septiembre de 2008

O ÚLTIMO DÍA

Convídame o mantedor de Trasalba a responder a un meme sobre certas cousas que un faría si o mundo se acabase mañá, posibilidade que non hai que desbotar tendo en conta a belixerancia armamentística de algúns dirixentes políticos, o acelerador ese de partículas que seica vai crear un buraco negro, as mensaxes apocalípticas dalgunhas sectas e bla, bla, bla.
Dende logo si se dera o caso eu pasaría todo o día facendo trasnadas: romper a cantazos o alumeado público, amosarlles a pirola as monxiñas, pedir préstamos bancarios para unha viaxe o mais alá, botar moreas de po de pica-pica no Corte Inglés, todo esto sen excluír o insulto verbal, a violencia física ou mesmo o uso indiscriminado de armas de fogo.
Pero cingámonos as preguntas en cuestión:
¿Que canción che gustaría escoitar?
Seguramente Los Pajaritos de María Jesús y su Inefable Acordeón: é tan repelente que habería que oíla por derradeira vez.
Na banda sonora da miña vida sempre hai un sitio para Rosendo, Springsteen, Sabina, Barricada, Bob Dylan .... Pero postos a escoller un quedaríame con Javier Krahe que me parece mais axeitado para a ocasión.
¿A que libro lle botarías un ollo?
Para ler escollería por razóns obvias algún relato breve, de Manuel Rivas ou de Borges por exemplo; algún artigo de Jose Luís Alvite tampouco estaría mal.
¿Con quen che gustaría falar?
Hai algunhas personas das que me gustaría despedirme especialmente. Non direi nomes, eles/elas xa o saben.
¿Que che gustaría comer?
Polbo á feira a esgalla ou un bo churrasco, ou as dúas cousas (un día é un día), abundantemente regado cun saboroso mencía de Amandi (¿a quen carallo lle importa xa si se supera a taxa de alcoholemia?).
¿Que farías e que che queda pendente por facer?
Fora do dito anteriormente non creo que me dera tempo a mais, así que vamos a deixalo así.
Pendentes quedan unha morea de cousas, quizais demasiadas : unha viaxe o Machu-Pichu, por exemplo; unha mágoa, porque seguramente ese último día as axencias de viaxes tiñan boas ofertas.
Para que non se rache a cadea teño que escoller a blogueiros/as que sigan o xogo. O azar, sempre inescrutable, quixo que foran por rigoroso orde alfabético: Carlos Sousa, Hadex, Mer, Pablo, e Zeltia.
Así que si len esto e aínda non fixeron o meme e queren e lles apetece e tumba que dálle e tal que sei eu, xa saben.

viernes, 20 de junio de 2008

MEME: PASSION QUILT


Fun nomeado por Ninsesabe para facer un meme que se chama Passión Quilt e que non sei moi ben de que vai. Parece ser que hai que postear unha imaxe que nos importe ou apaixone especialmente e explicar porqué. Unha das normas do meme e convidar a outras personas para que sigan a cadea. Non farei tal pero si alguén quere coller o testigo que libremente o faga.
Puxen a palabra Quilt no traductor e saíume edredón e aínda entendín menos. Confeso que estiven a piques de sacar unha foto da roupa da cama. O final, creo que con bo criterio, puxen esta outra (unha vista, algúns xa vos decatariades, do canón do Sil na Ribeira Sacra) que me lembra a infancia, esa época de xogos e ilusións que quizais nunca debéramos superar.
Algunhas tardes cando era rapaz ía por carreiros que atravesaban devesas e toxais (que hoxe xa están intransitables) e chegaba a ladeira do monte de Barantes a unha zona chamada Reboredo. Alí sentábame nun penedo, entre carpazas e uces, e deixaba pasar o tempo ollando a natureza salvaxe e fermosa que me rodeaba: o canón do Sil en todo o seu esplendor, un mundo penedío de formas singulares e caprichosas, mitoloxía xeolóxica aloumiñando os sentidos e a imaxinación do neno que se desborda a procura de covas e tesouros agochados; algunhas viñas espalladas pola ribeira, Lobeiras, Emparadeada, o regato do Cachufeiro; ladeiras escarpadas, socalcos tecidos polo home as veces desafiando a mesma lei da gravidade, e o río Sil mais abaixo como unha fronteira onde o Casiano amarraba a súa barca de caracocha de castiñeiro como un xoguete fráxil e prohibido. Mais alá estaba Ourense e os “caldelaos rabudos”, regueiros que baixaban impetuosos e o Mosteiro de Santa Cristina regalando serenidade entre as árbores. Era fermoso deixar pasar o tempo así.
Daquela nada sabía das opas hostiles, dos atascos en hora punta, da dinámica de fluxos, da xeopolítica, da disfunción eréctil, das hipotecas. Tiña moitos soños e as únicas preocupacións era gañar o partido de fútbol do domingo ou as carreiras de bicicletas.
De cando en vez volvo a ese mundo e séntome nun penedo. As viñas fóronse abandonando case todas, onde antes medraban cepas agora prosperan silvas, fentos, xestas e sobreiras, e os antigos carreiros que tanto saben de cestos de uvas, de feixes de leña, de suor e faladoiros, están engulidos pola vexetación. Mais a vista segue a ser fermosa, o canón segue amosándonos a súa agreste fisionomía e o Sil segue alá abaixo coma sempre, un pouco mais orfo, eso si, porque xa hai anos que a barca de caracocha de castiñeiro do Casiano non está amarrada a súa beira
.

lunes, 17 de diciembre de 2007

MEME MUSICAL

W. Sobchak convidoume a escribir un meme cos 10 mellores discos da historia. Tarefa esta moi difícil senón imposible. Para que sexa mais doada a elección vou a centrarme nun período, na década dos oitenta, a época dourada da música nacional. Nada foi igual dende entón, nin se repetiu a eclosión musical e talentosa de grupos e artistas que agromaron naquel momento: cantautores, movida madrileña, rock radical vasco, heavy, punk, movida galega, etc.
Nomeo, pois, algúns dos solistas e grupos que me gustan desa época relacionándoos con un disco deles. Por suposto que hai ausencias destacadas pero 10 é un número finito e os que están si que son.



JOAQUÍN SABINA: Malas compañías, 1980.
Cantautor urbano por excelencia compuxo algunhas das mellores letras das tres últimas décadas. Cantante, letrista, poeta, crápula, animal nocturno de verbo fácil, caveira, transgresor, republicano, amigo do toreo, da nicotina e das noites nas que lle levanta as faldras á lúa. Dende logo que non é o seu mellor disco pero nel están dúas cancións imprescindibles: “Pongamos que hablo de Madrid” e a impresionante e opresiva “Calle melancolía”.


LEÑO: Corre, corre, 1982.
Foi no ano 77 cando Rosendo, cansado das excentricidades de José Carlos Molina, deixou Ñú e con Ramiro Penas e Chiqui Mariscal (que pronto abandonaría entrando no seu posto Toni Urbano) forma Leño. Uns anos despois eran o grupo de rock con mais carisma do territorio nacional.
No 83 despois do final da xira “El rock de una noche de verano” de Miguel Rios (na que participou xunto cunha rockera que empezaba, Luz Casal) Leño desfíxose cando estaban no mellor momento da súa carreira. Atrás quedaban 3 discos, 1 directo, e 7 ou 8 singles. E empezou a lenda.


MIGUEL RIOS: Rock and Rios, 1982.
Situou o rockero de Granada no cumio da súa carreira. O rock en España non se podería entender sen a aportación deste andaluz universal.
Un máxico e electrizante inicio con “Bienvenidos”, cancións míticas como “Himno a la alegría” ou “El río”, baladas como “El blues del autobús”, bon acompañamento con un fenomenal Sergio Castillo a batería, ou as guitarras de García de Diego, Jhon Parsons e Salvador Domínguez, fan deste doble Lp posiblemente o directo mais importante da historia do rock español.


ILEGALES: Ilegales, 1982.
O rock asturiano irrompeu con forza no territorio nacional con esta banda liderada por Jorge Martínez e que amosa o seu mellor esplendor nos directos, letras ácidas, guitarras potentes e cun Jorge en plan gurú irreverente criticando entre canción e canción todo o que se move.
Tanto neste álbum como no seguinte “Agotados de esperar el fin” atópanse as cancións mais emblemáticas da banda.




SINIESTRO TOTAL: Menos mal que nos queda Portugal, 1984.
Como non lembrarse deste grupo vigués de punk-rock que liderado por Xulián Hernández e Coppini, con letras divertidas, cachondas e ata surrealistas agromou como un sopro de aire fresco no panorama musical galego.
Este é o seu terceiro disco, atrás quedaba un xenial "¿Cuando se come aquí?" do 82, e "Siniestro Total II: El regreso" do 83, que me parece algo inferior os outros.



BARÓN ROJO: Barón al rojo vivo, 1984.
Liderado polos irmáns De Castro o mellor grupo de heavy metal hispano publica esta dobre LP en directo (como colofón os tres exitosos discos anteriores). Cancións como “Campo de concentración”, “Tierra de vándalos”, “Los rockeros van al infierno”, “Con botas sucias”, son himnos para as hordas heavys.




RADIO FUTURA: La ley del desierto, la ley del mar, 1984.
Son os máximos exponentes do rock latino, un grupo que explorou novos horizontes e novos sons que despois outros copiarían. Para min este é posiblemente o seu mellor traballo cunha presada de moi boas cancións entre as que destacan “Escuela de calor” e “Semilla negra”.




LA POLLA RECORDS: Revolución, 1985.
Dentro do chamado rock radical vasco La Polla Records é un dos grupos mais representativos, xunto con Hertzainak, Kortatu, Cicatriz e Eskorbuto.
Alimentándose sobre todo do punk (grupos como Sex Pistols ou The Clash) as súas letras (tanto as deste disco como as do anterior, Salve) son auténticos puñetazos nos fociños, e amosan o desencanto dunha xuventude vasca inmersa no paro, na marxinalidade e na droga. Crítica directa o estado, a igrexa, a policía, en definitiva o sistema. Todo eso con altas doses de ironía e sentido común.


ROSENDO: Loco por incordiar, 1985.
Rematada a historia de Leño, Rosendo inicia no 85 a súa carreira en solitario con este LP que contén pezas tan memorables como “Agradecido”, “Loco por incordiar”, “ Pan de higo”. Rock guitarreiro e contundente, voz rota e augardentosa, a sinxeleza por bandeira, carisma e honestidade enriba dun escenario.
Pasou o tempo e Rosendo segue a ser un referente indiscutible do rock urbano, fiel os seus principios. “Nunca he seguido las modas, el rock and roll no las necesita”, dixo nunha ocasión.


EL ÚLTIMO DE LA FILA: Enemigos de lo ajeno, 1986.
Co seu pop-rock con toques sureños e flamencos, e unhas letras cheas de lirismo e poesía onde non falta a carga e a denuncia social, este dúo (Manolo Garcia e Quimi Portet) convértese nun dos fenómenos musicais mais importantes da década.
O éxito que xa tiveran con primeiro LP “Cuando la pobreza entra por la puerta, el amor salta por la véntana”, confírmase neste e continuou imparable nos seguintes traballos.

Ben W. Sobchak, traballo cumprido, con bastante atraso todo hai que dicilo.
Non lle vou pasar o encargo a ninguén pero si queredes podedes elixir un disco, grupo ou solista nacional desa época que sexa o voso favorito.
Será interesante ver por onde van os tiros.



*Unha hora mais tarde: Cambiei de opinión, vou convidar a Silvana. Que se fastidie.

domingo, 4 de noviembre de 2007

MEME: 8 DO OESTE


Silvana invitoume a participar nun meme (que carallo quererá decir esta palabra) que circula estes días pola blogosfera. Trátase de facer unha lista de 8 cousas, as que se queiran. Se queredes mais instruccións premer aquí.
Non me gustan moito estas historias pero ¿quen se resiste a un convite feito por unha rapaza monfortina? Así que púxenme a cavilar.
Primeiro pensei en programas de televisión interesantes pero non hai suficientes. Logo tentei escribir unha lista de políticos honrados. Seguramente hainos, pero hoxe non me lembrei de ninguén.
Total que non sabía que facer. Cando xa estaba a piques de ser capturado pola desesperanza veu na miña axuda, montado nun cabalo de magnífica estampa, John Wayne.
E aquí tedes 8 das mellores películas do western segundo a miña modesta opinión. Sen dúbida hai mais, pero penso que esta é unha boa mostra. Están postas por orden cronolóxico.

1- A DILIXENCIA (John Ford, 1939), con John Wayne, Claire Trevor, Thomas Mitchell e John Carradine.
2- RAICES PROFUNDAS (George Stevens, 1952), con Alan Ladd, Jean Arthur, Van Heflin e Jack Palance.
3- SÓ ANTE O PERIGO (Fred Zinneman, 1952), con Gary Cooper, Grace Kelly, Katy Jurado e Lloyd Brigdes.
4- CENTAUROS DO DESERTO (John Ford, 1956), con John Wayne, Jeffrey Hunter, Vera Miles, Wad Bond e Natalie Wood.
5- RÍO BRAVO (Howard Hawks, 1959), con John Wayne, Dean Martin, Ricky Nelson, Angie Dickinson e Walter Brennan.
6- GRUPO SALVAXE (Sam Peckinpah, 1969), con William Holden, Ernest Borgnine, Robert Ryan, Edmond O'Brien e Warren Oates.
7- BAILANDO CON LOBOS (Kevin Costner, 1990), con Kevin Costner, Mary McDonnell, Graham Greene e Rodney A. Grant.
8- SEN PERDÓN (Clint Eastwood, 1992) con Clint Eastwood, Gene Hackman, Morgan Freeman e Richard Harris.

Non lle vou pasar a pelota do meme a ninguén en concreto, pero os que queirades seguir co tema cinéfilo podedes facelo. A min paréceme ben e mesmo vos podo facer un par de suxerencias.
Lista das películas mais vistas en Kuala Lumpur no verán do 93.
Lista de películas de espionaxe feitas en Hollywood e nas que o final ganan os rusos.

martes, 1 de mayo de 2007

CUESTIONARIO PROUST

Por prescrición da miña doutora preferida paso a responder o cuestionario Proust. Por suposto, todo o que aquí diga (mellor dito, escriba) negareino perante dun tribunal. Quedades avisados.

O principal rasgo do meu carácter? Moitos opinan que estou tolo e a min fáltanme argumentos para contradicilos.

A calidade que prefiro nun home? A sinceridade.

A calidade que desexo nunha muller? Igual ca no home.

O que máis aprecio nos meus amigos? Que nunca piden nada e sempre dan (a frase é de Víctor Manuel), e que me inviten as cañas de cervexa. Como vedes todo ten relación.

O meu principal defecto? Que teño demasiados.

A miña ocupación preferida? Sendeirismo, fútbol, cine, poesía, escribir e curiosear polos blogs.

O meu soño de dicha? A xubilación anticipada.

Cal sería a miña maior desgracia? Perder os catro ou cinco amigos que aínda me quedan. ¿Quen me ía invitar despois as cañas de cervexa?

Que quixera ser? Un raposo correndo polas terras de Sober con moreas de galiñas ceibes polas devesas

Onde desexaría vivir? Na ladeira dun monte no canón do Sil.

A cor que prefiro? Vermella

A flor que prefiro? A flor do toxo.

O paxaro que prefiro? O carrizo: fai uns niños moi apañados.

Os meus autores preferidos en prosa? Borges, Cortazar, Bioy Casares, Manuel Rivas, Suso de Toro, etc..

Os meus poetas preferidos? Celso E.Ferreiro, Méndez Ferrín, Borges, Manuel Rivas, Alberti, Celaya etc..

Os meus heroes de ficción? Capitán Trueno, Mortadelo, Pepe Gotera e Otilio.

As miñas heroínas de ficción? Non teño.

Os meus compositores preferidos? Sabina e Rosendo Mercado.

Os meus pintores predilectos? El Bosco, Dali, e os pintores anónimos da cova de Altamira.

Os meus heroes da vida real? Che Guevara, Salvador Allende, Crístobal Colon.

As miñas heroínas históricas? Victoria Kent, por exemplo.

Os meus nomes favoritos? Lucía, Antía, Xavier.

Que detesto máis que nada? A inxustiza e a falta de liberdade.

Que caracteres históricos desprezo máis? O fascismo, as actitudes dictatoriais.

Que feito militar admiro máis? A loita de Fidel en Sierra Maestra.

Que reforma admiro máis? As desamortizacións de Mendízabal e de Pascual Madoz (a pesares dos seus erros) e as reformas que se iniciaron na II República é que algúns cabróns non deixaron rematar.

Que dons naturais quixera ter? Poder prever o futuro (dígoo polo da lotería primitiva)

Como me gustaría morrer? Sen sufrir e sen molestar.

Estado presente do meu espírito? Desasosegado.

Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os posibles fallos que se cometan loitando pola liberdade.

O meu lema? Estar en paz comigo mesmo (esto creo que o dixo Voltaire) e sempre en loita cos nostálxicos do antigo réxime.


Se alguén lee esto e quere seguir co cuestionario a min paréceme ben e a Proust non creo que lle moleste.
Persoalmente convido a que o fagan Moralla, Ra , Xurxocimadevila e Mouchobranco.