martes, 29 de octubre de 2013

LOU REED


Amou e cantou a New York como ninguén o fixera antes. Camiñou sobre o gume da navalla e reflectiu nas súas cancións o lado escuro da cidade. Coqueteou coas drogas e o alcohol máis do que debera. Abriu camiños imprescindibles na música. Un referente dos últimos 40 anos do rock, pero tamén do punk. Lou Reed, o cantante salvaxe do rock acaba de morrer con 71 anos. Cando empecei a ler as súas cancións souben que tamén era poeta.

martes, 8 de octubre de 2013

O INVENTO DO PICAÑO DE TRES GALLOS

Despois de moito furgar en vellos caixóns e en papeis amarelos e con couza, din co que buscaba. Un escrito datado en 1868 demostra, sen ningún xénero de dúbidas, que o meu tataravó Dositeo Carnero, da casa da Riba, inventou, a idade de 21 anos o picaño de 3 gallos. Invento que revolucionou a arrinca do esterco en Barantes e Santiorxo, espallándose despois coa forza dun tsumani pola parroquias adxacentes. As cortes que antes se tardaba un día en limpar de abono e barreduras agora co novo apeiro na mañá rematábanse. Arrancábanse unhas folerpas grandísimas que case non se daban chimpado enriba do carro.Todos estaban moi contentos, ata os carros cantaban polas congostras que daba gusto oílos. Os homes de Barantes pagaron a escote un folión como nunca antes se recorda e mesmo quixeron nomear ó Dositeo patrón segundo de Barantes, un chanzo por debaixo do San Xoan.
 Ben, todos contentos non estaban: o Pepiño de Cotovío, que andaba sempre ó xornal, ficou amolado porque seica o novo invento lle ía quitar moitas horas de traballo coa correspondente redución de salario, claro; e houbo mulleres, coma Crisanta das Polainas e a Xenoveva dos Hortos, que dixeron que ese era un invento do diaño e que o que tiña que facer o señor cura era excomungar o inventor. Por sorte, o párroco D. Evaristo Hervella, que era home ilustrado, non se deixou levar por esas difamadoras e na misa do domingo dixo que de excomungar nada de nada, que todo o que favorecía ó traballo dos homes era ben visto ós ollos de Deus, agora ben que de nomear patrón de Barantes ó Dositeo tampouco, que a parroquia co San Xoán tiña bastante.
O caso foi que con este invento a arrinca do esterco rematábase antes e os homes tiñan máis tempo libre para ir a cantina beber cuncas de viño e xogar á brisca, coa conseguinte mellora en calidade de vida, agás o Pepiño de Cotovío que como tiña menos cartos ía menos ó chigre, coa conseguinte alegría da súa dona que o tiña máis tempo na casa.
 Non vou pedir ningunha recollida de firmas para o recoñecemento do invento pero prégolle a tódolos homes e mulleres de ben que cada vez que agarren un picaño se lembren do Dositeo e recen un Pai Noso e unha Ave María pola súa alma, que en paz descanse.