martes, 8 de octubre de 2013

O INVENTO DO PICAÑO DE TRES GALLOS

Despois de moito furgar en vellos caixóns e en papeis amarelos e con couza, din co que buscaba. Un escrito datado en 1868 demostra, sen ningún xénero de dúbidas, que o meu tataravó Dositeo Carnero, da casa da Riba, inventou, a idade de 21 anos o picaño de 3 gallos. Invento que revolucionou a arrinca do esterco en Barantes e Santiorxo, espallándose despois coa forza dun tsumani pola parroquias adxacentes. As cortes que antes se tardaba un día en limpar de abono e barreduras agora co novo apeiro na mañá rematábanse. Arrancábanse unhas folerpas grandísimas que case non se daban chimpado enriba do carro.Todos estaban moi contentos, ata os carros cantaban polas congostras que daba gusto oílos. Os homes de Barantes pagaron a escote un folión como nunca antes se recorda e mesmo quixeron nomear ó Dositeo patrón segundo de Barantes, un chanzo por debaixo do San Xoan.
 Ben, todos contentos non estaban: o Pepiño de Cotovío, que andaba sempre ó xornal, ficou amolado porque seica o novo invento lle ía quitar moitas horas de traballo coa correspondente redución de salario, claro; e houbo mulleres, coma Crisanta das Polainas e a Xenoveva dos Hortos, que dixeron que ese era un invento do diaño e que o que tiña que facer o señor cura era excomungar o inventor. Por sorte, o párroco D. Evaristo Hervella, que era home ilustrado, non se deixou levar por esas difamadoras e na misa do domingo dixo que de excomungar nada de nada, que todo o que favorecía ó traballo dos homes era ben visto ós ollos de Deus, agora ben que de nomear patrón de Barantes ó Dositeo tampouco, que a parroquia co San Xoán tiña bastante.
O caso foi que con este invento a arrinca do esterco rematábase antes e os homes tiñan máis tempo libre para ir a cantina beber cuncas de viño e xogar á brisca, coa conseguinte mellora en calidade de vida, agás o Pepiño de Cotovío que como tiña menos cartos ía menos ó chigre, coa conseguinte alegría da súa dona que o tiña máis tempo na casa.
 Non vou pedir ningunha recollida de firmas para o recoñecemento do invento pero prégolle a tódolos homes e mulleres de ben que cada vez que agarren un picaño se lembren do Dositeo e recen un Pai Noso e unha Ave María pola súa alma, que en paz descanse.

4 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Falas hoxe dunha ferramenta que sempre me tivo moito respeto. Teña os gallos que teña; así que conta co PaiNoso para Dositeo dende a parroquial de San Xoán de Antas (mira ti).

Alís dijo...

Un nunca se para a pensar en quen inventou as ferramentas que usamos, pero non hai dúbida que os que o fixeron teñen moito mérito. Así que dende aquí vai tamén unha oración (ou o que saia) para Dositeo.

Non sei si só é un relato ou si hai algo de certo nesta historia, pero disfruteina moitísimo.

Unha aperta

J Cima D Vila dijo...

Eu ferros para traballar cantos menos mellor, asi que de pai noso nada de nada :P

paideleo dijo...

Ese aparello seméllase á " ghalla " que empregan en Arbo para baixar o bagazo no barril cando estáa ferver.
Un painoso non pero si un brinde por Dositeo e os sabios inventores.