Como un golpe de mar
na metade da fronte,
como un golpe de mar
cando os mariños poñen rumbo
ó corazón da noiteboa.
Polos meus ollos voaron bolboretas azuis
que despois se desfacían
contra as hélices dos avións
que sucaban o ceo encapotado do futuro.
Unha fumareda envolve os dedos
das malditas madrugadas
nun axuste de contas comigo mesmo.
A infancia saloucando polas congostras,
a infancia convertida en cinzas,
coma o cadáver dun animal
sacrificado no lume dos antigos deuses,
cando os reis magos
non puideron
chegar a tempo
porque trabucaron o camiño
e acabaron indocumentados
delirando en calquera comisaría,
e a carón do presebe
só queda o recendo da morriña,
do que puido ser e non foi,
e un cartel na
porta
de “Pechado por reformas”.
(Este poema foi premiado no Certame Literario Revista A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa, Becerreá)
(Este poema foi premiado no Certame Literario Revista A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa, Becerreá)