jueves, 12 de mayo de 2022

teoría do caos


o descapotable de James Dean

está a piques de esnafrarse

na Interestatal 80 contra a nave Enterprise

na que Han Solo e Chewbacca 

xogan despreocupados ó mus

mentres na zona de carga

o Capitán Trueno lle está a dar

unha marimba a Sigrid

porque a pillou fozando

na entreperna do tenente Colombo

 

o doutor Hannibal Lecter

olla a escena

e sorrí despreocupado

mentres come un churrasco

pouco feito nun mesón

de  Castro Caldelas


                         Do libro "Nas esquinas do frío"

                        A imaxe é un debuxo  de Roberto Riolo, titulado "Caos"

jueves, 21 de abril de 2022

fuxir é inútil


 

un día descubriu

o verdadeiro rostro desta cidade

desde entón non deixou de fuxir dela

 

esforzo inútil

“non atoparás outras terras

nin outros mares

a cidade irá contigo a onde vaias”

escribiu Cavafis 


Do libro "Nas esquinas do frío"

Foto de Constantinos Cavafis

                                               

 

martes, 12 de abril de 2022

tren de paso

 

 


o tren

fura a paisaxe

a velocidade constante

 

en sentido contrario

os recordos do pasaxeiro

tamén van furando no tempo

buscando esa primeira estación

na que sacou un billete de ida

sen destino fixado

                             Do Libro "Nas esquinas do frío"

viernes, 25 de marzo de 2022

homo erectus

 


  

despois de ducharse e afeitarse

after shave revitalizante

e almorzo con cereais

saíu a rúa

 

con forza

con carraxe

con fatídica determinación

pisou o asfalto

coa seguridade de que aí

nunca máis volvería medrar a herba


                                           Do libro "Nas esquinas do frío"

martes, 15 de marzo de 2022

Poemas de Manuel Rivas

 



CULTURA

A esa hora,

naquela taberna,

tódolos vellos parecían Samuel Beckett.



AMIGOS

Él era forte e feble coma un marine.

Ela, fráxil e invencible,

coma unha guerrilleira do Vietcong.



PUTA

Tíñalle moita veneración

á Virxe do Carmen,

patrona do mar.

Os seus mellores clientes foran sempre

mariñeiros e cregos.



PROGRESO

O home loiro puxo o walkman

e non escoitou a babyalarm.

O neno choraba

porque soñou cun monstro

dos de toda a vida.


Do libro "NINGÚN CISNE", de Manuel Rivas




A

lunes, 21 de febrero de 2022

especulando no mercado

  


cando era mozo

por cobiza e afán de aventura

decidiu venderlle

a súa alma ó Demo

 

anos despois   desacougado

coa señardade

petándolle por dentro

e aproveitando as rebaixas do Nadal

mercoulle a súa alma a Deus

 

agora empeza a decatarse

de que neste tipo de transaccións

el é o único perdedor


                      Do libro "Nas esquinas do frío"

lunes, 7 de febrero de 2022

Estremas


 "Sempre houve estremas

mas antes os pastores nâo davam

descargas elétricas".


Charo Lopes,
do libro "De como acontece o fim do mundo".

sábado, 29 de enero de 2022

a carón do perigo

 

vivo a carón dun mar oxidado

as ondas nos días de temporal

lamben con sal as vellas feridas

desta cidade habitada por náufragos

que saen á procura dun licor escuro

entre os círculos da noite

 

unha toponimia do abandono bate nela

un tremor no pulso que nos avisa

da fatiga dos materiais

e delata que non hai abrigo

nin redes xeodésicas

para soportar tanto inverno

e que o sangue non é suficiente

para protexer un corazón

que camiña

inexorablemente

cara ó infarto


                                  Do libro "Nas esquinas do frío"

sábado, 22 de enero de 2022

Lepiotas fóra de tempada

 


Con isto de cambio climático as pobres lepiotas xa non saben cando teñen que saír.

miércoles, 12 de enero de 2022

corpo a corpo

 


loitaron desde sempre

desde dentro

en campo aberto

e corpo a corpo

 

avanzaron e recuaron

pelexando por cada

centímetro cadrado de pel

ninguén deu o seu brazo a torcer

 

non se decataron de que hai guerras

que só gañan os desertores


                                      Do libro "Nas esquinas do frío"

                                      Imaxen: "Duelo a garrotazos", cuadro de Goya

sábado, 1 de enero de 2022

2022