jueves, 10 de noviembre de 2022

rachar os poemas

 

cando esta violencia que nos agrilloa

teña catorce nós que poñan freo ó recordo

a ese recordo que tangue as palabras

coma un motor de combustión interna

coma un estoxo onde encaixar as pezas para saír a flote

actualizar o software e o teorema dos temporais incertos

 

cando ó chegar á encrucillada non se poida apagar un berro

e os noctámbulos anden á toa porque perderon

o derradeiro autobús a terra firme

 

cando un tiro a queimarroupa estrague a conversa

en calquera esquina para máis tarde

na soidade do teléfono

atopar tremores agachados á beira das pestanas

razóns para vestirse de negro

e  saber que os raposos e as gaivotas

tamén teñen tristura na ollada

 

cando a longa barra dun bar nos amose

que un borracho pode abafar nun pedestal

mentres unha rúa sen fin o leva ata a súa infancia

a súa infancia que ten algo de fronteira

e algo de paraíso perdido e algo máis

 

cando fiquen caladas tódalas radios

cando se rebelen os reloxos

cando os puntos cardinais desaparezan

non terá sentido seguir escribindo

e racharei en mil anacos estes poemas


                                               Do libro "Nas esquinas do frío"

No hay comentarios: