jueves, 21 de junio de 2018

O home do saco




De cando en vez
os vellos
falaban  do home do saco
un ser escuro
silente e fuxidío
que habitaba nas sombras
e raptaba os nenos
túzaros e desobedientes.

Eu non o era
abofé que non o era
aínda así esa noite
agochábame inquedo entre as sabas
tremía cos ruídos do faiado
e imaxinaba que tiña na man
a pistola de John Wayne
coa que defenderme
dese home escuro e malencarado
que habitaba nas sombras
e raptaba os nenos
túzaros e desobedientes.

      Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

martes, 12 de junio de 2018

Uxío Novoneyra: A agonía do mundo rural




"A agonía do mundo rural aínda segue sendo a ferida máis quente de Galicia. A ferida máis grande. E ninguén fala diso. É o silencio máis doroso. Estamos deixando perder unha memoria".

"A xente aceptou a agonía do rural. E o goberno aceptou a agonía do rural dicindo que é irreversible. Acéptana cunha tranquilidade pavorosa, sen saber que se vai o sentido fundamental do noso pobo. Eí estaba a reserva última da nosa lingua".

Uxío Novoneyra, 1998

martes, 5 de junio de 2018

Fazañas bélicas



                        “Compañeiros de xogos e trasnadas,
                        irmáns nas molladuras”.
                        Xosé Neira Vilas

Un exército de afouta rapazada
alanca  entre os resíos das casas
e invade  corgas e  lameiros.

Os merlos estremécense
nas pólas da figueira
os cristais
pechan as contras asustados
medorentos os gatos miañan
agochados baixo os carros
e os cans liscan espavorecidos
co rabo entre as pernas.

Nin rastro do escaravello da pataca.

Fentos e silvas réndense
ó paso triunfal das zocas militares.

Ninguén está a salvo
tendo en conta
que compartimos unha amizade
de pedra e campo aberto
e portamos temibles armas
de destrución masiva
frechas e tiracoios.

             Do libro "Cartografía da infancia"