“Poemas
para un reencontro co que salvarnos
recadando
ausencias que impulsen
todo
aquilo que nos precedeu
a
familia, os veciños, a parroquia”.
Xerardo
Quintiá
Canto
Barantes na memoria
cando era o embigo
do mundo
a perspectiva
inmutable
o
cordón umbilical ó que agarrarse
e saciar a secura
dun tempo de cristal
ese útero de
estrelas ateigado de devezos
unha luzada
enchoupando os valados
o lugar onde
confluían as sementes
mentres medrabamos
silandeiramente
coma o fento e a
carriza
baixo un ceo de
fouce e aixada.
Ese minifundio
ordenado
protexido por
marcos e usos ancestrais
ese mundo de pedra
batendo nos camiños
esa cartografía da
infancia cosida
con fíos do
recordo ó corazón.
Cando agromaban as
palabras coma xermolos
lousa, chavella
vacaloura, peneira,
pantrigo
treitoira, bulló.
Cando cos meus
poucos anos
escoitaba cantar á
filla do Pepe Barril
na escabulla da
millo
e tiña un medo
cerval e atávico
ó pasar por diante
da casa da Rosa
metade bruxa, metade tola
e a saber que
misterios se agochaban
entre aquelas
catro paredes.
E as mulleres cos
mandís
na laga do Amendo
as zocas
o Manuel do Novo
a tenrura da señora Asunción
o esplendor
daqueles días
cando tódalas
chemineas fumegaban
contra o frío da
tarde.
E os bocadillos de
Nocilla
ó regresar da
escola
e os discos
dedicados
na vella radio
Telefunken.
Canto Barantes na
memoria
agora que os
camiños están orfos
a metade das casas
baleiras
as fincas a morón
e a miña aldea esmorece
devalando inexorablemente
cara ó silencio e
o esquecemento.
Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"