lunes, 14 de enero de 2019

Canto Barantes na memoria


“Poemas para un reencontro co que salvarnos
recadando ausencias que impulsen
todo aquilo que nos precedeu
a familia, os veciños, a parroquia”.
Xerardo Quintiá

Canto Barantes na memoria
cando era o embigo do mundo
a perspectiva inmutable
o cordón umbilical ó que agarrarse
e saciar a secura dun tempo de cristal
ese útero de estrelas ateigado de devezos
unha luzada enchoupando os valados
o lugar onde confluían as sementes
mentres medrabamos silandeiramente
coma o fento e a carriza
baixo un ceo de fouce e aixada.

Ese minifundio ordenado
protexido por marcos e usos ancestrais
ese mundo de pedra batendo nos camiños
esa cartografía da infancia cosida 
con fíos do recordo ó corazón.

Cando agromaban as palabras coma xermolos
lousa, chavella
vacaloura,  peneira,  pantrigo
treitoira,  bulló.

Cando cos meus poucos anos
escoitaba cantar á filla do Pepe Barril
na escabulla da millo
e tiña un medo cerval e  atávico
ó pasar por diante da  casa da Rosa
metade bruxa,  metade tola
e a saber que misterios se agochaban
entre aquelas catro paredes.

E as mulleres cos mandís
na laga do Amendo
as zocas
o Manuel do Novo
a tenrura da  señora Asunción
o esplendor daqueles días
cando tódalas chemineas fumegaban
contra o frío da tarde.

E os bocadillos de Nocilla
ó regresar da escola
e os discos dedicados
na vella radio Telefunken.

Canto Barantes na memoria
agora que os camiños están orfos
a metade das casas baleiras
as fincas a morón
e a  miña aldea esmorece
devalando inexorablemente
cara ó silencio e o esquecemento.

          Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

No hay comentarios: