jueves, 7 de julio de 2022

cartas marcadas


ti sabes que esta noite

non se fixo para perdela

que hai momentos máxicos

que se non os aproveitas

se escorren como area entre os dedos

e xamais os volves atopar

 

tamén sabes que cando o sol

rache as tebras

e comece un novo día

todo se verá doutra forma

ti xa non serás tan fermosa

nin eu tan simpático

as rúas poeirentas non serán

autoestradas cara ó sétimo ceo

esta desordenada habitación

nada terá que ver co paraíso

e os periódicos do quiosqueiro madrugador

seguirán ulindo a pólvora e sobresaltos

falando da traxedia das pateras

da crise económica

de políticos corruptos

e mortes por malos tratos

 

ti sabes que non podemos empeñar o futuro

cun amor a fondo perdido

de dúas persoas que vimos de volta

dun camiño que leva a ningures

precisamente agora

que é tan caro o pago

da hipoteca dos sentimentos

tamén sabes que esta non é a nosa partida

que podemos gañar algunhas mans

pero non tería moito mérito porque

á fin e ó cabo os dous xogamos

( e sabémolo) coas cartas marcadas


                                Do libro "Nas esquinas do frío"