Os que estamos malditos
percorremos as rúas
coas roupas dun mércores calquera
unha canción de Bruce Springsteen
nos beizos
e un desexo de esnaquizar
escaparates
porque a liberdade
verdadeira
foise esgotando ó longo
dos séculos
e o amor é unha páxina en
branco
esquecida nos diarios.
Os que estamos malditos
camiñamos polo gume da
navalla
levando nos pés as úlceras
doentes dos marxinados
embebidos de música e de
luz
asoballados por pantasmas
de fría morte
que nos arredan de nós
mesmos
cando a única voz que nos
chega
é a dun contestador
automático.
Os que estamos malditos
loitamos contra o desterro
o afogo e a tensión dunha
sociedade
que nos puxo ás costas
unha inquedanza de
horóscopos
unha orde de busca e
captura
por ter sido tan sinceros
e tan rebeldes e rexeitar as
trécolas
que nos impoñen cada día.
Os que estamos malditos
sentimos a anguria do
presente
baixo a ameaza dun nó
corredizo
e ninguén preguntará pola
xiringa
que pon lume na veas
o tanque que esmaga as
vísceras
eses silencios longos
ou a desesperanza que
abeira
como un xinete máis da
apocalipses.
Os que estamos malditos
buscamos o alcol que nos
tatúe a fronte
as palabras que vencen ós
uniformes
a noite e as princesas
urbanas
e con todo seguimos
mordendo o po
vexados e consumidos coma
cans
de palleiro e cunha
equipaxe
de estragadas nostalxias
nos bolsos
sen fondo da nosa alma.
Os que estamos malditos
percorremos as rúas
e sempre atoparemos un
último refuxio
para as nosas pisadas
unha última lenda que nos
dea pasaporte
un último golpe de loucura
que nos leve máis alá
e saber que seguimos vivos
e saber que aínda non
morremos de todo.
Premiado no VII Concurso Literario "Rosa de Cen Follas", Santiago 2014
Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios".
Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios".