martes, 18 de junio de 2019

Os que estamos malditos


Os que estamos malditos
percorremos as rúas
coas roupas dun mércores calquera
unha canción de Bruce Springsteen nos beizos
e un desexo de esnaquizar escaparates
porque a liberdade verdadeira
foise esgotando ó longo dos séculos
e o amor é unha páxina en branco
esquecida nos diarios.

Os que estamos malditos
camiñamos polo gume da navalla
levando nos pés as úlceras
doentes dos marxinados
embebidos de música e de luz
asoballados por pantasmas de fría morte
que nos arredan de nós mesmos
cando a única voz que nos chega
é a dun contestador automático.

Os que estamos malditos
loitamos contra o desterro
o afogo e a tensión dunha sociedade
que nos puxo ás costas
unha inquedanza de horóscopos
unha orde de busca e captura
por ter sido tan sinceros
e tan rebeldes e rexeitar as trécolas
que nos impoñen cada día.

Os que estamos malditos
sentimos a anguria do presente
baixo a ameaza dun nó corredizo
e ninguén preguntará pola xiringa
que pon lume na veas
o tanque que esmaga as vísceras
eses silencios longos
ou a desesperanza que abeira
como un xinete máis da apocalipses.

Os que estamos malditos
buscamos o alcol que nos tatúe a fronte
as palabras que vencen ós uniformes
a noite e as princesas urbanas
e con todo seguimos mordendo o po
vexados e consumidos coma cans
de palleiro e cunha equipaxe
de estragadas nostalxias nos bolsos
sen fondo da nosa alma.

Os que estamos malditos
percorremos as rúas
e sempre atoparemos un último refuxio
para as nosas pisadas
unha última lenda que nos dea pasaporte
un último golpe de loucura
que nos leve máis alá
e saber que seguimos vivos
e saber que aínda non morremos de todo.

           Premiado no VII Concurso Literario "Rosa de Cen Follas", Santiago 2014
           Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios".

No hay comentarios: