viernes, 26 de septiembre de 2008

O ÚLTIMO DÍA

Convídame o mantedor de Trasalba a responder a un meme sobre certas cousas que un faría si o mundo se acabase mañá, posibilidade que non hai que desbotar tendo en conta a belixerancia armamentística de algúns dirixentes políticos, o acelerador ese de partículas que seica vai crear un buraco negro, as mensaxes apocalípticas dalgunhas sectas e bla, bla, bla.
Dende logo si se dera o caso eu pasaría todo o día facendo trasnadas: romper a cantazos o alumeado público, amosarlles a pirola as monxiñas, pedir préstamos bancarios para unha viaxe o mais alá, botar moreas de po de pica-pica no Corte Inglés, todo esto sen excluír o insulto verbal, a violencia física ou mesmo o uso indiscriminado de armas de fogo.
Pero cingámonos as preguntas en cuestión:
¿Que canción che gustaría escoitar?
Seguramente Los Pajaritos de María Jesús y su Inefable Acordeón: é tan repelente que habería que oíla por derradeira vez.
Na banda sonora da miña vida sempre hai un sitio para Rosendo, Springsteen, Sabina, Barricada, Bob Dylan .... Pero postos a escoller un quedaríame con Javier Krahe que me parece mais axeitado para a ocasión.
¿A que libro lle botarías un ollo?
Para ler escollería por razóns obvias algún relato breve, de Manuel Rivas ou de Borges por exemplo; algún artigo de Jose Luís Alvite tampouco estaría mal.
¿Con quen che gustaría falar?
Hai algunhas personas das que me gustaría despedirme especialmente. Non direi nomes, eles/elas xa o saben.
¿Que che gustaría comer?
Polbo á feira a esgalla ou un bo churrasco, ou as dúas cousas (un día é un día), abundantemente regado cun saboroso mencía de Amandi (¿a quen carallo lle importa xa si se supera a taxa de alcoholemia?).
¿Que farías e que che queda pendente por facer?
Fora do dito anteriormente non creo que me dera tempo a mais, así que vamos a deixalo así.
Pendentes quedan unha morea de cousas, quizais demasiadas : unha viaxe o Machu-Pichu, por exemplo; unha mágoa, porque seguramente ese último día as axencias de viaxes tiñan boas ofertas.
Para que non se rache a cadea teño que escoller a blogueiros/as que sigan o xogo. O azar, sempre inescrutable, quixo que foran por rigoroso orde alfabético: Carlos Sousa, Hadex, Mer, Pablo, e Zeltia.
Así que si len esto e aínda non fixeron o meme e queren e lles apetece e tumba que dálle e tal que sei eu, xa saben.

martes, 23 de septiembre de 2008

OUTRA VACA MAIS NO MILLO


Estes días pasados celebrouse a bombo e platillo o Congreso Rexional do PP de Madrid. Aparte da elevación os altares (como era de esperar) da ínclita Esperanza Aguirre o congreso deixounos burradas oratorias como tamén ven sendo habitual entre os dirixentes deste partido.
O presidente das Novas Xeracións do PP madrileño, un tal Pablo Casado, dixo no seu discurso algunhas frases que non teñen desperdicio:
"Yo estoy convencido, de que la inmensa mayoría de jóvenes españoles son del Partido Popular, y aún no lo saben. Si es que en el pleno siglo XXI no puede estar de moda ser de izquierdas, pero si son unos carcas. Están todos los días con la guerra del abuelo, con las fosas de no sé quien, con la Memoria Histórica, con la.., con el aborto, con la eutanasia, con la muerte.... cantando la internacional. Pero si la Internacional se cantaba cuando el comunismo dejó cien millones de muertos en el año... en el siglo pasado, pero qué es esto por favor!!. Los modernos somos nosotros. Nosotros no idolatramos asesinos como el Che Guevara. Idolatramos mártires como Miguel Ángel Blanco."

Podedes escoitalas aquí:


Vaiamos por partes.
Ou sexa que a inmensa maioría da xuventude de España é do PP. Eles non o saben pero son do PP. Son do PP aínda que estean afiliados o PSOE, o Bloque ou o PNV, aínda que sexan apolíticos. Ou sexa, son gilipollas que é o que no fondo parece querer dicir. Pois vai ser que non: nin do PP nin gilipollas. Faltaría mais.
Fala da guerra do avó como si fora unha tira de cómic coas batallas do “Abuelo Cebolleta” e non unha guerra civil que causou mais de medio millón de mortos.. Fala das “fosas de no se quien”. Mire Sr. Casado esas fosas as que vostede se refire con tanto desdén, con tanto desinterese e desprezo, son fosas de persoas que tiñan nome e apelidos, unha vida por diante que lles truncaron salvaxemente, que tiñan pais, fillos, familia. E os seus descendentes teñen todo o dereito do mundo a saber onde están enterrados, a recuperar os seus corpos, a reivindicar a súa memoria. E hai que ser moi insensible e moi miserable para non recoñecer ese dereito independentemente da afiliación política de cada quen.
Despois por non sei que estraña asociación de ideas (quizais debido o recente estreo da peli de Steven Soderbergh) falou do Che, ó que parece ser que non idolatra porque foi un asasino.
Como é frecuente neste partido vese con facilidade a palla no ollo alleo pero non a trabe no propio. Gustaríame oír o Sr. Casado criticar e condenar con igual vehemencia a figura de Francisco Franco que como todo o mundo sabe (menos quizais os dirixentes do PP) foi un golpista que se rebelou contra un goberno democraticamente elixido, que arrastrou a España a 40 anos de dictadura e que, aínda despois de rematar o conflicto, ten sobre a súa conciencia moitísimos mais mortos dos que poida ter o Che.
Pero sobre este noxento e criminal personaxe que eu saiba ningún dirixente do Partido Popular levantou a mais mínima crítica. E estou por apostar a que o Sr. Casado tampouco o fará. O peor ata ten un retrato seu na habitación e lle rende pleitesía tódolos domingos e festas de gardar.
Haberá que seguir con atención a carreira política deste cachorro pepero que seguro que nos seguirá obsequiando con barrabasadas e incontinencias verbais como as anteriores. Dende logo no partido mestres nos que fixarse non lle faltan.

sábado, 13 de septiembre de 2008

DON ERRE QUE ERRE


Nesta cova xa falei algunha vez do expresidente Aznar e as súas tonterías dialécticas. Dende logo como estadista non vai pasar a historia dos políticos ilustres pero dicindo burradas hai que recoñecer que é todo un artista.
A finais de agosto dixo: “Yo nunca me voy a arrepentir de la foto de las Azores. “No me arrepiento en absoluto porque fue el momento histórico mas importante que ha tenido España en 200 años”.
¿E quen estaba na foto esa? O pistoleiro tonto de Bush, o maiordomo disciplinado de Toni Blair, Barroso que facía de anfitrión submiso, e un home con bigote, baixiño el, cunha función que supoño sería algo así como de bufón recollepelotas. Vaia tropa!!


A foto e o momento si que foron importantes, pero da historia universal da infamia. O resultado: unha guerra ilegal, inxusta e absurda que causou centos de miles de mortos, que deixou un pais completamente esfarrapado, que fixo medrar a forza do terrorismo internacional e a tensión en Oriente Medio; en resumo, un mundo mais inseguro.
Case todos os que daquela apoiaron a acción militar (baseándose nas mentiras argalladas polos EEUU: armas de destrucción masiva inexistentes, relación de Sadam Hussein con Al Qaeda falsa) agora recoñecen o seu erro. Quedan algúns testáns emperrenchados en “sostenella e non enmendalla”.
Aznar é un deles. Este home non ten remedio.

martes, 9 de septiembre de 2008

PROBA DEFINITIVA


Que a terra é redonda sábese desde tempos remotos. As mitoloxías caldea, hindú, exipcia, etc.. xa aportan este concepto e para os antigos gregos era cousa corrente.
Xa Aristóteles (século IV a.C.) escribiu argumentos que así o demostraban e elaborou unha teoría astronómica o respecto, argumentos que retomaría e ampliaría Ptolomeo no século II para defender a forma esférica do noso planeta. 200 anos a.C. Eratóstenes calculou a súa circunferencia cunha precisión asombrosa para aquela época.
Pero faltaba a proba definitiva e mira por onde esta atópase na praza do Concello de Sober. Estes dous letreiros serven non só para demostrar categoricamente unha teoría científica senón tamén para confundir os conductores foráneos que non saben por onde coller e ante as dúbidas rematan por preguntarlle a algún viandante. O sentido común lévaos (e eso di moito o seu favor) a confiar mais nas indicacións dos veciños que nos paneis informativos da administración.