miércoles, 29 de septiembre de 2010

COUSAS VEREDES...

Nas miñas saídas sendeiristas de fin de semana atopas de cando en vez cousas curiosas. Velaquí algunhas:


En Castro Laboreiro (Portugal) poñen velas nos carreiros, non sei si para espantar os meigallos ou para alumear os transeúntes nocturnos.


Na Peroxa (Ourense) hai poetas rurais que fan publicidade das fontes. Conviña algunha indicación mais porque eu a fonte non a atopei.



E en Vilar (Folgoso do Caurel) o Xan fai as recomendacións pertinentes os visitantes coa ortografía propia do lugar.

martes, 21 de septiembre de 2010

LABORDETA


Jose Antonio Labordeta: socarrón, escéptico, republicano, pacifista, home de ben comprometido co pobo e as súas xentes.
Jose Antonio Labordeta: escritor, articulista, poeta, cantautor, político honrado.
Ensinou historia nos institutos; publicou un bo feixe de libros de poesía; para dar a coñecer mellor os seus versos arredor dos 70 empezou coa carreira musical e algunhas das súas cancións foron himnos de liberdade; metido en política elixírono deputado o Congreso pola Chunta Aragonesista en dúas lexislaturas e tivo o detalle de bo gusto de mandar “a la mierda” os do PP, esa caterva de alborotadores que o insultaban mentres dispoñía da súa quenda na tribuna de oradores. Foi un berro de rebeldía, claro e conciso, para poñer a certos señores no sitio que mellor lles corresponde.
O vin dúas veces en concerto, teño cintas e vinilos seus que aínda escoito de cando en vez, seguín a serie televisiva “Un país en la mochila”, e cando retransmitían pola 2 os debates do Congreso dos Deputados esperaba ó final para oír, durante os poucos minutos que lle deixaban, como a súa voz poñía algo de sentido común e dignidade entre tanta palabrería e dialéctica oca.
Lembro agora uns versos que lle dedicou Sabina nun disco que Labordeta gravou en directo en 1991 “Tu, yo y los demás” :
“Tres cosas tiene Aragón
que no cambian de chaqueta:
Buñuel, Francisco de Goya
y la voz de Labordeta”.
Sirvan agora estas liñas, apresuradamente escritas, como homenaxe póstuma a traxectoria vital dun home que admiro e respecto, e que deixa unha pegada de decencia e honradez na que moitos deberían aprender.

lunes, 13 de septiembre de 2010

UNHA DE MEMES

Por xentileza de Xenevra véxome involucrado unha vez mais nesta trasnada dos memes. Non gusto moito deles pero, como ben di ela, non leva moito tempo facelo e tampouco é cuestión de rexeitarlle o convite. Así que...
Canto tempo levas como blogueiro?
Creo lembrar que desde novembro do 2006, xa choveu, aínda que non son moi prolífico e tomo o meu tempo entre post e post.
Como coñeciches a existencia dos blogues?
Exactamente non o sei, supoño que cando un está de baixa e ten todo o día libre acaba descubrindo que hai xente para todo, mesmo para estas caralladas.
Cinco blogues que sigas diariamente ou con moita frecuencia?
Diariamente non, pero todos os que teño enlazados como “cómplices habituais” sígoos habitualmente.
Es lector anónimo dalgún blogue?
Aínda que moitas veces non comento, si entro habitualmente nalgún blogue sempre remato por presentarme.
Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Hai moitos, pero vou citar 3 que están moi preguiceiros ultimamente (a ver si se animan): Suso Lista, Doutora Seymour e Vermella.
Con que cinco blogueiros irías de esmorga?
Seguramente coa maioría deles, pero para tomar uns cantos cubatas penso que Chousa, Carlos Sousa e Brabido son uns bos pés.
Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Esta pregunta non é pertinente, despois lee esto a Raposiña e qué.

Namorácheste algunha vez dalgún bloguer?
Non, pero fixestes ben preguntar porque podía habelo feito.
Estás satisfeito co teu blogue?
O día que non o estea bótolle o pecho a cova.
Espallar este meme entre 3 e 5 blogues.
E agora a quen meto eu nestas lerias??!! Serán 3 para molestar o menos posible e espero que non estean xa nomeados. A ver, a ver, pito, pito, gorgorito: Bolboreteira, Maribel-bel e Manuel L. Rodrigues. Noraboa a tódolos premiados, he, he!!! Pois eso, si ledes esto e vos apetece seguir o meme vale, e si non tamén.

domingo, 5 de septiembre de 2010

UNHA DE BALNEARIOS


Xa sei onde teño que pasar uns días se quero recuperarme dos excesos do verán, dos estragos do sol e da noite, do abafo dos termómetros e desta tristura de ver tanto monte galaico/portugués chamuscado.
Aí podo fortalecer o espírito, probar augas minero-medicinais, recuperar o ton físico e muscular. Poden darme baños de hidromasaxe, coidados faciais, unhas fregas relaxantes polo lombo e polas miñas cansadas poutas.
E todo esto venme moi ben tendo en conta que onte participei na VIII Andaina Popular de Ribeira, 50 km. por terras barbanzanas. Pouco para un raposo dirán algúns, pero hai que andalos digo eu!!!!